Un estudo aborda os retos do vacún de carne ante o mercado global

O aumento da profesionalidade dos gandeiros e a necesidade dunha maior innovación nas industrias son algunhas das cuestións sinaladas como prioritarias

Un estudo aborda os retos do vacún de carne ante o mercado global

O caso da produción de carne en Galicia presenta características diferenciais.

Gandeiros de vacún de carne e industrias enfróntanse a un mercado cambiante que encara novos retos como o previsible aumento de importacións ou a caída do consumo interno. Ante este contexto, un estudo sobre o vacún de carne en España apunta fortalezas e debilidades do sector. Entre as fortalezas, o ‘modo de produción europeo’, orientado á calidade e á diferenciación no mercado. Entre as debilidades, a necesidade dunha maior profesionalización dos gandeiros e de maior innovación por parte das industrias.

O estudo, elaborado recentemente pola Fundación para o Progreso na ProduciónAnimal, ubicada en Cataluña, aborda a situación actual e evolución previsible do mercado. A análise incide na ameaza para o sector que supoñen as negociacións comerciais con áreas como Estados Unidos ou Mercosur, que poden repercutir nunha maior entrada de carne en España con características e calidades moi distintas das habituais no país.

Gandaría
Fronte a ese reto, o estudo trata de sinalar as debilidades e necesidades do sector en España, para o que se entrevistou a más de medio cento de gandeiros e representantes das industrias. A nivel das explotacións, a Fundación sinala debilidades técnicas como unha baixa produtividade por nodriza, una xenética pouco especializada, o pouco emprego da inseminación artificial e animais pouco homoxéneos, entre outros factores. A maiores, a nivel económico engade o escaso marxe de beneficio dos produtores.

As prioridades de mellora detectadas no sector produtor céntranse na produtividade e reprodución da nodriza, na alimentación, na xenética e na redución de custos.

Industria
Na parte industrial, os retos sitúanse no envasado e na innovación do produto e presentación. O estudo conclúe que o sector industrial debe mellorar o trato da carne, así como a clasificación das canais –que segundo o informe non é obxectiva nin uniforme-, e superar a súa atomización.

O reto pasa por diferenciar o produto español e por transmitir o custo real do produto á cadea alimentaria, sinala a a análise da Fundación para o Progreso na Produción Animal.

Aproximadamente, a metade dos gandeiros e das industrias consultadas está de acordo en que hai demanda de carne de calidade en España e en que esa calidade se paga; se ben tamén hai unanimidade ó considerar que o consumo de carne barata e industrial vai medrar no futuro.

Como conclusión positiva, o estudo destaca a fortaleza do sector en canto á produción dunha carne de calidade e apunta oportunidades de exportación e de diferenciación no mercado. O marketing e a formación do consumidor son outros retos pendentes.

Interprofesional
Os gandeiros e industrias consultadas para o estudo, elaborado ó longo do 2014, tamén consideran positiva a constitución dunha Interprofesional do sector para avanzar na unidade entre gandeiros e industrias, así como para mellorar a imaxe ante o consumidor. A Interprofesional, denominada Provacuno, constituiuse finalmente en decembro do 2014, e convive con outra Interprofesional do sector, Invac, orientada ó Vacuno de Calidade e constituida desde hai anos.

Contexto galego
O caso galego é singular no conxunto de España, xa que a produción de carne en Galicia canalízase principalmente a través dunha Identificación Xeográfica Protexida (IXP), Ternera Gallega, que constitúe un referente no mercado español polo seu posicionamento diferencial ante o consumidor e polo valor engadido que xera para o produtor. O sector estima que a carne de Ternera Gallega ten un prezo no mercado de arredor de medio euro por quilo por riba de outras carnes sen o selo da IXP.

A IXP galega comercializa máis da metade da carne de todas as IXPs de vacún de España e presenta unha situación actual de fortaleza, cun aumento das vendas no 2014 e con perspectivas de iniciar a exportación a Centroeuropa ó longo do 2015. O seu mercado actual céntrase case a partes iguais entre Galicia e o resto de España, cunha pequena porcentaxe dun 1% de exportación a Portugal e a Andorra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información