Lorena Rodríguez Alvite, da gandería Melchora, de Pol (Lugo), resultou gañadora do XIV Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´23, que se celebrou este sábado en Silleda no marco da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023.
Falamos con ela para coñecer máis sobre a súa aficción e sobre as claves para preparar a un animal para un concurso morfolóxico.
Como empezaches a interesarte pola preparación de animais para concursos?
Na miña casa temos unha gandería pequena, gandería Melchora, cunha cabana de 80 animais. Estudei Educación Infantil pero o que máis me tirou dende pequena foi a gandería. Actualmente estou traballando como representante para Lugo da empresa BPA e non descarto nun futuro tomar o relevo na granxa familiar.
Na miña casa nunca houbo tradición de ir cos nosos animais a concursos pero si que fomos como público a algún e sempre me chamaron a atención. Nun dos concursos de Muimenta vin a Alberto Medina e dixen “eu tamén quero aprender a preparar e a manexar os animais”. Logo apunteime ao curso de CONAFE en Asturias e posteriormente empecei, hai dous anos en xullo, a acompañar nos concursos á gandería Rey de Miñotelo.
As prácticas funas facendo nesa gandería, eu ía pelando e Alberto íame orientando e corrixindo o traballo. E pouco a pouco fun mellorando e aprendendo, fixándome nos preparadores profesionais, en como collían a máquina para facer os degradados.
En cantos certames participaches como preparadora?
Este é o meu primeiro GandAgro, fun a Muimenta, a Lalín…en total 5 concursos con este de GandAgro. Ademáis, a través de CONAFE fun aos dous últimos certames europeos de preparadores e manexadores celebrados en Italia.
Que cualidades debe ter un bo prepadador de gando?
Un bo preparador tense que fixar moito nos posibles fallos que teña o animal para poder disimulalos un pouco e tamén saber cales son os puntos fortes para podelos potenciar.
Elixes ti o animal a preparar para o concurso ou asígnancho?
Pode tocarche aleatorio ou elixires ti un animal. Se non podes elixilo podes falar cun gandeiro que teña un animal co pelo longo.
Neste caso esta granxa empezou nos concursos por azar, chámase gandería López Fontenla SC, de Aranga (A Coruña). A gandería Carro cedeulle unha xatiña a unha nena da gandería López Fontenla. Este ano tiñan esa xata que xa é becerra grande e outra xatiña que se adapta máis á estatura da nena. Hai un mes pedíronme que llas pelara para vir ao concurso de GandAgro. Por tanto, como tiñan o pelado previo preparei tamén agora a máis pequena para o concurso.
Que destacarías da becerra que preparaches?
Desta becerra destacaría que ten un óso moi fino e á hora de pelar as patas, por exemplo, usei unha coitela máis fina para destacar iso. Ten un bo lombo, bastante uniforme e estreito, moi ben unidas todas as partes e iso tamén é moi positivo de cara ao concurso.
Como valoras o ambiente que se respira neste tipo de concursos?
Cando empecei si que me chamaba a atención o coidado que levaban sempre os animais nos concursos. Cando estás dentro ves que todos acabamos sendo unha gran familia, hai moi bo ambiente de compañeirismo e iso é moi positivo.
Sempre me gustou a perruquería e unha vez que a vin nos animais gustoume ainda máis. Ademais, hai manexadores que é un gusto velos porque tratan aos animáis con moita delicadeza, é como un baile acompasado entre manexador e gandeiro.