A lonxa de Silleda rexistrou esta semana o maior prezo pagado no mercado por un exemplar de becerro carniceiro. O animal, un cruce marcado en Ternera Gallega, naceu en marzo do ano pasado e era propiedade dunha granxa de Touro, que llo vendeu por 3.246 euros ó operador Alberto Rielo (Lalín). A anterior marca estaba nos 3.143 euros acadados por outro exemplar hai dúas semanas.
Prezos da recría e pasteiros
Esta semana, o mercado de Silleda experimentou un alza importante no mercado de recría, en comparación con hai dúas semanas, pois cómpre lembrar que a semana pasada non se celebrou o mercado polo festivo do Entroido. Deste xeito, houbo unha afluencia lixeiramente superior á habitual, con 932 becerros de recría que entraron en poxa, polos 784 de hai dúas semanas ou os menos de 700 de hai tres semanas.
En prezos, en comparación coas semanas previas, destacan subas de arredor de 40 – 50 euros nos becerros cruzados de 20 a 50 días. Tamén houbo subas importantes nos frisóns machos do mesmo treito de idade, en comparación coa lonxa previa, se ben, dada a suspensión da semana pasada, hai que ter en conta o efecto da entrada na lonxa de animais cunha semana adicional de crianza na granxa.

Os pasteiros, animais de entre 3 e 6 meses, cotizaron pola súa banda na liña das última semanas, no arco 1.200 – 1.400 euros, en función da categoría.

Vacún maior e becerros carniceiros
O vacún maior experimentou tamén unha suba significativa esta semana, coa media da categoría de vacas extra por riba dos 2.500 euros / animal (+ 70 euros en comparación coa pasada semana).
No caso dos becerros carniceiros, en función da categoría, houbo pequenos cambios á alza ou á baixa, nunha liña continuista.

Podes consultar todos os prezos da lonxa e das mesas de prezos de porcino e ovos neste documento.
Galego






Control OJD