Un ano sen patacas

Estes días cúmprese un ano do Decreto estatal que prohibiu botar patacas en 31 concellos do norte das provincias da Coruña e Lugo e 7 do occidente asturiano para tratar de erradicar a praga da couza guatemalteca. Analizamos con varios produtores como está a situación a día de hoxe.

Publicidade
Un ano sen patacas

Apañando patacas en Riotorto no ano 2016.

A pataca forma parte desde hai séculos do sistema de cultivos en Galicia, elemento fundamental da alimentación nas casas, tanto das persoas como dos animais, e sinal básico da nosa identidade, está presente na maioría das parroquias galegas. Ou estaba, porque en 31 concellos das comarcas da Mariña, Ferrolterra e Ortegal desapareceu da noite á mañá hai xusto un ano, froito da prohibición de cultivar o tubérculo nunha extensa área do norte galego para evitar a propagación, até entón imparable, da praga da couza guatemalteca, detectada por primeira vez no 2014 e que, de seguir estendéndose, ameazaría a produción de pataca en toda a península.

Aquela decisión, avanzada a xeito de recomendación pola Xunta de Galicia no mes de febreiro e confirmada polo Ministerio o 3 de marzo de 2017 coa publicación do Real Decreto 197/2017, polo que se establecía o Programa Nacional de Control e Erradicación de Tecia Solanivora (Scrobipalpopsis Povolny) nas comunidades de Galicia e Asturias, foi tomada a destempo e con certa premura e supuxo un auténtico caos en comarcas como a da Mariña, onde a esas alturas boa parte das patacas para autoconsumo xa estaban botadas nas hortas familiares e o resto tiña xa a semente mercada, e mesmo o abono.

Ademais de prohibir novas plantacións, obrigouse a arrincar as que estaban sementadas e retirouse todo o tubérculo de almacéns e casas particulares. En total foron destruídas unhas 365 toneladas de patacas que foron recollidas parroquia a parroquia. Mesmo se puxeron en marcha férreos controis nas estradas, máis dun cento, por parte da Garda Civil e a Policía Autonómica acompañados por técnicos da Consellería para evitar a entrada e saída de patacas da zona infestada.

Unhas medidas drásticas para tratar de frear o avance até entón imparable da praga, que en só dous anos lograra colonizar 31 concellos galegos e 7 da veciña Asturias, tratando de evitar a súa chegada ás principais zonas produtoras galegas, fundamentalmente A Limia, Bergantiños e a Terra Chá, e a extensión a zonas produtoras do resto do Estado, como Valladolid, Murcia ou Sevilla. Tratábase de que non acontecera o ocorrido en Canarias, onde todo o territorio está afectado, e de onde se sospeita que puido chegar a praga a Galicia.

A odisea de buscar terras fóra da zona de afectación para manter os clientes

Javier sementando patacas na finca que atopou en Sobrado dos Monxes.

Javier sementando patacas na finca que atopou en Sobrado dos Monxes.

A prohibición colleu tamén co pé cambiado á ducia de produtores profesionais que hai na zona, algúns deles que se incorporaran á actividade nos últimos anos e que fixeran importantes investimentos para apostar por un produto que agora lles era vetado.

Foi o caso de Javier Miranda, de Riotorto. Puxo en marcha unha explotación de horta que desde fai 5 anos tiña na pataca unha das súas razóns de ser. “Como nesta zona non hai xeadas importantes plantabamos cedo as patacas para poder recollelas a comezos do verán e plantar repolo, que nas terras das patacas dáse moi ben, así que lograbamos dobre ciclo de produción. Ao ano seguinte rotabamos as terras con cebolas ou fabas”, conta. Co traballo xa perfectamente planificado, o veto á pataca foi para el “un mazazo”.

Coa pataca como un dos seus principais produtos, tiña pensado botar o ano pasado 10 hectáreas, unha parte delas pataca temperá que comezaba a sementar xa a finais de febreiro para recoller a mediados de xullo, polo que a prohibición do ano pasado colleuno coa semente e o abono mercados e coas terras listas para botalas. “Para lograr bo prezo comprabamos en precampaña o abono e a semente, así que desde xaneiro tiñamos no almacén 16.000 quilos de pataca para labrar que traiamos de Escocia ou Holanda cun calibre uniforme de entre 35 e 50 centímetros. Como a Xunta recomendara non plantar non a puxemos, porque botala para despois levantala parecíanos absurdo”, conta.

Javier Miranda, produtor de Riotorto: “Provocoume un trastorno moi importante porque para manter os clientes tiven que buscar terras en Sobrado dos Monxes”

Pero coa planificación de produtos xa feita desde comezos de ano en función dos pedidos dos clientes, algún deles distribuidores de lugares como Barcelona, “non podía deixalos tirados e perder o mercado”, explica Javier, así que se lanzou a buscar terras fóra da zona na que a Xunta recomendara non plantar, dentro da que estaba Riotorto.

Atopou 18 hectáreas en Pacios, en Castro de Rei, unha zona de importantes explotacións leiteiras pelexándose pola terra, así que tivo que alugala por 5 anos e pagala ben. Pero saíu o Real Decreto 197/2017 e ademais da prohibición de plantar neses 31 concellos onde se detectara a presencia da couza nos trampeos realizados o ano anterior, fixaba tamén outros 16 concellos limítrofes como zona tampón, onde estaba permitido plantar patacas aínda que con restricións e arriscándose a que, no caso de detectarse un positivo, ter que arrincar e destruír toda a produción.

Así que Javier topouse de novo, coas terras en Pacio xa alugadas, co mesmo problema, ao quedar esta zona dentro da área de vixiancia intensiva. “A semente que tiña en Riotorto estaba precintada e non a podía usar, así que xa tiña outra semente comprada e tiven que buscar de novo outras terras á desesperada. Atopeinas en Sobrado dos Monxes, 8 hectáreas, pero tarde e mal, porque era prado e tiven que facer todos os traballos correndo e a produción resentiuse”, conta.

O ano anterior obtivera 250.000 quilos de tubérculo pero o ano pasado a produción foi moito menor, así que “economicamente non me supuxo ningún beneficio, o único que fixen foi manter os clientes, que era o meu obxectivo”, di. Tamén os postos de traballo, porque Javier tiña daquela 6 empregados e “tíñalles que pagar”, afirma.

O resultado da súa longa peripecia do ano pasado foi que Javier puxo fabas e cebolas nas 10 hectáreas de Riotorto onde tiña previsto plantar patacas, millo forraxeiro que vendeu a unha explotación gandeira da zona nas 18 hectáreas que alugou en Castro de Rei e, finalmente, as patacas nas 8 hectáreas que atopou in extremis en Sobrado dos Monxes.

Este ano atópase de novo no mesmo dilema que o ano pasado, pero descarta volver botar as patacas tan lonxe. “Isto é como ter unha moza en Barcelona, todo é moi bonito, pero o amor e as terras a distancia non van ben”, compara. “Das patacas hai que estar pendentes todas as semanas e non podes desprazar a maquinaria tantos quilómetros, así que este ano igual me arrisco a botalas en Pacios. O ano pasado fun o único que non as botou na parroquia, os particulares botaron todos. Como está en zona tampón teño que comunicar a ubicación á Consellería, que coloca mostraxes e se hai un positivo perdo o cultivo e teño que pagar por destruílo, é un risco grande pero nós nunca tivemos ningún positivo nas nosas fincas porque temos un técnico na empresa que fai controis todas as semanas e aplicamos os tratamentos necesarios”, explica. Este ano non fixo coma o ano pasado coa semente e aínda non a ten mercada. “Esta semana teño que decidir que fago”, di

Superprodución na Terra Chá e baixada de prezos

Un dos que sementou o ano pasado en zona tampón, dentro do límite dos 5 quilómetros de vixilancia, foi Óscar Riveiro. A súa explotación, Riveiro Ecolóxico, está en Ponte de Outeiro, pertencente ao concello de Castro de Rei. “Arrisqueime e dinlle para diante”, conta. Igual ca Javier, el xa tiña os seus clientes desde hai 8 anos.

O ano pasado botou 4 hectáreas das variedades kennebec, mona lisa e red pontiac. Tiña pensado botar máis superficie e mesmo tiña un acordo para plantar 2 hectáreas dun tipo de kennebec a un produtor de Lleida, pero non puido facelo polas restricións impostas nas zonas limítrofes ás da corentena.

“Eu sempre aparto a pataca pequena para semente porque dáse ben e se cambias de finca aínda que sexa de terceiro ano non ten problema, así que tiña gardados 2.000 quilos de patacas das miñas para botar que finalmente non puiden plantar porque o Decreto fixa que a única pataca que se pode botar en zona tampón ten que ser semente certificada, así que tiven que mercar semente, pero o ano pasado a demanda de semente certificada disparouse e case non quedaba e comprei pataca grande e moi mala e só puiden botar menos superficie e a produción non foi a que esperaba”, explica Óscar, que apañou uns 50.000 quilos de pataca con certificación ecolóxica.

Óscar Riveiro, produtor de Castro de Rei: “ Houbo quen botou o triplo pensando que ía ser un gran negocio ao non haber pataca na Mariña, pero non foi así”

Ao contrario do que podería pensarse nun primeiro momento, o prezo de venda final do produto tamén caeu “porque houbo houbo moita pataca”, di. Óscar ten sementadora e apañadora, coas que traballa para outros produtores e particulares da zona e di que “nesta zona da Terra Chá botouse moitísima pataca o ano pasado, houbo quen botou o triplo pensando que ía ser un gran negocio ao non haber pataca na Mariña, pero non foi así, porque os prezos caeron até os 15 céntimos na pataca convencional e os 60 céntimos na ecolóxica, cando o ano antes se vendeu a partir de 80 céntimos”, explica.

Aqueles cálculos da leiteira que moitos fixeron na Terra Chá, unha das principais zonas produtoras de Galicia xunto á Limia e Bergantiños, non se cumpriron, entre outras razóns porque o oco que deixou a pataca que se producía nas zonas prohibidas non foi ocupado en moitos casos por pataca galega, senón por patacas de fóra, procedente de lugares como Valladolid, Sevilla, Francia ou mesmo Exipto, de onde cada vez está a entrar máis pataca da variedade spunta.

Trampa artesanal contra a couza nunha finca sementada de patacas que logo tiveron que arrincar.

Trampa artesanal contra a couza nunha finca sementada de patacas que logo tiveron que arrincar.

Óscar ten aínda algo de pataca no almacén, aínda que a ten case toda vendida, porque tivo que agardar tres meses antes de poder comercializala. Unhas das variedades que bota é red pontiac, que é unha pataca de cedo que ven a 90 días e que apaña xa a finais de xullo. “Pero o ano pasado non puiden vendela até setembro porque tiven que facer un investimento de 6.000 euros para adaptar o almacén ao fixado no Decreto, poñéndolle dobre porta e malla no teito, e despois colocar trampas e esperar tres meses sen avelaíña para poder ter a etiqueta de pataca libre desta praga”, unha especie de carta verde vexetal que garante que están libres de enfermidades para poder transportalas e vendelas.

Boa parte dos seus clientes atópanse na área de Ribadeo e de Ferrol, así que para poder comercializar a pataca nesas zonas tivo que envasala, ao estar prohibida a venda de tubérculo a granel dentro da zona de corentena. Óscar envasou en sacos de 5 quilos para facilitar a venda a particulares e calcula de entre o 70 e o 80% da súa pataca ecolóxica foi distribuída dentro da zona prohibida.

Este ano vai botar unhas 3 hectáreas porque tócalle rotar as fincas e non ten máis terra dispoñible. “Só boto patacas dous anos seguidos na mesma parcela, e logo descansa tres anos, nos que roto con trigo do país, cebola ou cabaza, para que desapareza o escaravello, porque ao estar en ecolóxico non podo botar insecticida”, explica.

“A Xunta quixo facer un cortalumes radical para que a praga non se estendera e chegara á Limia”

Tamén cultivaba patacas en ecolóxico Francisco López Valladares, de Casa Ánxel, actual presidente do Craega. Hai tres anos decidiu complementar a súa explotación de leite, que conta con queixaría propia, coa horta e comezou a botar patacas para renovar as pradeiras seguindo unha rotación de cultivos tradicional en Galicia.

O ano antes da prohibición botou 6 hectáreas de patacas e mercou todo o necesario para envasar coa súa propia marca. “Gastamos 82.000 euros nunha liña completa de envasado na que a pataca entra a granel por un lado e sae cepillada e envasada polo outro”, explica Paco. Casa Ánxel fornecía de pataca ecolóxica á cadea Carrefour e exportábaa tamén a cidades como Madrid e Barcelona.

Pero todo se truncou hai xusto un ano. A súa explotación está ubicada na parroquia de Crecente, na Pastoriza, que foi un dos concellos afectados polo veto á plantación e viuse obrigado a deixar de botar patacas. Apostou entón por outros produtos de horta, como tomate, leituga e pemento en invernadoiro e cabaciño e berenxena ao aire libre, e probou con cultivos como centeo ou chícharo forraxeiro para a renovación das pradeiras que antes facía coa pataca. A Pastoriza está na zona fronteiriza coa Mariña e o concello enteiro está sometido ás mesmas restricións. “A Xunta quixo facer un cortalumes radical e aplicou medidas drásticas para que a praga non se espallara e chegara á Limia”, di Paco.

Coma el, outros produtores, coma Xulio Rodríguez, do veciño concello de Mondoñedo, tamén tiveron que prescindir da pataca, cando menos polo momento. Xulio ten unha importante explotación hortícola que lle ven de tradición familiar na que, entre os cultivos ao aire libre, tamén estaba a pataca, da que botaba arredor dunha hectárea.

Ante a imposibilidade de plantar patacas, o ano pasado optou por adicar esta superficie a cereal e aumentar a produción de repolo e leituga para compensar a mingua de ingresos que lle supuxo non poder vender pataca e que supuña unha cuarta parte da súa facturación.

Igual que a maioría dos produtores, Xulio considera que as medidas decretadas o ano pasado estaban pensadas para as plantacións para autoconsumo, que son a maioría na comarca da Mariña, pero non tiveron en conta á ducia de produtores profesionais existentes, que se viron moi prexudicados. Por iso, todos reclaman á Administración información de primeira man e ser tidos en conta na toma de decisións futuras sobre as medidas a adoptar en relación a unha praga que son os primeiros interesados en erradicar.

Plantación de patacas en Riotorto no ano 2016

Plantación de patacas en Riotorto no ano 2016

Canto tempo máis sen patacas?

Mentres os produtores adoptaron distintas solucións diante da corentena, a Administración móvese entre a satisfacción e a cautela polo resultado das medidas adoptadas. Aínda que o decreto de prohibición fixa inicialmente un período de dous anos, unha das preguntas que todo o mundo se fai na Mariña é por canto tempo non se van a poder plantar patacas.

O mes pasado o director xeral de Sanidade da Produción Agraria do Goberno central, Valentín Almansa, afirmou que se logrou deter a expansión da praga e que as medidas adoptadas van “polo bo camiño” para a súa erradicación. Indicou que o número de exemplares de couza capturados en 2017 foi “moi inferior” aos do ano anterior (segundo os datos oficiais, as máis de 1.000 trampas colocadas constataron un descenso do 65% nas capturas, que pasaron de máis de 12.700 exemplares a 4.500).

Pero tras estas declaracións a Xunta apurouse a rebaixar as expectativas. A Consellería de Medio Rural recalca que o protocolo posto en marcha para erradicar a couza esixe, como mínimo, dous anos sen cultivo e anuncia que en 2018 continuará vixiando que non haxa plantacións na declarada como zona de afectación. Coincide en que, a vista das capturas realizadas nas trampas, as medidas de control da praga implantadas foron atinadas e eficaces, con diminucións considerables en case todas as zonas, mesmo moitas trampas deixaron de recoller capturas, polo que a praga está “controlada”, explica.

Con todo, a Consellaría engade que “non quere dicir isto que estea erradicada” e insiste en que “convén agardar á avaliación definitiva dos resultados”, polo que o veto ás plantacións de pataca non será levantado, cando menos, até 2019 e, en todo caso, de xeito coordinado co Goberno asturiano, que mesmo se veu obrigado a aumentar a zona de prohibición ao longo do ano pasado.

Javier Miranda é dos que pensa que “isto vai para longo, nin en 2 nin en 5 anos se resolve, e iso que este ano veu un inverno duro que pode axudar a eliminar a praga, porque levabamos 3 anos de invernos moi suaves nos que todas as pragas aguantaban dun ano para outro”, di.

“O veto ás plantacións de pataca non será levantado, cando menos, até 2019”

Para a Xunta, a situación está baixo control pero as estrictas medidas continuarán este ano, entre elas os controis nas estradas e nos mercados. O ano pasado abríronse unha ducia de expedientes por incumprir a prohibición decretada, cinco na provincia de Lugo e sete na da Coruña, que mesmo remataron en sancións por realizar plantacións ilegais, non facer entrega da pataca existente ou por mover a mercadoría a granel.

O único que cambiará este ano é que xa non haberá indemnizacións para produtores e almacenistas. En total o ano pasado presentáronse máis de 1.300 solicitudes para recibir compensacións económicas por ter a semente e non poder botala, ter que arrincar as plantacións e entregar a colleita do ano anterior, que suporán (porque non están aínda todas pagadas) un desenvolso económico duns 200.000 euros, financiados a partes iguais entre a Administración galega e o Goberno central. A pataca de semente pagouse a 70 céntimos por quilo, as gardadas nos almacéns a 30 céntimos e as plantadas e arrincadas a 40 céntimos o metro cadrado. Pero en moitos casos estas axudas só cubriron unha parte do gastado. Pasoulle a Javier. A Xunta tardou tres meses en vir retirarlle do seu almacén os 16.000 quilos de semente que trouxera de Escocia a un prezo de 1,5 euros o quilo máis portes. Nese tempo, as patacas xermolaron e perderon a auga así que cando llas foron buscar os 16.000 quilos quedaran en 12.500, que foron os que lle pagaron a 70 céntimos, menos da metade do que lle custaran, así que Javier pagou pola semente 24.000 euros e só recibiu de indemnización 8.750.

Danos colaterais

Pero ademais dos produtores, houbo outros sectores afectados pola prohibición de plantar patacas. Un dos máis prexudicados foi o das tendas e almacenistas que vendían a semente, o abono ou o sulfato, que calculan que as vendas se reduciron á metade na campaña de inverno deste ano.

Para distribuidores como Ismael Lastra, que ten unha nave na parroquia da Devesa, foi un duro golpe. Todos os anos vendía entre 4 e 5 toneladas de pataca de semente. Moitos almacenistas temen ademais que este mercado xa non se recupere porque, ao tratarse na maioría dos casos de produtores para autoconsumo, xa non volvan plantar patacas tras un posible parón de varios anos máis.

Tamén sufriron en carne propia os efectos do parón provocado pola couza guatemalteca os vendedores de froitas e hortalizas nos distintos mercados que hai nas principais vilas da comarca. Xunto coa pataca, ás veces de colleita propia e outras veces excedentes de veciños ou mercadas a produtores locais, estes comerciantes tamén vendían nos mercados locais outras producións de proximidade que, sen o reclamo da pataca, tamén se resentiron.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información