Un ano de Covid, con incertidume nas granxas de vacún de carne

Os prezos mantéñense baixos, coas ganderías con moita oferta de animais e preocupación pola evolución da demanda nas próximas semanas. Os custos de produción, entre tanto, soben polo encarecemento dos pensos

Un ano de Covid, con incertidume nas granxas de vacún de carne

As ganderías de vacún de carne completan un ano de crise e sen un horizonte claro de recuperación. Como é habitual, estes primeiros meses de ano son os de maior oferta de animais nas granxas, derivada do pico de partos de cada primavera. Ese escenario de gran oferta encaixa mal coa tendencia dos últimos meses, marcada polos peches e restriccións na hostelería. Parte do sector recoñece un certo “atasco” de animais nas granxas e é xeralizada a inquietude polos baixos prezos.

As limitadas marxes nas que se movía tradicionalmente a gandería de carne aprétanse aínda máis polo encarecemento dos pensos, que subiron entre 15 e 20 euros por tonelada. Con este panorama, a única boa noticia para as granxas foi a concesión de axudas compensatorias derivadas da crise da Covid, pero o problema de fondo continúa sen arranxarse, o que xera incertidume de cara ó futuro.

“Hai preocupación porque agora mesmo non se cubren custos coa venda de xatos e temos por diante unhas semanas de dificultades no mercado” -valora o responsable de Gandería extensiva de Unións Agrarias, José Ramón González-. “A cuestión é que os gandeiros pouco podemos facer. Somos uns suxeitos pasivos que dependemos dos matadoiros, sen que haxa nin contratos nin capacidade de negociación”, analiza.

“Somos un sector sen contratos e con prezos que non cobren custos de produción. Precísanse movementos por parte das Administracións” (José Ramón González, Unións Agrarias)

“Necesitamos que se avance na Ley de la Cadena Alimentaria, que prohíbe vender por baixo de custos de produción. A Consellería ten que implicarse en facer un estudo de custos das granxas galegas, ademais de recuperar a Mesa da Carne, para que dialoguemos industria e sector gandeiro, pois foi algo no que se comprometera con nós e que segue sen cumprir”, cuestiona González.

Á procura de estabilidade de prezos
Desde a asociación Gandeiros Galegos de Suprema, constituída o pasado ano por granxas da provincia de Lugo, destacan a preocupación polos baixos prezos, con casos de xatos de Suprema vendidos a 4,20 – 4,30 Kg. canal durante o último peche da hostelería. “Seguimos cuns prezos baixos e quen máis, quen menos, temos as granxas con bastantes animais pendentes de saír. Os custos de produción polo outro lado subiron, tanto pensos como combustibles ou fertilizantes”, explican.

“Queremos ter unha tranquilidade como as granxas de leite, un prezo estable para todo o ano” (Asociación Gandeiros Galegos de Suprema)

Cando rematen os problemas de mercado derivados da Covid, o obxectivo que se marca a asociación consiste en negociar prezos estables para todo o ano. “Queremos ter unha tranquilidade como teñen as granxas de leite, que por contrato saben o que van cobrar ao longo de todo o ano. Se non é un prezo liñal todo o ano, que sexa un prezo para o verán e outro para o inverno, pero lograr esa estabilidade é o futuro”, valoran na asociación.

Axudas da PAC
Entre tanto non melloran as cousas, as granxas a penas cubren custos coa venda dos xatos e o que lles queda de salario débese ás axudas da PAC, polo que as perspectivas dun recorte das axudas tamén xera preocupación. “Xa hai granxas que se están vendo afectadas pola conversión dos dereitos cara o valor medio de cada rexión agronómica e o que se espera da reforma da PAC, que entrará en vigor no 2023, son máis recortes, pois fálase dun sistema de pagos que non é moi adaptable a Galicia, onde temos menos superficie e máis minifundio que outras comunidades”, cuestionan na asociación Gandeiros Galegos de Suprema.

“Vemos que son todo trabas e cando falamos entre nós, hai xente que está pensando en pechar a explotación e mirar de gañarse un soldo por outro lado”, recoñecen na asociación.

A Carqueixa está a lograr na venda online arredor de 100 – 200 euros máis por animal do que percibe pola venda a matadoiro

O caso singular da Carqueixa
Os que están a capear un pouco mellor a crise son as granxas da cooperativa A Carqueixa (Cervantes, Lugo), pois a iniciativa de venda directa ó consumidor que emprenderon hai un par de anos estase demostrando exitosa. Un 30% dos animais xa os están vendendo por internet, o que para os gandeiros representa uns ingresos adicionais de 100 – 200 euros por animal, en comparación co prezo que perciben polas vendas a matadoiro.

“A venda online está funcionando ben; é certo que nos animais que mandamos a matadoiro os prezos seguen baixos, nun arco de 4,35 – 4,65 euros Kg. canal, con penalización para os animais de máis quilos, pero esperamos que os prezos se recuperen de cara ó verán, cando haberá menos animais no mercado. Estes meses, de febreiro a abril, son máis complicados”, recoñece o xerente da Carqueixa, Román Sánchez.

“Os prezos son baixos tanto nos animais de recría como nos xatos cebados e é previsible que poidan baixar máis” (Elio López, Cospeito)

Situación nos cebadeiros
Nos cebadeiros galegos, que maiormente se abastecen de xatos cruzados das explotacións de leite, atravesan por unha situación de mercado similar ás granxas de vacas nodrizas. “No mercado hai moita oferta, con prezos máis baixos do normal tanto nos xatos de recría que compramos como nos animais cebados que vendemos” -explica Elio López, de Cospeito-. “De cara ás próximas semanas, non sería de extrañar que houbese máis baixadas no prezo”, admite con resignación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información