Un aceite de oliva de Quiroga, o primeiro AOVE galego premiado cun gran ouro nun certame internacional

Publicidade

CINVE

Os aceites oliva virxe extra (AOVE) Ouro de Quiroga e Antiguo Reino foron galardoados no Concurso Internacional de Vinos y Espirituosos (CINVE) que tivo lugar en Cáceres. O evento, recoñecido polo Ministerio de Agricultura dende o 2006, recolleu mostras de máis de 1.000 viños e aceites internacionais.

Os premios foron entregados en Madrid a pasada semana e as catas tiveron lugar entre o 26 e o 29 de marzo na capital cacereña. Na categoría de AOVES, a empresa Ouro de Quiroga S.L. foi a única participante española que conseguiu 2 premios para os seus aceites. Destacou especialmente o acadado por Antiguo Reino Coupage 2025, que ven de saír ao mercado. OQ Mansa y Brava 2025, elaborado con variedades autóctonas galegas, tamén foi moi positivamente valorado polo xurado de cata.

Ouro de Quiroga foi o único aceite galego premiado e competiu con produtores doutras rexións españolas tradicionalmente olivícolas como Andalucía, Extremadura ou Madrid. Tamén participaron empresas aceiteiras de Grecia, Turquía, Brasil, Arxentina e Emiratos Árabes Unidos.

No apartado de viños brancos, a adega quiroguesa Edv 2015 S.L. alzouse cun Diploma Gran Oro para o seu viño As Covas 2019. Pola súa banda, Ouro de Quiroga S.L. obtivo tamén un diploma de ouro para o seu Godello Lar de Ricobao 2024.

Os responsables das empresas premiadas sinalan que “estes galardóns acreditan a calidade dos produtos elaborados na Ribeira Sacra, que están gañando recoñecemento no mercado, sendo cada vez máis solicitados por restaurantes de alta cociña e tendas Gourmet de todo o país”.

Diploma de Ouro obtido polo aceite Antiguo Reino no CINVE 2026

Diploma de Ouro obtido polo aceite Antiguo Reino no CINVE 2026

Tamén destacaron a variedade e calidade dos produtos agrícolas do Val de Quiroga-Ribas de Sil, que “conta cun microclima singular e cunha diversidade de solos fértiles que permite obter froitos excepcionais, que son a mellor materia prima para elaborar os aceites e viños agora premiados.”

Un recente estudo da Universidade de Vigo recolle os efectos beneficiosos que o consumo habitual de AOVE de Quiroga, de variedades autóctonas de oliva galega, ten sobre persoas diabéticas, especialmente aquelas con peores síntomas. Segundo os especialistas responsables do estudo, parte dos efectos débense ao alto contido de polifenois do aceite de Quiroga, que é excepcionalmente maior que o de boa parte de aceites doutras latitudes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información