A siniestralidade do sector agrario é superior á media do total de actividades e achégase ós niveis de accidentes do sector industrial. O peor dato, con todo, é o de accidentes mortais, pois o agro dobra as cifras do resto de sectores. A situación das actividades forestais é a máis extrema, cun nivel de accidentes mortais que foi no mellor ano 4 veces superior á media e 15 veces superior no peor ano analizado, segundo un informe que vén de facer público o Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo.
O estudo gubernamental incide na necesidade de aumentar as políticas de prevención de riscos laborais e chama tamén a atención sobre as irregularidades laborais que se producen no sector. Un 17% das inspeccións de Traballo detectan infraccións, unha porcentaxe superior á da media de actividades (6%) e incluso peor que a da hostelería (12,5%), que adoita concentrar os maiores datos de infraccións.
Condicións de traballo
A accidentalidade do sector agrícola foi a máis nos últimos anos, segundo o diagnóstico publicado polo Instituto de Seguridad en el Trabajo. O organismo incide en factores como a alta porcentaxe de axudas familiares que se producen no agro, ata dez veces superiores á media do total de actividades; así como na escasa formación que percibe nos traballadores, pois un 70% non pasou da primeira fase do Ensino Secundario.
A análise pon de manifesto outro dato preocupante, como é a falta de percepción de risco entre os traballadores. Un 20% dos enquisados non identifica ningún risco de accidente no traballo. Sen embargo, un 9% sufriu algún tipo de incidente ou accidente nos últimos tres anos, aínda que non o tramitase como tal.