O Clúster Alimentario de Galicia encara a recta final do período de presentación de solicitudes para os XI Premios Galicia Alimentación. Trátase duns galardóns cos que Clusaga busca pór en valor a excelencia, a innovación, a traxectoria e a proxección do sector da alimentación e as bebidas. O prazo de candidaturas estará dispoñible ata o xoves, 15 de maio, ás 14.00 horas.
Esta undécima edición dos premios contará con dúas categorías. Coa primeira, que leva o título de “Alimentos e bebidas”, o Clúster buscará recoñecer aos produtos alimentarios en si. Esta categoría estará integrada por dous galardóns:
● Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador. Neste caso, premiarase a innovación, xa sexa en ingredientes, formulacións e/ou envases, ou que despuntan polo seu potencial comercial ou deseño e pola a súa adaptación ás demandas do consumidor, con especial atención á relación entre nutrición e saúde.
● Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente. Este recoñecemento gañarao o produto ou produtos que incorporen valores tradicionais do sector adaptándoos ao momento actual polo seu deseño e usando materias primas locais. Neste caso cobrarán especial importancia as características organolépticas dos alimentos e bebidas que se presenten e, de feito, poñerase especial atención aos produtos “gourmet” e ecolóxicos.
A segunda categoría, “Iniciativas do Sector Alimentario”, contempla a entrega dos seguintes distintivos:
● Premio Galicia Alimentación á Proxección e Estratexia de Mercado. Neste apartado premiarase o esforzo de empresas e organizacións do sector alimentación por acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. Neste sentido, valorarase o seu plan de márketing no posicionamento en novos nichos de mercado e a orientación ao consumidor, así como a implantación de campañas. Ademais, tamén se terá en conta a evolución continua e o dinamismo das exportacións na súa estratexia de internacionalización.
Nesta categoría terase en conta, ademais, o traballo desenvolvido por institucións situadas fóra e dentro de España en favor da promoción dos produtos alimentarios e bebidas galegas, actuando, así, como “embaixadores”.
● Premio Galicia Alimentación á Innovación. Dirixido a proxectos, institucións ou organizacións e empresas que destaquen pola súa innovación na organización, produción e/ou modelo de negocio ou que salienten polo seu carácter emprendendor e cooperativo e a súa visión estratéxica.
● Premio Galicia Alimentación á Sustentabilidade. Con este galardón recoñecerase ás prácticas sostibles, institucións, organizacións e/ou empresas que se caractericen pola súa sustentabilidade na organización, produción e/ou modelo de negocio.
O Clúster poderá, así mesmo, outorgar un Premio Honorífico Galicia Alimentación. Trátase dun recoñecemento dirixido a aquelas personalidades que destaquen pola súa traxectoria na industria alimentaria e que teñan contribuído ao fortalecemento do sector e cunha destacada visión da innovación e sustentabilidade neste ámbito, tanto no sector público como privado.
Prazos e participantes
O Clúster Alimentario de Galicia manterá aberto o período de presentación de candidaturas ata o 15 de maio, ás 14.00 horas. As persoas, empresas e entidades interesadas en participar poderán facelo a través do formulario dispoñible na páxina web de Clusaga: (https://www.clusteralimentariodegalicia.org/sobre-clusaga/premios-galicia-alimentacion)
Unha mesma entidade ou profesional pode presentar candidaturas a varios premios, sexan ou non da mesma categoría.
Poden optar aos Premios Galicia Alimentación 2025 persoas físicas, autónomos, micro, medianas e grandes empresas, que teñan sede social, centros produtivos u exerzan a súa actividade comercial ou transformadora en Galicia e institución galegas ou situadas fóra do territorio que desenvolvesen actividades en favor dos produtos alimentarios galegos.
Como é tradicional, a entrega de premios está prevista para o mes de xuño, nunha gala enmarcada no Foro Galicia Alimentación, que se desenvolverá co apoio institucional da Xunta de Galicia, co patrocinio ouro de Caixa Rural Galega, Gadisa e Vegalsa Eroski e o bronce da Fundación Semana Verde de Galicia. En concreto, será o xoves, 26 de xuño, dentro do Foro Galicia Alimentación.
Galego






Control OJD