Este venres, 5 de decembro, remata o prazo para inscribirse no Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, una iniciativa da Fundación Juana de Vega que cumpre catorce edicións en activo. Nesta ocasión, celébrase baixo o título “tecer o futuro da Galicia rural”.
No Programa poden participar iniciativas nos campos agroalimentario, tanto produción como transformación ou comercialización; proxectos do sector forestal, bioeconomía, tamén marisqueiro e pesqueiro ou proxectos de base tecnolóxica e servizos que dean soporte aos anteriores. Todos teñen que estar localizados en Galicia e poñer en valor os recursos do territorio.
Dispón de dúas modalidades, unha denominada “Emprendemento” e orientada á creación de novas empresas, a sucesións ou á recuperación de negocios familiares. O obxectivo é acompañar aos emprendedores no desenvolvemento das súas ideas para convertelas en modelos factibles e viables, minimizando na maior medida posible os riscos derivados da súa posta en marcha, que sempre dependen de moitos factores externos e tamén internos.
A segunda modalidade, “Crecemento e consolidación”, está dirixida a empresas existentes. Pretende axudar a autónomos, pemes e micropemes a mellorar o funcionamento dos seus negocios prestándolle apoio en áreas que precisen un impulso. Entre outras accións, poderán focalizarse en aspectos como control da xestión, estudos económicos, organización corporativa, investigacións de mercado, plans de financiamento, comerciais, comunicación ou márketing, entre outros moitos.
A selección dos doce beneficiarios farase en xaneiro de 2026. Despois, ao longo do ano, irán cubrindo diferentes fases complementarias e escalables para completar, cada un, 50 horas de formación e 25 de titorías totalmente personalizadas e adaptadas ás súas necesidades.

Galego










Control OJD