Hai unha semana, o pasado 21 de outubro, publicouse o Real Decreto 934/2025, que modifica o Real Decreto 1051/2022, de 27 de decembro, no que se establecen normas para a nutrición sostíbel nos solos agrarios. Dende o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL) levan dende o 2020 alegando contra este Decreto, coñecido como “Decreto dos Xurros”, unha das normativas que máis afecta ás ganderías galegas
Neste sentido, a malia as alegacións, presentadas tanto polo Sindicato Labrego como pola Consellería do Medio Rural, o Goberno Central volve excluír o emprego do prato invertido como mellor técnica dispoñible para a aplicación de xurro en GalicIa, un sistema de aplicación máis económico que o de tubos ou barras e que contribúe a reducir as emisións de nitróxeno.
En decembro de 2022 o Goberno Central publicou o Real Decreto 1051/2022, que vén de ser modificado agora. “Este Real Decreto non convenceu á maior parte do sector, houbo mobilizacións e o Ministerio e a Comisión Europea decidiron atrasar no tempo moitas das obrigas burocráticas que ían entrar en vigor con esta e outra normativa, pero non eliminaron esas obrigas”, lembra Ana Rodríguez, gandeira e especialista en Política Agraria Común no Sindicato Labrego Galego.
Por este motivo, houbo dúas modificacións deste Real Decreto no ano 2024. Daquela prohibiuse a aplicación de xurros mediante sistemas de prato, abanico e por canon, agás nos seguintes casos (en negriña os cambios incorporados á proposta orixinal):
a) Nos recintos con pendentes medias superiores ao 10% ou de superficie inferior a media hectárea cando non sexan lindeiras con outros recintos da mesma granxa.
b) Na explotación enteira cando os recintos con pendentes medias superiores ao 10% supoñan máis da metade da superficie total da explotación ou cando a superficie dos recintos con pendentes medias iguais ou inferiores ao 10% non supere as dúas hectáreas. Neste cálculo non se imputarán as superficies que correspondan polo emprego mancomunado de pastos.
Neste sentido, dende o Sindicato Labrego Galego lembran “a publicación de varios anuncios por parte da Consellería do Medio Rural e da organización Unións Agrarias – UPA en outubro do ano pasado de que o Ministerio de Agricultura asegurara por carta a Unións Agrarias que se podería utilizar o sistema do prato invertido para aplicar o xurro, e que a Consellaría do Medio Rural poría en marcha nas datas seguintes os mecanismos necesarios para, contando cos informes técnicos favorables, regular a aplicación dos xurros con prato invertido en Galicia”.
“O grave deste asunto é que o do prato invertido era mentira, tal e como denunciamos dende o SLG”, esclarece Rodríguez. “Falamos co Ministerio e nada sabían porque a Consellería do Medio Rural nada entregou. Segue sendo necesario que a Consellería realice os estudos para que sexa considerado como Mellor Técnica Dispoñíbel (MTD) e que solicite a súa autorización ao Ministerio, cousa que non fixo”, demanda.
Nese senso, dende o Sindicato Labrego denuncian que “a Consellería do Medio Rural segue sen preocuparse por Galiza, pois non lle fai ver ao Ministerio de Agricultura que polas dimensións das parcelas, polas pendentes, polos custes que representa para unha gandaría a carga burocrática, etc, Galiza non pode rexerse por este Real Decreto”. Ante esta situación, urxen á Consellería a que “actúe xa é que cumpra as súas promesas no referido á aplicación de xurros con prato invertido en Galiza”.

Novidades do Real Decreto 934/2025 do 21 de outubro:
Dende o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas achegan un resumo das novidades incluídas no Real Decreto 934/2025:
PLAN DE ADUBADO: non hai que facelo deica o 01/06/2026. Non teñen que facelo en ningún caso as granxas con menos de 10 has de secaño ou pastos e/ou cultivos forraxeiros para autoconsumo, e as que só teñan prados e non fertilicen.
ASESOR/A DE FERTILIZACIÓN: Non teñen que ter esta figura as granxas que non teñen que facer o plan de adubado. Para o resto, teñen que ter un asesor/a o 01/09/27 para as granxas situadas en zonas declaradas vulnerábeis e o día 01/09/2028 para o resto de granxas.
USO DE PRATO ESPAREXEDOR: Pódese usar en leiras con máis do 10% de pendente, en leiras de menos de 1 hectárea que non linden con outras da mesma granxa e en toda a granxa se a superficie que non cumpre as condicións anteriores é menor do 50% da superficie da granxa (ou menos de 2 Has).
Galego









Control OJD