Últimos avances na recuperación das oliveiras propias de Galicia

O grupo de investigación que descubriu as 20 variedades autóctonas galegas continúa desenvolvendo o proxecto a través da posta en marcha de parcelas experimentais con plantas de cada unha delas. ‘Brétema’, ‘Carapucho’, ‘Carmeliña’ ou ‘Xoana’ comercializaranse despois do seu correcto rexistro

Publicidade
Últimos avances na recuperación das oliveiras propias de Galicia

As macetas con cada unha das variedades están dentro de invernadoiro para a súa conservación e protección

O grupo de Viticultura, Oliveira e Rosa (Vior), pertencente ao Csic, e financiado pola Fundación Juana de Vega continúa desenvolvendo o proxecto sobre a caracterización das 20 castes autóctonas descubertas. Actualmente, 11 delas atópanse en rexistro, “e tardarán en torno a dous anos en pasar o proceso para a súa posterior comercialización”, amplía Carmen Martínez, xefa do grupo de investigación.

En paralelo, Vior puxo en marcha dúas parcelas experimentais, en campo e unha colección en macetas en invernadoiro, cunha dobre finalidade: “Temos exemplares de cada unha das castes en macetas illadas e cubertas cunha malla, para conservalas e evitar a súa afección por virus, outras enfermidades, ou pragas, e tamén en diversas parcelas de campo de diferentes zonas para ver nos próximos anos o seu comportamento agronómico e a súa evolución en diferentes escenarios”, avanza Martínez.

Polo tanto, os obxectivos inmediatos que procuran para cada caste desde o grupo de investigación son “saber como medran, como é o seu desenvolvemento, rexistrar a época óptima de maduración do froito, etc.”, destaca a xefa do grupo. Paralelamente, “procederase con pequenas elaboracións de poucos kg de aceituna para sacar mostras de aceite dos cultivos, mediante un equipo ‘olimaker’; unha vez se teña unha maior produción faranse elaboracións de maior cantidade en almazara. En ambos casos, os aceites resultantes someteranse en distintas catas organolépticas”, explica.

Variedades e algunhas características

Ata o momento, ‘Brava Galega ’ e ‘Mansa Galega’ son as únicas dúas recoñecidas oficialmente. A pesar disto, “existen aínda dificultades para afrontar a multiplicación, e non damos atendido a todas as peticións que nos chegan”, polo que “se solicitou recentemente un proxecto na última convocatoria de Grupos Operativos da Xunta, para poder poñer a punto o sistema de multiplicación a gran escala, mellorar o sistema clásico de estaquillado e implementar outros novos métodos como a multiplicación in vitro”, especifica Carmen Martínez.

O clima galego e o tipo de chan no que se cultivan as diferentes variedades representan factores diferenciadores para a produción de aceites con froito autóctono, en comparación con outros producidos noutras zonas de España. Polo momento, ao respecto, o grupo de investigación realizou estudos preliminares con ‘Brava Galega’ e ‘Mansa Galega’, onde identificaron un rendemento graxo lixeiramente superior nas olivas da variedade ‘Brava’ -un 17%- que na ‘Mansa’ -un 15,80%-.

En canto á composición en ácidos graxos, os resultados extraídos neste estudo inicial co método Abencor presentan cifras nos rangos esperados para aceites de oliva virxe extra, coa excepción do ácido graxo monoinsaturado margaroleico do aceite monovarietal de ‘Brava Galega’, que superou lixeiramente o límite especificado para esta tipoloxía.

Pola súa banda, as características organolépticas diferenciadas ata o momento para estas dúas castes, aparecen definidas no artigo publicado na Revista Almazaras, ‘Bases científicas para a creación dunha DOP ou IXP Aceites de Galicia’, como “aceites equilibrados, cun afroitado acentuado con moitas notas verdes a herba e cuns niveis medios de picante e amargo”.

Así mesmo, tamén están traballando na denominación de cada variedade. A xefa do grupo de investigación afirma que “un dos problemas é que non hai rexistro algún de nomes, como no caso das vides no viño, polo que temos que ‘bautizalas’ en torno a diferentes criterios, pero sempre intentando que calquera persoa de fora que escoite o nome, lle sone a Galicia”.

Hai que ter en conta que “quen pon o nome son os autores da descrición da variedade, pero tamén que está suxeito a unhas normas: non se poden poñer nomes de lugares, ou nomes que xa estean rexistrados para outras especies o incluso outros produtos. Non é fácil, aínda que neste caso, cada nome que puxemos ten unha historia detrás”, comenta Martínez.

Deste xeito, utilizaron resgos propios da zona onde se atoparon para denominar algunhas delas, como ‘Brétema’, ‘Carapucho’, ‘Amoreira’, ‘Folgueira’, ou ‘Hedreira’. Noutros casos, recorreron a criterios de vellos botánicos do S. XIX para darlles nomes galeguizados dalgúns dos investigadores e colaboradores do proxecto, como ‘Santiagueira’, ‘Carmeliña’, ‘Maruxiña’, ‘Susiña’ ou ‘Xoana’ pola Fundación Juana de Vega.

Actualmente, destas últimas variedades existe un artigo de investigación sobre un estudo con caracterizacións a nivel molecular e botánico, onde tamén se fai referencia a ‘Brava’ e ‘Mansa’. Neles amósase medicións en torno a varias partes, como a folla ou diferentes partes do froito. Algunha das conclusións que destaca o estudo é que a pesar das diferencias de tamaño entre ambas partes, a súa forma mantense constante.

Esta imaxe sacada dun estudo do grupo de investigación representa as similitudes en forma do froito: 

Fonte: Spanish Journal of Agricultural Research

Localización das variedades

Aínda que todas estas castes de oliveira se atopan dentro de Galicia, existen algunhas delas con predominancia en certas zonas concretas, mentres que outras aparecen en toda Galicia. Nun primeiro momento, o grupo de investigación liderado por Carmen Martínez actuou sobre partes do territorio que se adecuaban a estes cultivos, ou das cales existían referencias do cultivo olivareiro. A zona limítrofe con Portugal, Ourense, ou as partes sur e norte das provincias de A Coruña ou Pontevedra sitúanse entre as que existía unha maior presencia.

Fonte: Grupo Vior, Revista Almazaras

Imaxe das diferentes zonas de estudo

En municipios como Sergude, Lestedo ou Boqueixón -sur de A Coruña-, ou Campo Lameiro e Cotobade -provincia de Pontevedra-, a maioría de exemplares centenarios localizados pertencen á variedade ‘Brétema’, mentres que na comarca de Vigo, por exemplo, se corresponde máis coa caste ‘Mansa Galega’.

Sen embargo, no sur da provincia de Lugo -en municipios como Quiroga ou Ribas de Sil- predomina ‘Brava Galega’, ‘Folgueira’ e ‘Carmeliña’. Do mesmo xeito, a variedade ‘Xoana’, de novo xunto a ‘Brava’ ocupan especialmente o noroeste da provincia de Ourense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información