Últimos avances en España en vacún de leite en ecolóxico

Os pasados 17 e 18 de febreiro celebrouse na localidade cántabra de Cabárceno o II Encontro Estatal de Ganderías de Leite Ecolóxicas, un sector en auxe e con perspectivas de seguir medrando nos próximos anos. Velaquí as conclusións

Últimos avances en España en vacún de leite en ecolóxico

Asistentes ao encontro en Cabárceno.

Os pasados 17 e 18 de febreiro celebrouse na localidade cántabra de Cabárceno o II Encontro Estatal de Ganderías de Leite Ecolóxicas, un sector en auxe e con perspectivas de seguir medrando nos próximos anos.

A reunión contou coa participación dun nutrido grupo de gandeiros galegos, un total de 20, que contaron coa colaboración de Xan Pouliquen. Galicia é tamén a comunidade que está a liderar en España este tipo de produción de leite diferenciado. Non en balde, o pasado ano 2017 o leite e derivados lácteos certificados polo CRAEGA aumentaron un 41% ata lograr unha facturación de 18,5 millóns de euros.

A continuación achegamos as conclusións dos distintos grupos de traballo, integrados por gandeiros e técnicos, sobre os aspectos de máis interese para os produtores de leite en ecolóxico:

Técnicas concretas de pastoreo:

Despois de analizar os diferentes manexos do pastoreo e os problemas atopados, conclúese coas seguintes apreciacións:

1º.- Como pauta xeral, estímase de interese producir o máximo de forraxe ou pasto co mínimo custo.

2º.- Para a realización do pastoreo, atópase como principal problema, a atomización da superficie que debería dedicada a este uso como consecuencia da falta de continuidade da superficie da explotación.

3º.- Detéctase unha escaseza de forraxe ecolóxica para adquirir polos gandeiros para alimentar os seus animais nalgunhas épocas do ano.

Interesa realizar a compra o máis próximo posible á explotación e de forma directa ao agricultor para evitar intermediarios e desa forma poder comprar a un prezo máis alcanzable.

4º.- É preciso que os animais teñan a auga próxima á súa disposición en todo momento.

5º.- Os animais deben saír ao pasteiro a pacer. Cando non pazan están mellor na corte ou nun espazo no que non deterioren o prado. Os animais deben saír ao pasto con fame.

6º.- O tempo de repouso das plantas pratenses debe ser suficiente para que recuperen a súa masa foliar e que se obteña a maior produción que resulte posible, coidando que a planta teña un bo estado fisiolóxico.

7º.- O criterio a seguir para introducir os animais na parcela pode ser variado, como é a altura do pasto, a densidade do pasto, o punto óptimo de repouso, a porcentaxe de plantas en flor, etc.

Se non hai pasto suficiente os animais non deben pisar a pradaría

8º.- A estancia dos animais que están en pasto, é conveniente que permanezan na parcela durante un día durante a primavera, pero é preciso mover o fío do pastor e a subministración de auga.

As estratexias utilizadas noutros países (Irlanda) é a medición de forma diaria, da Materia Seca / Ha dispoñible para o pastoreo. Aquí, en España, faise a ollo.

A estancia na parcela varia entre 1 e 3-4 días por parcela; hai moita variedade de criterios respecto de superficie pastoreada momentaneamente polo rabaño, de forma que a decisión do tempo de pastoreo por parcela é moi variable en cada caso.

9º.- Pódense mellorar as producións de forraxe mediante abonados con compost e tratamentos biodinámicos, de forma que se poden lograr niveis de materia orgánica de ata o 14 %.

10º.- Nalgúns casos, pode ser de interese facer resementeira de pradarías ou sementeira de especies pratenses máis produtivas que as presentes no pasteiro.

11º É importante desenvolver unha filosofía ECO- LÓXICA; é dicir, actuar con coherencia en todos os factores que afectan ao manexo da granxa, tomar decisións que sexan social, ambiental e economicamente responsables e razoables, de tal forma que o compendio de decisións fagan mellorar a calidade do produto ecolóxico, a rendibilidade da explotación e o aproveitamento do medio e os seus recursos, sen provocar a súa deterioración.

12º.- Hai persoas que realizan o cambio a produción ecolóxica motivados polo alto prezo de venda do leite e baixa rendibilidade actual da explotación. Sen embargo, adquiren conciencia de produtores ecolóxico debido a que descobren as vantaxes que este sistema de produción achega.

-Recría e razas:

Despois de analizar os diferentes manexos da recría de xovencas e os problemas atopados, conclúese coas seguintes apreciacións:

1º.- As tenreiras que se atopan en fase de amamantamento, atópanse en mellores condicións se se atopan ao aire libre.

2º.- É interesante o uso de vacas nutrices para aleitar ás tenreiras se se dispón de suficiente espazo pastable.

3º.- Nalgúns casos, manter aleitando á nai non é o máis conveniente, posto que unha porcentaxe de vacas reteñen o leite no muxido.

4º.- Para realizar a alimentación posdestete garantindo un bo crecemento da recría, é conveniente utilizar alimentos de alta calidade, tanto se se suplementan con penso, coma se se realiza exclusivamente en pastoreo.

5º.- A tendencia de utilización de razas en produción ecolóxica é cara a un cruzamento de Holstein con razas leiteiras máis rústicas. Non hai unha conclusión clara sobre que raza ou que cruzamento de razas é máis interesante.

 A tendencia é cara a un cruzamento de Holstein con razas leiteiras máis rústicas

6º.- Para as situacións de altas incidencias de diarreas, resultou efectivo a vacinación con Bovela, previa análise sanguínea dos animais para realizar o diagnóstico do axente causante.

Como estratexias preventivas pódense enumerar a desinfección do cordón umbilical con Iodo e o encalostramento do recén nado nas primeiras horas de vida.

7º.- Para evitar problemas pulmonares nos cuchos tamén resulta recomendable a desinfección do cordón umbilical e mantelos ao aire libre.

En caso de aparición de síntomas, é preciso a alimentación con sonda de produtos como soro ou leite pasterizado e tratamento prescrito por facultativo en caso de gravidade.

A utilización de homeopatía nas primeiras fases é de gran interese.

8º.- As datas de cubrición para a recría, na maioría dos casos realízase ao redor dos 15 meses de idade do animal. Nalgún caso prefírese agardar ata os 18 meses.

9º.- Para a preparación do parto, incorpóranse as xovencas ao lote de muxido cunha antelación ao parto que oscila entre 2 días e 30 días aproximadamente.

-Mamite:

Despois de analizar os diferentes manexos da mamite e os problemas atopados, conclúese coas seguintes apreciacións:

1º.- Para os que levan uns anos en produción ecolóxica, a mastite, non é un problema.

2º.- A maior produción leiteira, máis problemas (considérase moita produción máis de 20 litros).

3º.- A raza inflúe.

4º.- Unha boa cama, hixiene, pastoreo…;é dicir, a prevención é moi importante.

5º.- Algún realiza tratamentos convencionais outros homeopáticos (explícanse alternativas) aceites esenciais. Entre os gandeiros que están en conversión, hai moitas dúbidas de que funcionen os tratamentos alternativos.

A mamite non é un problema para a produción de leite en ecolóxico

6º.- Nalgunhas comunidades non hai servizo de tratamentos alternativos, por tanto, é o propio gandeiro o que se ten que formar.

7º.- Tamén se comenta dalgúns remedios caseiros

8º.- Hai diferenza de opinión en canto cando hai máis risco de mastite. Algúns din no inverno, pola estabulación e humidade, e outros din na primavera -verán.

9º.- No grupo, para curar unha mastite dise que o mellor é alimentar os tenreiros directamente da vaca, pero poucos o fan, por comodidade.

11º.- Xeralmente, realízase secado natural; é dicir, ponse a dieta e cando ten pouco leite déixase de munguir.

12º.- Algúns realizan prediping e postdiping, outros só postdiping.

Conclusión: A mamite non é un problema para a produción de leite en ecolóxico.

-Parasitismo:

Despois de analizar os diferentes manexos dos parasitos e os problemas atopados, conclúese coas seguintes apreciacións:

1º.- Falouse de parasitos internos tamén pero fundamentalmente derivouse o debate do grupo a parasitos externos ou vectores de enfermidades non asociadas a parasitos. Un exemplo diso é o caso da mosca relacionada coa transmisión de infeccións asociadas a mamite.

2º.- Aspectos relacionados coas necesidades de formación:

-Coñecer ben os causantes dunha enfermidade. No caso de que haxa axentes vectores da mesma, considérase que é preciso coñecer cal é o ciclo dos mesmos. Por exemplo Mamites transmitidas por unha “mosca” que quizais non sexa tal en todos os casos senón posiblemente “Haematobia irritans” ou outros.

-Coñecer tratamentos e pautas diferentes aos convencionais que permite de forma regulada a lexislación de ecolóxico. Coñecer outras técnicas máis aló do alopático. Atopar liñas de produtos específicos.

-Saber facer un bo diagnóstico de detección de problemas de parasitos e as súas causas.

-Citouse a aromaterapia e a fitoterapia pero manifestando descoñecer ambas, sobre todo a primeira.

-Considérase imprescindible recuperar o coñecemento antigo.

3º.- Aspectos relacionados coa abordaxe do problema de parasitos a través da prevención:

-Recoñecemento do medio como factor de influencia. O ambiente inflúe. A contorna e o ambiente circundante inflúen. Prevención a través do ambiente.

-A xenética como vía de solución. ¿Autoinmunidade por xenética e por comportamento?

-A fauna auxiliar e o equilibrio coa contorna como ferramenta para evitar parasitacións.

-Relación nai-terreo-stress como vía de prevención.

-¿É o exceso de asepsia a causa de posibles problemas por parasitos?

-O manexo do pastoreo debe ser ferramenta para reducir a parasitación.

-Recoñecemento de que en ambientes correctos (exteriores) non aparecen problemas.

4º.- Formulacións das persoas que están en transición:

-Medo a non desparasitar.

-Non gusto polo emprego das desparasitacións aceptadas e permitidas polo regulamento. Tratar de evitalas por principios.

As plantas son motor de solución evidente para os parasitos, pero falta coñecemento científico

5º.- Aspectos concretos da problemática:

-Cítase o problema das mamite de verán e a súa relación con vectores.

-Admítese unha menor incidencia de parasitos internos mentres se fagan manexos normais. Coccidiose se cadra.

-A flora das pradarías pode ser máis ou menos adecuada para tratar de evitar ou convivir cos parasitos.

-Cítase a avespa asiática como problema sobre os animais.

6º.- As plantas como problema nalgúns casos e como solución noutros:

-As plantas son motor de solución evidente.

-Segundo con que plantas o animal tamén consegue denominar a convivencia cos parasitos.

-Recoñécese a relación clara entre flora e parasitos pero descoñécese o seu método de uso como ferramenta.

7º.- A relación entre o que come un animal e a súa relación cos parasitos:

-Non só considerada no plano nutritivo senón na procura doutros efectos, sensacións e síntomas do animal ao comer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información