Último asalto do ‘catastrazo’

Facenda xa está a enviarlle ós veciños as comunicacións de actualización catastral en parte dos 125 municipios pendentes de rematar o proceso en Galicia. A renovación concluirá en xullo do 2018

Último asalto do ‘catastrazo’

O remate da renovación catastral prorrogouse ata xullo do 2018.

A renovación catastral está a culminar en 125 concellos galegos que teñen pendente de rematar o proceso, iniciado no 2013. Os veciños de parte destes municipios xa comezaron a recibir as cartas nas que lles comunican a actualización do Catastro. Desde Ventonoso, unha organización ligada a Unións Agrarias que asesora ós veciños do rural no proceso, advirten da necesidade de prestar atención á carta. “Hai 15 días para comprobar se a actualización do Catastro é correcta e para presentar alegacións”, subliña José Antonio Diéguez, de Ventonoso.

A carta de Catastro, na que se lle require ós veciños que paguen 60 euros por non ter comunicado ampliacións ou novas construcións, inclúe unhas claves que facilitan o acceso en internet á actualización catastral practicada por Facenda. “Máis da metade da xente non lle presta atención a esas claves. Pensa que con pagar os 60 euros remata todo, pero a sorpresa chega ó ano seguinte, cando lle pasan o recibo actualizado da contribución”, advirte José Antonio Diéguez.

Ventonoso insiste en que os veciños teñen que comprobar en internet a actualización realizada por Catastro. “Se todos os datos están ben, perfecto, pero se non están ben, hai que presentar alegacións e só hai 15 días para presentalas, polo que hai que estar moi áxil”, inciden.

Cambios
A renovación catastral, emprendida no 2013, afecta a dúas cuestións principais. Por un lado, Catastro está a rexistrar as novas construcións e as ampliacións de vivendas, que ademais de incorporarse ó recibo da contribución, terán que abonar os atrasos dos últimos catro anos.

A segunda cuestión é que as instalacións agrarias, como naves, pendellos ou invernadoiros, pasan a pagar tamén a contribución de rústica. Canto tocará pagar polas instalacións agrarias? Depende da taxa que teña establecida o Concello de turno, que pode oscilar entre o 0,3 e o 0,9 por cento do valor catastral da propiedade.

Sobre o recibo final, os Concellos teñen tamén a posibilidade de aplicar bonificacións de ata o 90% para explotacións agrarias. Foron xa varios os municipios que teñen establecidas esas bonificacións, como é o caso dos de Santiago, Lalín, Silleda, Muxía ou Curtis.
Desde Ventonoso estase a facer un seguemento para comprobar que municipios se preocupan de baixar os coeficientes do Catastro e/ou aplican bonificacións para as explotacións agrarias.

Datas
En Galicia, estaba previsto que a renovación catastral concluíse en novembro deste ano, pero Facenda ampliou o seu remate ata xullo do 2018. En calquera caso, hai concellos como Ourol (Lugo), coa renovación prorrogada ata o 2018, nos que os veciños xa están a recibir as comunicacións da actualización, polo que Ventonoso pide atención ó proceso.

Municipios pendentes de rematar a renovación catastral

A Coruña
– Data límite de remate o 31 de outubro do 2017: Abegondo, Arteixo, Camariñas, Cambre, Carballo, Cee, Lousame, Narón, Negreira, Ordes, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Santiago de Compostela.

– Data límite de remate o 31 de xullo do 2018: Aranga, Arzúa, Boiro, A Capela, A Coruña, Curtis, Dodro, Fisterra, Mazaricos, Miño, Moeche, Monfero, Muxía, Oleiros, O Pino, Porto do Son, Rois, San Sadurniño, Santiso, Toques, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vilarmaior, Zas.

Lugo
– Data límite de remate o 31 de outubro: Carballedo, Sarria.

– Data límite de remate o 31 de xullo do 2018: Burela, Castroverde, O Incio, Monforte de Lemos, Ourol, Palas de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Ribas de Sil, Riotorto, Taboada.

Ourense
– Data límite de remate o 31 de outubro: O Barco de Valdeorras, A Bola, O Bolo, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, A Gudiña, Larouco, Manzaneda, Nogueira de Ramuín, Ourense, Piñor, A Rúa, Rubiá, San Amaro, San Xoán de Río, Sandiás, A Teixeira, Viana do Bolo, Vilar de Santos, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo.

– Data límite de remate o 31 de xullo do 2018: Baltar, Bande, Beariz, Os Blancos, Boborás, Carballeda de Valdeorras, Cartelle, Castrelo do Val, Cenlle, Cortegada, Chandreixa de Queixa, Entrimo, O Irixo, Laza, Leiro, Lobios, Maside, Padrenda, Porqueira, Sarreaus, Taboadela, Tramirás, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras.

Pontevedra
– Data límite de remate o 31 de outubro: Dozón, Lalín, Mos, As Neves, Nigrán, Poio, Portas, Ribadumia, Silleda.

– Data límite de remate o 31 de xullo do 2018: Barro, Cambados, Cotobade, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Lama, Meaño, Oia, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Tui, Valga, Vilagarcía de Arousa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información