Ultímase a publicación das axudas para os viñedos da Ribeira Sacra

Publicidade
Ultímase a publicación das axudas para os viñedos da Ribeira Sacra

A Xunta ultima as axudas para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, por importe de dous millóns de euros. A convocatoria para o ano 2025 farase efectiva mediante a súa próxima publicación no Diario Oficial de Galicia o vindeiro luns, 30 de decembro.

O Consello do Goberno galego coñeceu hoxe un informe sobre estas subvencións, que xestionará a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, adscrita á Consellería do Medio Rural. As subvencións serán para as persoas viticultoras inscritas na denominación de orixe protexida (DOP) Ribeira Sacra que colaboran, co seu cultivo, na conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos desta DOP.

Debido á orografía do terreo, o cultivo do viñedo faise en socalcos con muras de pedra e que estes son sistemas produtivos moi eficientes que determinan o mantemento dunha cultura agraria propia, que axuda a evitar unha erosión incontrolada. Polo tanto, tense en conta que o cultivo da vide contribúe de forma moi significativa á singularidade paisaxística desta zona e que o sector vitivinícola é un motor económico fundamental para o territorio da Ribeira Sacra, un área que ademais ten un atractivo turístico en crecemento, favorecido pola súa candidatura a Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Contías das axudas
A contía individualizada destas axudas para cada beneficiario será, como máximo, de 2.000 euros por hectárea para o cultivo da vide en socalcos de pedra de forma non mecanizada e de 1.000 euros para o que se fai sen socalcos ou mediante traballo mecanizado. Non se concederán axudas superiores a 50.000 euros por persoa beneficiaria.

Estas subvencións forman parte do paquete de medidas comprometidas en setembro pasado pola Xunta para axudar os viticultores desta zona ante das dificultades causadas polos excedentes de viño tinto.

Esta medida en concreto ten un carácter novo e responde ás especiais condicións de produción dos viños desta zona, que contribúe a manter unha paisaxe única, así como a loitar contra a erosión nestas terras do interior das provincias Lugo e Ourense, nos vales dos ríos Miño e Sil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información