Ultímase a entrada no Parlamento da Lei de Recuperación da Terra Agraria

Ultímase a entrada no Parlamento da Lei de Recuperación da Terra Agraria

Paisaxe rural. / Arquivo.

O Consello da Xunta deu luz verde a un informe sobre a proposta normativa da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que proximamente será remitida ao Parlamento. A nova norma, que busca poñer en uso terra abandonada, así como reducir os problemas derivados do minifundio, terá unha serie de eixos de actuación, a maioría xa coñecidos, que se detallan no informe presentado esta semana. Resumimos a continuación os seus principais puntos.

Identificación e ordenación de usos
A normativa ordenará o uso das terras de carácter agroforestal. Realizarase a través da posta en marcha dun Mapa de usos agroforestais, que servirá de base para planificar as actuacións das administracións públicas na materia. Tamén se prevé a creación dun Catálogo de solos agropecuarios e forestais.

Investigación da propiedade
Naquelas parcelas nas que haxa interese pola súa recuperación e posta en valor, a Xunta iniciará procedementos de revisión topográfica e de titularidade, tras o que notificará os resultados a Catastro, para que proceda a súa actualización.

Declaración de abandono
Na lei establécese a declaración de abandono ou infrautilización de predios. Aos propietarios con terreos infrautilizados que se vexan inmersos neste proceso ofrécenselles tres opcións: recuperar o terreo e poñelo en condicións de produción, ceder a un terceiro o seu uso e aproveitamento ou, por último, incorporar o predio ao Banco de Terras.

De non aceptar ningunha destas opcións, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) poderá emitir resolución de declaración de abandono, que pode comportar a apertura de expedientes e permite a execución subsidiaria da limpeza do predio.

Instrumentos de recuperación e posta en valor da terra

Os novos instrumentos que se anuncian para mobilizar a terra e impulsar a súa xestión conxunta son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta.

Polígonos agroforestais
Os polígonos agroforestais teñen por obxecto poñer a producir áreas de terra agraria abandonada ou infrautilizada e con boa capacidade produtiva, por iniciativa da administración ou de particulares. A súa posta en marcha poderá requirir da reestruturación da propiedade e da existencia de axentes promotores, que se someterán a un proceso de concorrencia competitiva para xestionar a terra.

A norma establece que cos polígonos agrogandeiros e forestais se poderán producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.

Polígonos devasa
Os polígonos devasa serán un subtipo de polígono agroforestal. Procuran a xestión do territorio co fin de anticiparse aos incendios. Promoverase neles a actividade agrícola, gandeira e forestal, en todos os casos mediante criterios sustentables e, no caso dos usos forestais, utilizando especies que reduzan o risco de propagación de lumes.

Aldeas modelo
Coa figura das aldeas modelo búscase recuperar de xeito sustentable terra abandonada arredor dos núcleos de poboación, creando actividade agrogandeira e, polo tanto, devasas naturais para anticiparse aos incendios. Dentro desta figura, da que xa existen varias iniciativas piloto en marcha, crearanse as chamadas Áreas de dinamización de núcleos rurais (Dinur), enfocadas á mellora de equipamentos e servizos, entre outras cuestións.

Agrupacións agrogandeiras e forestais de xestión conxunta
Outra figura establecida na lei é a das agrupacións (agrogandeiras e forestais) de xestión conxunta, regulando a finalidade destes colectivos, o obxecto e tamén os requisitos que deberán cumprir como promotoras das actuacións conxuntas.

Este modelo de xestión conxunta non suporá a reorganización da propiedade dos terreos agroforestais e comportará a obrigatoriedade da súa xestión e aproveitamento de maneira conxunta durante o tempo de vixencia.

Dentro dos procedementos de mobilización, a lei regula tamén un sistema de permutas ou “cambios” voluntarios para solucionar o problema dos titulares de explotacións agrogandeiras e forestais que teñen predios enclavados que dificultan a súa xestión e a súa rendibilidade.

No marco da Lei, anúncianse tamén outras medidas, como un Banco de Explotacións, para promover a continuidade das granxas sen relevo xeneracional, ou liñas de crédito bonificadas e incentivos fiscais, entre outros instrumentos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información