Últimas tendencias no sector ovino en Francia

Ven de celebrarse Tech Ovin, a feira francesa do sector ovino que chega ao seu 20 aniversario. Joan Alibés, gandeiro e fundador da consultora Beealia, estivo alí e cóntanos as súas impresións

Últimas tendencias no sector ovino en Francia

Exposición de ovellas de raza Texel na Tech Ovin

Francia é un dos principais produtores de gando ovino da Unión Europea, cunhas 80.000 toneladas de carne, por detrás de Reino Unido e España. En concreto, conta cuns 7 millóns de cabezas repartidas nunhas 35.000 ganderías, principalmente de carne.

Malia iso, o país é claramente deficitario na producción desta carne, polo que se ve obrigado a importar doutros estados. De feito, e segundo os datos do Institut de l´Elevage, soamente o 43% da carne de cordeiro consumida en Francia é de orixe francesa.

Neste sentido, as autoridades galas teñen en marcha unha campaña para reverter a perda de ganderías no sector e incrementar a produción e a productividade deste sector, non só polo aporte económico e de xeración de riqueza no rural, senón polos importantes servizos medioambientais que proporciona esta gandería, en forma de conservación da paisaxe e prevención de incendios.

A este respecto, a semana pasada, os días 4 e 5 de setembro, tivo lugar en Bellac (Nouvelle Aquitaine-Francia) a 20ª edición do Salon du Mouton, Tech Ovin. Unha cita bianual que supuxo en cifras, 14.390 visitantes, 820 estudiantes, 239 expositores, 36 razas e 12 nacionalidades diferentes. Entre eles os técnicos de Beealia (entidade de asesoramento gandeiro), en representación de ACMET (Asociación para la Conservación del Mastín Español Tradicional).

Este salón é o máis representativo do sector ovino francés e onde se atopan gandeiros, técnicos, veterinarios, investigadores e estudantes. Nesta 20ª edición as principais seccións nas que se dividiu o salón foron:

-Iniciativas para a incorporación de novos mozos e mozas: un espazo dedicado a realizar charlas para estudantes e futuros gandeiros, con gran concorrencia e aberta a todo aquel interesado. Destacou a forte presenza de entes públicos.

-Un espazo para a demostración de cans pastores e para a información sobre cans de protección de gando, onde o Institut de l’Élevage e varios parques nacionais amosaron gran interese polo Mastín Leonés de Traballo, a raza máis empregada en Galicia.

-Un escenario onde se realizou o concurso de tosquiado e onde se realizaron demostracións ao longo dos dous días.

-Dúas carpas coa exposición de 35 razas ovinas.

-Unha ampla zona aberta para a presentación das novidades en instalacións ovinas (mangas de manexo, básculas automáticas, sistemas de instalación de peches gandeiros, sistemas de alimentación,…).

-Unha competición de despece e corte de carne de cordeiro, con estudantes que puideron aprender de mestres carniceiros e no que se amosaron as técnicas de presentación dos diferentes cortes da carne de cordeiro.

Esforzo do goberno francés por incorporar novos gandeiros ao sector ovino

A maiores, Tech Ovin é tamén unha cita para o debate onde se realizan unha serie de charlas breves en dúas salas ao mesmo tempo sobre os temas máis candentes do sector. De entre as 60 presentacións realizadas nos dous días foron destacados os seguintes temas:

-Últimas novidades nos aspectos de manexo do gando ovino, con fincapé na época de partos e no cebo.

-Desafíos do sector cárnico e en particular o impacto do Brexit sobre o mercado francés.

-Técnicas de pastoreo e redución da carga parasitaria dos pastos co uso de plantas con taninos.

-A situación do lobo e os ataques ao gando, un tema sempre quente e que en Francia vaise converter nun problema de primeira orde.

-Retos de futuro, como o cambio climático e o benestar animal.

Dos temas tratados nas charlas destacamos a importancia que o sector lle da á incorporación de novos gandeiros/as e no esforzo institucional, coa presenza dos principais entes públicos con stands e charlas continuas para informar e motivar aos futuros integrantes deste sector. Moito máis aló dos tradicionais discursos, a implicación institucional é omnipresente.

O Brexit, unha oportunidade para Galicia e España para exportar cordeiros a Francia

De cara ao sector en España e en Galicia, cabe destacar a transcendencia do Brexit para o mercado da carne de cordeiro en Francia, xa que o Reino Unido é o principal importador no país con máis do 40% das importacións. Neste punto salientouse o papel de España como futuro substituto do Reino Unido e o esforzo que están a facer os principais exportadores españois no incremento do peso das canais, xa que o mercado francés precisa de canais pesadas por riba dos 15-20 kg.

Unha das charlas máis concorridas e con maior temperatura ambiente foi a da problemática co lobo. Francia conta cun censo de 500 lobos que están concentrados na zona dos Alpes, pero que están a dispersarse dende alí ás principais zonas ovinas francesas (Pirineos, Macizo central e norte de Francia). As cifras oficiais indican máis de 12.000 mortes en 2018, cun incremento anual de 1.000 animais mortos polo lobo. Tendo en conta o alto nivel de implicación do estado na implantación de métodos de prevención e o alto valor dos animais indemnizados, o orzamento anual dedicado ao lobo supera xa os 30 Millóns de euros en todo o estado francés. A problemática vai en aumento e o sector gandeiro clama por solucións rápidas e eficaces.

A raza Texel

Fora de Tech Ovin, o día 5 en Bellac, tivo lugar o mercado do gando no que puideron verse os mellores exemplares das diferentes razas cárnicas francesas. Este mercado coincide co inicio da estación das cubricións de outono e é moi concorrido polos gandeiros para mercar os mellores carneiros para as súas ganderías, polo que todos eles asistían con remolques e vehículos para o transporte dos animais de mercados.

De entre as razas alí presentes destaca a Texel, unha raza cárnica orixinaria de Holanda que presenta unhas características inmellorables para a produción de cordeiros en base a pasto. Remarcar a súa alta prolificidade, por riba de 2 cordeiros por parto, e unha gran capacidade de inxesta de pasto, o que lle permite obter moi bos crecementos e rendementos de canal. A Texel tamén destaca pola súa aptitude maternal e pouca problemática nos partos. A súa capacidade de transformar pasto en carne, en sistemas extensivos, a fai moi interesante para os gandeiros galegos, sobretodo nas provincias de A Coruña e Lugo.

Algunhas imaxes do Tech Ovin 2019:

OVINO FRANCIA 3 OVINO FRANCIA 4 OVINO FRANCIA 5 OVINO FRANCIA 2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información