Últimas recomendacións para o coidado da viña antes da vendima

Publicidade
Últimas recomendacións para o coidado da viña antes da vendima

Foto: Adega Terra de Asorei

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de emitir o seu último aviso fitosanitario desta campaña, no que ofrece información actualizada sobre o estado dos viñedos na provincia e unhas recomendacións para o seu coidado. Velaquí a situación en canto ás principais enfermidades fúnxicas da vide:

Mildio:

A estas alturas da campaña, cando as temperaturas nocturnas aínda son relativamente elevadas e xa son habituais os orballos que manteñen a vexetación húmida durante horas (amais das néboas que se rexistran desde hai dous ou tres días segundo as zonas), a situación observada na revisión desta semana foi a mesma da anterior: síntomas novos con frutificación nos gromos (sobre todo nas viñas que non se tratan desde hai tempo), nas plantas testemuña e nas abandonadas. Tamén nalgunhas parras se incrementou a defoliación nas partes ás que non chegaron os tratamentos debido á excesiva frondosidade das plantas.

Aínda que moitas previsións meteorolóxicas anuncian unha elevada probabilidade de choiva para finais da semana próxima, a contía que prognostican a día de hoxe é reducida e por iso non debería de haber consecuencias negativas derivadas das novas contaminacións que poidan producirse, polo que poden aproveitarse estes días para facer unha limpeza dos acios máis danados co fin de gañar tempo para a vendima e de evitar a posible instalación de botrite.

En calquera caso, nos predios con elevada presenza de manchas será conveniente aplicar un tratamento cúprico despois da vendima, en calquera momento antes da caída da folla, para reducir o inóculo para a próxima campaña.

Oídio:

En xeral, e malia climatoloxía favorable ao fungo, nesta semana os técnicos de Areeiro non apreciaron variacións destacables na sintomatoloxía fronte ao observado na revisión anterior.

Ao igual que indican no mildio, naqueles predios que presenten máis síntomas será conveniente aplicar unha intervención post-vendima antes da caída de follas.

Botrite:

Debido á practica ausencia de choivas (as previstas para a fin de semana pasada foron locais e reducidas) e a que non houbo un exceso de horas de humidade foliar, apenas observaron un par de grans con presenza deste fungo no conxunto das viñas que visitaron, e ambos estaban asociados a unha perforación de Lobesia. Tamén os acios das variedades máis sensibles, e incluso os que teñen feridas ou restos dos ataques da avespa asiática ou de paxaros, aparecen sás.

Con todo, este fungo da botrite pode afectar aos acios ata o momento mesmo da vendima, polo que hai que continuar a vixilancia e asegurar unha boa ventilación das plantas se de aquí á recollida da uva hai precipitacións ou calquera outra circunstancia que poida beneficiar ao patóxeno.

No caso de que se dea esta última situación e de que fora preciso tratar (consulten antes cos seus técnicos), no Rexistro de Fitosanitarios do Ministerio hai, para Botrytis cinerea, tres materias activas naturais que, ou ben non teñen prazo de seguridade [Bacillus subtilis (cepa QST 713) 1,34% e Pythium oligandrum (cepa M1) 17,5%] ou ben este é só dun día [Saccharomyces cerevisiae (cepa LAS02) 96,1%]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información