A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ultima un novo protocolo, en colaboración cos Concellos, para controlar as poboacións de xabaril en zonas urbanas e periurbanas mediante a adopción de medidas preventivas e de control alternativas ás accións cinexéticas. Unha das iniciativas previstas é a colocación de gaiolas trampa en lugares estratéxicos e que adoiten frecuentar estes animais. Ademais, o plan inclúe posibles actuacións sobre o territorio, como rozas, para facer que estas áreas resulten hábitats menos favorables para o asentamento do xabaril.
O obxectivo da iniciativa é reducir de forma efectiva e segura o número de exemplares e avistamentos desta especie silvestre en zonas próximas ás cidades ou a núcleos de carácter urbano e periurbano, nas que non está permitida a actividade cinexética e onde a presenza de xabarís adoita xerar unha notable alarma social. Buscan evitar a aparición de posibles enfermidades e reducir os danos ocasionados e os accidentes de tráfico a través dunha xestión que permita harmonizar os métodos de control poboacional da especie cos criterios de conservación.
O plan de acción levarase a cabo en colaboración cos concellos e articularase a través da sinatura dun convenio marco ao que se poderán ir adherindo de forma individual os municipios interesados onde a presenza desta especie na contorna das cidades xera problemas de seguridade cidadá e mesmo de saúde pública.
A Consellería asumirá a instalación das gaiolas e a metade dos gastos ocasionados pola retirada dos exemplares que resulten capturados
A falta de que se concrete o acordo cos Concellos, a Consellería asumirá a instalación das gaiolas e a metade dos gastos ocasionados pola retirada dos exemplares que resulten capturados. Os concellos, pola súa parte, asumirán o resto dos custos e deberán comprometerse a manter limpas de maleza as zonas periurbanas e mobilizar á Policía Local para realizar os controis necesarios.
As primeiras trampas
Ferrol e a súa contorna será a primeira zona onde se poña en práctica esta medida, de carácter pioneiro en áreas urbanizadas, pero que xa se puxo en marcha con bos resultados nalgunhas explotacións agrogandeiras de distintos puntos de Galicia. As gaiolas trampa contarán cun cebo para atraer ata elas aos xabarís que frecuentan a contorna da cidade.
A Xunta e o Concello ultiman os detalles do convenio, no que se fixarán os compromisos económicos e técnicos que asumen ambas partes co obxectivo de establecer un control efectivo das poboacións de xabaril dentro do termo municipal. De feito, como indicanron dende a Xunta, persoal da Consellería mantén contactos con técnicos de Ferrol para definir e poñer a disposición aquelas zonas e terreos que se consideran máis axeitados para colocar estes dispositivos, unha medida que, de calquera xeito, terá que vir reforzada desde o Concello con accións encamiñadas a reducir as condicións de refuxio que ofrecen determinadas zonas urbanas e periurbanas para o xabaril.
A principal actuación consistirá en rozar a matogueira nos terreos rústicos —de uso agrícola o forestal—, e no seu caso urbanos, coa limpeza das fincas e dos espazos de encame que converten á contorna ferrolá nunha das áreas urbanas de Galicia cunha maior presenza destes animais.