Ullama, como o cooperativismo profesionalizou o cultivo tradicional de mazá

A produción de mazás para sidra na Estrada pasou de ser unha tradición a un fenómeno cada vez máis abundante. A cooperativa Ullama é un dos referentes, non só no municipio, senón a nivel galego, coa totalidade da súa produción ecolóxica absorbida para sidra

Publicidade
Ullama, como o cooperativismo profesionalizou o cultivo tradicional de mazá

Preparación do envío de mazás ecolóxicas da Estrada á planta de Maeloc, en Chantada.

No ano 1999 fixéronse as primeiras plantacións a escala comercial de mazás para sidra na Estrada. A partir de entón, este cultivo comezou a coller cada vez máis protagonismo ata pasar a ser unha das actividades máis representativas do municipio pontevedrés. Debido á crecente produción de mazá, no ano 2002 constituíuse a cooperativa Ullama, a cal, no 2007, pasou case na totalidade á vertente ecolóxica ao establecer un vínculo comercial con Maeloc (Estrella Galicia). Hoxe en día, a produción da cooperativa achégase ao millón de kg, principalmente de variedades asturianas, mentres que a cantidade producida en todo o municipio se aproxima ao millón e medio.

Para o ano que vén, as expectativas están por debaixo destas cantidades por mor da vecería (ciclo de menor produción nos anos impares), pero nos vindeiros anos esperan un aumento de cantidade producida a medida que as novas plantacións entren en plena produción. “Entre as variedades principais que Ullama colleita están Raxao, Regona, de la Riega, Durona ou Verdialona”, especifica Miguel Soto, técnico da cooperativa. Estas tipoloxías inclúense no catálogo mazás da DOP Sidra de Asturias, cada unha con resgos diferentes en termos de sabor e maduración. De la Riega, por exemplo, é unha mazá semiácida, caracterizada por un bo nivel produtivo, e a súa maduración ten lugar na primeira quincena de novembro.

A sociedade de Ullama visita unha recollida de mazá de Serida Asturias

A sociedade de Ullama visita unha recollida de mazá de Serida Asturias

A dinámica de cultivo de mazá no municipio pontevedrés provén da tradición de producir mazás, tanto de mesa coma de sidra. Co descenso da actividade gandeira que se deu a finais do século pasado, a veciñanza comezou a plantar cada vez máis árbores. Desde a formación de Ullama, apostouse en maior medida por un cultivo para sidra, ata chegar á actualidade, na que a recuperación de variedades autóctonas galegas é un dos novos horizontes de traballo da cooperativa.

A produción De Ullama

“A partir dunha subvención do 1999 a novos proxectos, acordouse entre varios veciños plantar mazá de sidra; e no 2002 constituíuse a cooperativa con 26 socios fundadores, coa finalidade de facilitar a xestión e comercialización da produción”, explica José Manuel Villaverde, secretario de Ullama. No 2009-10 aquelas persoas produtoras de mazá, que nun inicio non entraran na cooperativa, foron sumándose á iniciativa; desde entón a agrupación medrou ano a ano, ata chegar á actualidade con 60 socios.

Nos seus inicios Ullama contou con 26 socios, e hoxe en día escalou ata os 60

Para 2022, Ullama ten encargadas máis de 1700 novas plantas, e fai referencia a que o ano pasado “encargáronlle a un viveiro de Asturias outras tantas, o que é sinal de crecemento”. “Tendo o paraugas da cooperativa, que che garante unha venda e unha recollida, aparece cada ano nova xente interesada”, detalla Miguel Soto.

O rendemento por cultivo de maceiras prodúcese a medio-longo prazo, “ata os 4-5 anos non comeza a producir, e ata os 8 ou 10 non empeza a dar beneficios”, afirma Villaverde. Igualmente, o secretario fai fincapé en que unha plantación de mazás permite outras vantaxes, como “ter as fincas limpas e coidadas, posto que non se permite o uso de herbicidas ou de determinados abonos, só aqueles que autoriza a certificación ecolóxica”.

“Para conseguir a certificación é necesario estar tres anos en período transitorio, e despois tes inspeccións que velan polo desbroce das fincas en lugar do uso de herbicidas, etc.”, detalla Soto. Unha das posibilidades que outorga esta forma de traballar é unha froita de maior calidade, máis interesante para a industria, e así mesmo, un dos requisitos do seu principal comprador.

O cultivo de mazá para sidra en ecolóxico outorga máis facilidades para a súa venta

O cultivo ecolóxico tamén repercute no prezo, “posta en fábrica anda nuns 30 céntimos o kilo, pero hai que ter en conta que hai que organizar a recollida, e despois enviala en camións, con envíos de entre 20 a 25.toneladas á fábrica”, avanza Soto. Debido á redución de gastos de transporte que implica o envío colectivo, pequenas producións locais viron unha boa oportunidade de unión á cooperativa, posto que, senón, “levar 4 ou 5.000kg de mazás a Chantada, por exemplo, non é moi rentable”, comenta o técnico.

 

Dificultades e novos retos

 
Ullama procede á recollida do froito cun modelo mixto. “Agora, na toma de forza dos tractores conectase un vibrador que desempeña a mesma función que a sacudida tradicional, cuestión que reduce, en certo modo, a man de obra necesaria”, explica Soto. O técnico da cooperativa destaca que “a outra parte que lles falta é a mecanización completa da recollida”, aínda que “xurdiu unha iniciativa local dunha veciña que comprou unha máquina para recoller mazás da árbore, de forma que 3 persoas poden chegar a colectar 1 ha diaria, cando o habitual para a mesma extensión serían 6 persoas e 3 días”.

A man de obra da recollida da mazá segue sendo o gasto máis alto en todo o ciclo de produción, non só polo amplo número de persoas que se necesitan para cada colleita, senón tamén pola súa dispoñibilidade. “En moitos casos compartimos man de obra para a recollida co sector vitícola, polo que, algúns anos vémonos obrigados a esperar a que rematen na viña para poder recoller de seguido as nosas mazás”, amplía Miguel Soto.

Outra das dificultades é a novidade que representa o cultivo profesional de mazá. Aínda que está mudando a concepción, “a fruticultura está case de complemento do da casa; estamos traballando con algo que, en certa escala, apenas existía en Galicia ata fai uns cantos anos”, comenta Miguel Soto.

Pero o verdadeiro “talón de Aquiles” que o técnico destaca é “o traballo con planta de fóra, no noso caso, principalmente de Asturias”.  E é que aínda que existen variedades autóctonas, moitas delas perdéronse.

Socios e socias da cooperativa observando plantacións e métodos de traballo no Museo Astigarraga

Socios e socias da cooperativa observando plantacións e métodos de traballo no Museo Astigarraga

“O noso talón de Aquiles é que estamos traballando principalmente con planta de fóra de Galicia” (Miguel Soto)

Baixo a intención de recuperar o uso de variedades autóctonas, Miguel Soto fai alusión a un “campo de ensaio que están traballando con Estrella Galicia, con 10 variedades autóctonas, do que estamos a piques de publicar os resultados do estudo”. “Isto é para industria, para facer sidra, mostos e vinagre, polo tanto, se lles interesa pode haber unha alternativa con variedades galegas; nos próximos meses a ver que di Estrella, por que tipoloxías se interesa, e a partir de aí facer unha previsión a anos, e entrar en contacto con viveiros, coa Xunta, etc.”, detalla o técnico de Ullama.

Trasfondo da colleita na Estrada

José Manuel Villaverde lembra traballar desde pequeno na súa casa con mazá, pero non sempre foi unha tradición impulsada pola xente local. O secretario de Ullama afirma que “houbo un momento no que a concentración parcelaria, e a expansión da gandería, apartou a colleita de mazás de sidra cara un segundo plano, inexistente a gran escala”.

Vistos os coidados das fincas e as vantaxes a medio-longo prazo para o terreo, e as facilidades de absorción da produción desde a constitución da cooperativa, cada vez máis veciñanza da Estrada se sumou a produción frutícola; pero na Estrada, non só se produce, tamén se transforma. A día de hoxe, Miguel Soto e José Manuel Villaverde fan referencia a catro sidrerías en activo: Peroja, Bioestore, Lagar de Ribera e Bioibérica. Tamén destacan que existen particulares dentro da cooperativa que están retomando, a pequena escala, a produción de sidra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información