Ulega negocia coas industrias cambiar o modelo de indexación para fixar o prezo do leite

A organización de produtores lácteos critica que as cláusulas establecidas polo Observatorio do Sector Lácteo “non permiten uns baremos obxectivos, ao ter un peso excesivo o valor do leite da seria histórica, no que inflúen as propias industrias”

Ulega negocia coas industrias cambiar o modelo de indexación para fixar o prezo do leite

A organización de produtores lácteos ULEGA, impulsada por Unións Agrarias, está negociando nas últimas semanas coas principais industrias de Galicia (Lactalis, Celta e Larsa) un cambio nos índices que se toman como referencia para fixar o prezo do leite aos gandeiros.

Segundo ULEGA, o modelo imperante nos últimos tempos en Galicia para fixar o prezo do leite nos contratos entre industria e gandeiros é o deseñado desde o Observatorio do Sector Lácteo, dependente da Consellería do Medio Rural.
“Este modelo ofrece uns resultados pouco obxectivos e inxustos na taxación do leite, xa que ten un peso excesivo a serie histórica de prezos pagados polas grandes industrias nos últimos meses”, denuncian dende Ulega.

Deste xeito, as empresas recolledoras son xuíz e parte, xa que sempre poden levar a que os movementos nos prezos do Observatorio Lácteo sexan nulos ou negativos en función da súa conveniencia.

“Na actualidade as industrias referéncianse a elas mesmas para fixar o prezo do leite en Galicia”

Neste sentido, a negociación que está realizando Ulega con Lactalis, Celta e Larsa busca que estas se sumen a un sistema de indexación de prezos máis obxectivo. Ademais, ao recoller estas tres industrias máis do 50% do leite en Galicia marcarían os prezos do Observatorio Lácteo, sendo a referencia tamén para os pequenos compradores e demais industrias.

En concreto, a proposta de indexación alternativa que propón Ulega son os índices A e A1, aprobados pola INLAC, e desenvoltos por investigadores da Universidade de Santiago. Neles, ademais dos prezos da serie histórica, téñense en conta a evolución dos custos de produción (materias primas, gasóleo, fertilizantes…etc) así como a evolución dos prezos nos mercados europeos e internacionais.

Dende Ulega aseguran que “por parte das industrias estamos atopando boa disposición e boa disponibilidade, porque co modelo actual o que fan é referenciarse a elas mesmas para fixarlle o prezo do leite aos gandeiros”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información