A UE espera un maior prezo do leite que palíe a suba dos custos de produción

O informe de perspectivas do sector lácteo da Comisión Europea prevé unha reducción da produción nos últimos meses do 2018 pola seca estival xeralizada, que minguou a colleita de forraxes

A UE espera un maior prezo do leite que palíe a suba dos custos de produción

Phil Hogan, comisario de Agricultura da UE. / Arquivo.

A produción de leite medrou en Europa un 2% no periodo xaneiro-xullo do 2018, pero a Comisión Europea prevé que o ano remate só cun aumento dun 0,8% en relación ó pasado exercicio, pois espéranse baixadas da produción nos últimos meses do ano a consecuencia da menor colleita de forraxes no verán en amplas zonas de Centroeuropa, caso de Alemania, Bélxica ou parte de Francia.

A escasez de forraxe, debida á seca, xa levou en xuño a un aumento do 6% nos sacrificios de gando, en comparación co mesmo mes do ano anterior, sen que houbese unha maior reposición.

A baixada das entregas de leite estase a percibir tamén na industria láctea, que en determinados países, coma Holanda, tivo que recurrir a maiores importacións, se ben o caso de Holanda é especial, pois tivo que reducir produción e cabana gandeira polas limitacións derivadas da contaminación por fosfatos.

Para este outono, a Comisión Europea prevé unha recuperación estacional dos prezos a nivel europeo, aínda que o informe da UE precisa que esa suba non deixará maiores marxes nas ganderías, que se están a ver afectadas pola suba do petróleo (+15% na última parte do verán), dos fertilizantes (+9% desde a primavera) e da alimentación animal.

Exportacións e competidores
Por primeira vez nos últimos cinco anos, as exportacións europeas caíron na primeira parte do ano, pois foron un 2% menores ás do 2017. A Comisión, sen embargo, mantén as boas previsións para o futuro e calcula que no 2019 aumentarán un 4,5%.

A baixada das exportacións atopa unha das causas nas menores compras do mercado chino, que se no 2016 aumentou un 22% as súas compras a nivel mundial e no 2017 fíxoo nun 16%, na primeira parte deste ano só subiu as súas compras un 4%. A nota positiva é que hai compras chinas de produtos con valor engadido que continúan a medrar con dobres díxitos, coma os leites infantís (+30%) ou os queixos (+16%).

En canto á produción de leite no resto do mundo, outras grandes áreas produtoras presentan situacións variables. En Estados Unidos, o sector lácteo ten un problema polo aumento dos aranceis aos seus produtos dalgúnns dos seus mercados principais, como Canadá, México ou China. Esa situación derivará probablemente en menores producións das agardadas. Australia atravesa tamén un ano complicado pola seca e o aumento dos custos de produción, en tanto no lado contrario, Nova Zelanda está rexistrando esta campaña boas cifras de produción.

Queixos, leite en po e manteiga
As industrias europeas están a incrementar este ano un 2% a fabricación de queixos, un produto que ten un bo comportamento tanto no consumo interno (+1%) como nas exportacións. A Comisión observa tamén un escenario similar para o leite en po desnatado, cunha suba da produción dun 2%, favorecida polo maior consumo interno e polas maiores vendas ó exterior.

Esa situación pode aliviar os altos stocks de leite en po que se manteñen en Europa. As perspectivas é que o ano remate con pouco máis de 210.000 toneladas en intervención, polas máis de 350.000 con que comezou o ano.

Distinto é o caso do leite en po enteiro, cuxa produción caerá un 13% no global do ano e seguirá por un camiño parecido en próximos exercicios. As vantaxes que ten para a industria a fabricación doutros produtos, coma queixos, fórmulas infantís ou manteiga, explican esa caída.

A manteiga, pola súba banda, contínúa en bos niveis de prezos e segue a apreciarse unha produción por baixo da demanda. Este ano a produción europea de manteiga só creceu un 1%, unha situación que se debe en parte a que as entregas de graxa están sendo inferiores ás do pasado exercicio, segundo o informe da Comisión.

Outro produto que está a medrar en produción é o yoghurt (+ 0,6%), favorecido por un aumento das exportacións do 21%. O peor comportamento rexístrao o leite líquido, cunha caída do 1,2% en produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información