O sector porcino galego atravesa por momentos críticos polas subas das materias primas e a enerxía. Dende a Federación Galega de Porcino (Fegapor) e empresas do sector advirten da necesidade de trasladar o incremento dos custos de produción ó consumidor, xa que os produtores están a vender a perdas.
“No porcino o 70% dos custos de produción son do penso, e coa suba que experimentaron os cereais, as enerxías e o transporte, estes gastos disparáronse”, indica Salomé Fondevila, responsable de produción de Nudesa, empresa asentada en Silleda (Pontevedra), especializada na fabricación de penso e con granxas de cebo e cría de porcos.
Desde Coren, unha das principais empresas do sector, mesmo aventuran como posible o peche de granxas a raíz da escalada de custos e da guerra de Ucraína. O conflicto bélico cortou por completo o suministro ucraniano de millo, esencial na fabricación de pensos en España, polo que se non se adoptan medidas inmediatas para captar cereais noutros mercados, o escenario é complicado. Desde Cooperativas Agroalimentarias de España e desde os fabricantes de pensos pronostican sacrificios de gando en abril se non hai solucións inmediatas.
Prezos da carne
Entre tanto, os prezos da carne tampouco axudan ás granxas a capear a tormenta. Esta semana na Lonxa Mercolleida, que marca o prezo de referencia para a comercialización do porcino en España, producíase un incremento de 6 céntimos no prezo da carne e de 6 euros no prezo do leitón, unha suba que queda lonxe da experimentada nestes mesmos días en Alemaña, cun incremento de 17 euros para os leitóns e de 30 céntimos para a carne.
“Pese a esta suba, seguimos vendendo por debaixo dos custos de produción. En Mercolleida non están permitidas subas por encima dos 6 céntimos para a carne e de 6 euros no leitón, o que está a atrasar moito o traslado da suba correspondente ós produtores. Seguimos 10 euros por debaixo do que se está a pagar en Europa”, explica José Antonio Vidal, presidente de Fegapor.
“As granxas independentes non aguantarán se non se comezan a cubrir custos de produción” (José Antonio Vidal, Fegapor)
As constantes subas que están a experimentar tanto os pensos, co anuncio dun novo encarecemento en marzo, como as enerxías e os combustibles contrastan cos ritmos para trasladar as subas pola carne ós produtores. “Os produtores sabemos que durante esta semana teremos este prezo, pero non a canto teremos que pagar mañá a enerxía e os combustibles”, sentenza Vidal.
Dende Fegapor apuntan que moitos produtores están aguantando a base de pólizas bancarias ou aforros, pero que a situación é cada vez máis insostible. “Estamos xogando en dúas ligas, por unha banda os grandes produtores, que contan con granxas, fabricación de penso e a industria para a comercialización da carne e por outra os gandeiros, estes últimos van ser os que non aguanten se non se comeza a cubrir custes de produción”, insiste Vidal.
En vista da situación, as grandes integradoras españolas barallan reducir o número de cabezas
Poren, dende o sector sinalan tamén que algunhas das grandes integradoras españolas, con máis de 100.000 porcas, están comezando a barallar reducir en parte o número de cabezas. En Galicia, empresas do sector apuntan que polo momento descartan este tipo de medidas, así como o peche de granxas, sempre que se poida deixar de producir a perdas. “Os matadoiros seguen demandando carne, polo que non se contempla o peche, pero o prezo da carne nos supermercados terá que ser máis alto”, apunta Fondevila.
O sector afronta esta crise logo de arrastrar un ano de prezos á baixa. “O ano pasado foi un ano atípico, debido en parte á perda de exportacións a China, o que se aproveitou para non subir os prezos. Así, dende febreiro de 2021 os prezos do porco caeron en picado, estivemos vendendo o leitón a 20 euros”, recorda Vidal.
“Esta nova crise pillounos saíndo dun ano moi malo, pero non todo é culpa do momento que atravesamos. Durante anos ninguén se preocupou por contar con sectores produtivos fortes, só en poñer trabas burocráticas e incrementar os custos de produción e agora estamos vivindo unha situación moi complicada”, apuntan dende Fegapor.