A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Ucoga distínguese por estar preto do gandeiro e por solucionar rápido calquera incidencia”

Alberto Fafián dirixe a oficina da firma aseguradora en Sarria, que cumpre o seu primeiro ano de funcionamento. Falamos con el sobre a situación do seguro agrario e sobre as cuestións a ter en conta nas pólizas

“Ucoga distínguese por estar preto do gandeiro e por solucionar rápido calquera incidencia”

Alberto Fafián, director da oficina de Ucoga en Sarria.

Ucoga, a correduría galega especializada nos seguros agrarios, naceu hai seis anos co obxectivo de convertirse nunha referencia do sector no agro. Desde aquela, experimentou un meteórico crecemento, tanto por medio dos servizos prestados polo seu persoal de campo como a través das cooperativas gandeiras. Hai un ano, abriu ademais oficinas propias en dúas das principais vilas agrarias de Galicia, Santa Comba e Sarria, na idea de ofrecerlle ós produtores puntos de referencia próximos.

Falamos con Alberto Fafián, que dirixe a oficina de Sarria (Rúa Marquesa Casa López 15), para facer balance deste primeiro ano de apertura.

– Cal é a situación do seguro agrario na comarca?
– O sector lácteo é o máis profesionalizado e o que ten máis peso no seguro agrario. No campo conviven dúas realidades, unha a do gandeiro profesional, que sabe perfectamente o que necesita e que se preocupa de ter unha serie de garantías aseguradas. Logo hai outra parte que non ten nin seguros tan básicos como o de responsabilidade civil agraria, que cubre ás explotacións de calquera dano ou perxuízo que poidan xerar no exercicio da súa actividade.

Entón, a nosa laboura, a parte de comercial, é pedagóxica e de asesoramento. Ás veces hai falta de conciencia sobre os riscos e é necesario facerlle ver ó produtor a súa importancia. Máis alá do seguro agrario, cubrimos tódalas necesidades no ámbito asegurador, desde maquinaria, veículos, fogar ou seguros de vida.

– Que nivel de aseguramento do gando teñen as granxas?
– Hoxe en día, toda gandería profesional ten contratada a liña 401 de Agroseguro para o gando, polo menos no que respecta ó paquete básico e ó saneamento extra. Calquera profesional cunha perspectiva a longo prazo, sería impensable que non tivese esa cobertura. Despois, cada un vai collendo coberturas adicionais en función moitas veces do que viviu.

É unha liña moi implantada e que está moi viva, pois tódolos anos ten cambios e é preciso pola nosa parte estar próximo ó gandeiro para explicarlle as novidades que hai que se poidan adaptar as súas condicións particulares. En vacún de carne, é certo que o nivel de aseguramento é menor, xa que en ocasións trátase dunha segunda actividade e préstaselle menos atención á cobertura dos riscos.

– En canto á cobertura de instalacións, que é o que máis se demanda?
– Un dos puntos máis sensibles, onde máis percepción de risco ten a xente, é no relativo ó sistema de muxido. Agora están implantándose moitos robots e trátase dun investimento importante que a xente quere asegurar.

“Temos produtos propios, por medio de acordos con varias compañías, para axustar as pólizas ás necesidades reais de cada gandería”

Desde Ucoga temos produtos propios, por medio de acordos con varias compañías, que nos permiten axustar as pólizas ás necesidades reais de cada gandería, desde pezas da máquina de ordeño ata lonas de peche dunha granxa. En ocasións, no sector sucede que á explotación se lle meten con calzador coberturas que non necesita e outras veces, coberturas necesarias hoxe en día non se teñen en conta, como pode ser a cobertura medioambiental.

– Explícanos en que consiste a cobertura medioambiental.
– Forma parte do seguro de responsabilidade civil agraria. Cubre calquera dano medioambiental a terceiros que se poida ocasionar accidentalmente, dende problemas cunha cisterna de purín ata accidentes como a rotura dunha balsa. Dentro do seguro de responsabilidade civil, tamén é importante a cobertura patronal. A xente ten traballadores e o día de mañá, pódese mancar un traballador e ter consecuencias. É un tema que é sensible para as granxas.

“O seguro do millo ten unha implantación crecente desde que cubre a seca, pero ten que mellorar a franquicia de danos de xabarín”

– De cara a cultivos, que posibilidades hai para millo?
– A demanda do seguro de millo medrou desde hai dous anos, cando se implantou a cobertura da seca. Co cambio climático e as adversidades meteorolóxicas que están aparecendo, é un seguro importante. Tamén incorpora riscos do xabarín, aínda que neste risco cunha franquicia elevada, do 30% da parcela, que tería que reducirse. Estamos traballando para que baixe esa franquicia nos danos do xabarín, pero é complicado.

– Os fenómenos meteorolóxicos extremos están afectando tamén ó viñedo nos últimos anos, pero é un sector tradicionalmente pouco asegurado. Como está a situación na zona da Ribeira Sacra, que vos queda próxima?
– Continúa sendo un sector pouco asegurado, probablemente porque en moitos casos trátase dunha segunda actividade e con parcelas pequenas. Tamén hai que dicir que as indemnizacións non son acordes co prezo da uva, que é algo que dificulta a promoción do aseguramento.

Marina López e Alberto Fafián xestionan a oficina de Sarria.

Marina López e Alberto Fafián xestionan a oficina de Sarria.

– Nos últimos anos, que incidencias con indemnizacións destacarías na comarca?
– Hai un pico de incidencias estivais, ben por secas, ben por tormentas ou pedrazos. O cambio climático e as adversidades meteorolóxicas, ás veces asociadas a sinistralidades eléctricas, son algunhas das cuestións que máis afectan. O sentido da oficina de Sarria é ter unha referencia na comarca ante este tipo de situacións, que a xente poida vir coa documentación e tramitar os partes de xeito áxil. Evidentemente, tamén temos atención telefónica e en internet, pero parécenos importante ter un punto de referencia físico que transmita confianza.

Hoxe en día, no mundo dos seguros, a tendencia é a despersonalizalo todo e nós imos ó revés. Estamos próximos ó gandeiro e cónstanos que eles aprecian esa proximidade.

– Que cuestións cres que son as que máis se valoran do servizo de Ucoga?
– A xente aprecia moito a axilidade, que cando hai un sinistro se resolva o antes posible e non quede un problema aí enquistado. Ese servizo é o que máis se valora e logo está claro que o factor prezo hai que telo en conta. O propio mercado asegurador potencia que a xente revise os seguros ano a ano, pois dun ano a outro unha mesma compañía pode ter importantes subas. Nós estamos para valorar opcións comerciais e aproveitar as oscilacións en beneficio dos nosos clientes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *