A correduría galega UCOGA cumpre os seus primeiros meses na nova oficina central en Santiago de Compostela, situada no polígono de Costa Vella. Con este movemento, busca reforzar a súa estrutura interna, mellorar a atención ao cliente e ampliar a súa consolidación. Desde a súa creación en 2013, ao abeiro do cooperativismo agroalimentario galego, UCOGA chega ao día de hoxe con esa especialización de orixe, complementada cunha carteira cada vez máis ampla de seguros para particulares, empresas e sectores profesionais.
O traslado da sede central forma parte da evolución da compañía. A correduría comezou a súa actividade nunha pequena oficina do polígono compostelán do Tambre e posteriormente operou desde distintos espazos en Santiago. Co aumento de persoal e actividade tomaron “a decisión de buscar unha oficina de maiores dimensións e unificar todo o equipo no mesmo lugar para dar unha imaxe acorde coa dimensión real da empresa”, explica o director xeral, Iván Novo.
A historia de UCOGA está intimamente ligada ao campo galego. A propia empresa lembra que naceu pola inquietude de varias cooperativas agroalimentarias que buscaban un servizo asegurador profesional, próximo e competitivo. Esa conexión co sector primario segue a ser un dos seus principais elementos diferenciais.
A partir desa especialización, a empresa foi ampliando progresivamente o seu radio de acción ata converterse nunha correduría con solucións para múltiples perfís de cliente. “Fomos facendo o noso oco no mercado non só na parte agroalimentaria, que segue a ser o ‘core’ do noso negocio, senón medrando cada vez máis noutro tipo de áreas, como transportes e outras”, sinala Novo.
Unha unidade agro como sinal de identidade
Un dos piares estratéxicos da empresa continúa a ser o ámbito rural. UCOGA mantén unha unidade específica centrada en seguros agrarios, explotacións gandeiras, maquinaria agrícola e coberturas vinculadas a Agroseguro. Á fronte desa división atópase Vanesa Ferreiro, directora da Unidade Agro, que defende o valor de coñecer o terreo e falar a mesma linguaxe ca o cliente.
“Debido ás nosas orixes e á vinculación que temos coas cooperativas, coñecemos moi ben este terreo e o sector gandeiro. O que fixemos foi crear un departamento único de agro para especializarnos máis nos produtos e cubrir todas as necesidades do gandeiro”, explica Ferreiro.
A responsable da área sostén que ese coñecemento directo permite ofrecer un asesoramento moito máis axustado á realidade diaria dunha explotación. “O que nos diferencia é a especialización. Temos xente próxima ao gandeiro para ver que necesidades ten e poder asesoralo ante calquera imprevisto, para minimizar riscos económicos de perdas”, engade a directora da Unidade Agro.
Igualmente, a oferta comercial de UCOGA diversificouse notablemente nos últimos anos. Na súa web corporativa a firma destaca distintas liñas de negocio especializadas: seguros agrarios, coberturas para maquinaria agrícola, seguros para camións, seguros para autocaravanas e seguros persoais. A iso súmanse produtos para fogar, automóbil, saúde, vida, empresas, responsabilidade civil ou comercio, configurando unha carteira cada vez máis transversal.
Unha nova etapa desde Santiago
A nova sede compostelá concentra departamentos clave como contratación, administración, sinistros, márketing ou venda en liña, pero tamén reflicte outra aposta: combinar atención presencial e dixital. UCOGA dispón dunha rede de oficinas en distintos puntos de Galicia e presenza comercial fóra da comunidade, mentres mantén canles telemáticas para orzamentos, xestión de pólizas e atención continuada.
Malia ese proceso de modernización, a empresa asegura non querer renunciar ao trato directo que marcou os seus inicios, e “comezar o ano estreando oficina simboliza perfectamente o momento que vive UCOGA: unha etapa de consolidación, ambición e crecemento, sen perder a súa esencia”, sinalou o director xeral.
Desde Santiago de Compostela, a correduría afronta agora unha nova fase na que quere seguir medrando sen desligarse daquilo que a fixo diferente: proximidade, coñecemento sectorial e capacidade para adaptarse a cada cliente.
Galego










Control OJD