A Federación Rural Galega (FRUGA), en colaboración coa Área de Medio Rural da Deputación de Lugo, organiza un túnel dedicado en exclusiva aos viños tintos da provincia de Lugo, unha iniciativa destinada a achegar ao público a riqueza, diversidade e personalidade dos tintos da provincia.
O evento será o 12 de decembro e desenvolverase na sala de exposicións do Pazo de San Marcos, un espazo que acollerá unha coidada selección de máis dunha ducia de viños procedentes tanto da IXP Terras do Navia como da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A sesión será guiada polo enólogo Roberto Regal e polo sumiller Martiño Santos, que acompañarán ás persoas asistentes nun percorrido polas distintas expresións do viño tinto elaborado na provincia, explicando particularidades de solo, clima, variedades e estilos de elaboración.
Con esta actividade, FRUGA-AGV inicia unha campaña específica centrada en poñer en valor os tintos galegos, destacando tanto a súa calidade como a súa singularidade. A entidade subliña ademais o potencial de futuro deste sector, que, co apoio necesario, pode fortalecer o seu papel no conxunto da viticultura galega e ampliar o seu recoñecemento tanto dentro como fóra do País. Trátase, en definitiva, dunha proposta pensada para reforzar a visibilidade dos nosos viños, apoiar ás adegas do territorio e impulsar un maior coñecemento e aprecio polo traballo que hai detrás de cada botella.

Galego









Control OJD