Túnel do viño da DO Monterrei no salón Xantar, que arranca este mércores

Publicidade
Túnel do viño da DO Monterrei no salón Xantar, que arranca este mércores

Denominación de Orixe Monterrei estará presente na 21 edición de Xantar que arrancou esta mañá e se prolongará ata o domingo día 9 en Exporense. A participación nesta feira gastronómica, a única de Turismo Gastronómico recollida no calendario oficial da Secretaría de Estado de Comercio, busca dar a coñecer os viños brancos e tintos que se elaboran dentro da denominación de orixe de Monterrei.

Deste xeito, unha das formas de promocionar os viños da DO de Monterrei será coa iniciativa do Túnel do Viño no que participarán unha decena de adegas con distintos viños. En concreto estarán presentes nesta proposta as seguintes adegas e marcas da DO: Terras do Cigarrón S.L. (Mara Martín e Terras do Cigarrón), Trasdovento S.L. (Trasdovento Godello-Treixadura), Pazo das Tapias S.L. (Alma de Blanco, Alma de Tinto, Alma de Autor Blanco e Alma de Autor Tinto), Tabú S.L.N.E. (Stibadia Godello e Stibadia Mencía), Pazos del Rey S.L. (Pazo de Monterrey Godello e Pazo de Monterrey Mencía), Ladairo S.L. (Ladairo Godello-Treixadura e Ladairo Mencía-Araúxa), Gargalo S.L. (Gargalo Godello e Gargalo Mencía & Araúxa), Vinos Lara (Terra Tamagani Godello), Triay Adegas de Oímbra S.L. (Triay Godello-Treixadura e Triay Mencía), e Alba Al-Bar S.L. (Galván Godello-Treixadura).

Os viños da DO Monterrei tamén maridarán os pratos elaborados con produtos de calidade de Galicia que se cociñarán nas diferentes demostracións culinarias da feira.

Por outra banda, dentro do XIV Encontro Internacional sobre Gastronomía Saúdable e Sostible que se celebra no salón, terá lugar unha cata de viño de Monterrei. Esta sesión será impartida polo director técnico da DO, Luis Miguel López Núñez. A cata celebrarase o venres 7 de febreiro ás 12.00 horas na Aula de Cata de Xantar.

Ademais da promoción dos viños e adegas, dentro desta feira tamén se amosará a Ruta do Viño Monterrei para dar a coñecer as entidades, actividades e recursos que a integran. Farase esta mesma tarde ás 20.30 horas na presentación “Monterrei: a entrada a Galicia”.

“Xantar constitúe un escaparate prioritario para presentar os nosos viños e territorio que permite amosar que Monterrei non aposta só pola calidade no sector das adegas e viticultores senón tamén no turismo, hostalaría e restauración”, reivindica Lara Da Silva, presidenta do Consello Regulador da DO Monterrei e da Asociación Ruta do Viño Monterrei.

Actividades destacadas en Xantar 2020

Xantar contará cun amplo abano de propostas para os próximos días nos que coñecer a gastronomía de Galicia e doutros lugares do mundo mediante propostas que recoñecidos cociñeiros elaborarán en directo. Contarán con máis de 200 experiencias gastronómicas, catas e conferencias. Haberá propostas elaboradas con produtos dos mares galegos ou da terra como a faba de Lourenzá, a Castaña e os Grelos de Galicia ou o Lacón galego, entre outros moitos.

Tamén se levará a cabo o XVI Encontro Internacional de Cofradías así como concursos e cursos. A continuación recollemos o programa de actos especiais de Xantar para os próximos días:

Xoves 6 de febreiro

10:30 horas. – IV Workshop de Turismo Gastronómico Xantar.
11:00 horas. – XVI Encontro Internacional de Cofradías Gastronómicas e Enófilas. Presentación de Capítulos.
11:00 horas. – Concursos: “Cociñeiro do Ano” e “Camareiro do Ano”.
13:30 horas .– Presentación del Xeodestino «Terras de Celanova – Serra do Xurés» no restaurante do INORDE.
16:30 horas.- Presentación do 51º Circuíto Internacional de Vila Real | WTCR Taça do Mundo FIA de Carros de Turismo 2020.
19:00 horas. – Entrega de premios dos Concursos: “Cociñeiro do Ano” e “Camareiro do Ano”.

Venres 7 de febreiro

12:00 horas.- Presentación da proba deportiva TRANSCÁVADO BTT-GPS de Esposende.
12:30 horas. – Acto central do Día do Mar. Entrega dos premios do X Concurso de Carteis das Festas Gastronómicas e Turísticas.
18:15 horas.- Promoción da Proba do Rali do Alto Tâmega.
18:30 horas.- Promoción das Probas do Mundial de Rallycross de Montalegre; Promoción das Probas da Rampa Internacional de Boticas; Promoción da «Feira do Folar» de Valpaços; Degustación de produtos rexionais do Alto Tâmega.
18:00 horas.- Primera reunión para a creación do Clube de Cata Galego «Alma Meiga».Ubicación: Sala de Negocios.
21:30 horas. – Noite da Xuventude.

Sábado 8 de febrero

12:30 horas. Entrega dos Premios Xantar 2020.

Domingo 9 de febrero

12:30 horas. – Día do Medio Rural e acto de clausura de Xantar 2020.
Entrega dos Premios do VIII Concurso Gourmet Grupo Cuevas e das placas ás entidades patrocinadoras e colaboradoras de Xantar 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información