Triplícanse as solicitudes para a incorporación ó agro e para plans de mellora

O inicio do novo Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020 dotou de máis fondos a estas liñas de axudas, o que contribúe o seu impulso. A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo desmárcase da queima de camións cisterna

Triplícanse as solicitudes para a incorporación ó agro e para plans de mellora

Reunión do grupo de traballo do plan de fortalecemento do sector lácteo.

A nova reunión do grupo que traballa no plan de fortalecemento do sector lácteo deixou poucas novidades a curto prazo na situación do sector. Desde a perspectiva da Consellería, a situación non é tan mala como fan ver os gandeiros. A titular de Medio Rural, Ángeles Vázquez defende que só hai arredor de 550 explotacións que vendan o leite por baixo dos 20 céntimos e esgrime os datos de solicitudes de axudas para incorporación e para plans de mellora como proba de que o rural galego ten futuro.

Ángeles Vázquez considera que a situación do sector non é tan mala e suliña que só hai 550 granxas vendendo por baixo de 20 céntimos

A conselleira destaca que tanto as solicitudes para incorporación de mozos o agro como as solicitudes para plans de mellora se triplicaron en relación ás últimas convocatorias. Este ano, solicitaron a axuda á incorporación 2.240 mozos fronte ós 710 do 2014; en tanto que as peticións de plans de mellora pasaron das 219 do ano pasado ás 757 deste exercicio.

Para Medio Rural, esta é unha proba de que a xente está interesada por traballar e vivir no agro. O inicio do novo Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020, que dotou de máis fondos a estas liñas de axudas, tamén ten algo que ver no aumento de peticións.

En canto á situación do mercado lácteo, Ángeles Vázquez sinalou que os gandeiros que venden por baixo de 20 céntimos, a prezos de leite en po, rondan os 550 e producen só o 1,15% do leite comercializado na comunidade. A conselleira tamén destacou que a día de hoxe se está recollendo todo o leite no campo.

Plataforma
Algunhas das organizacións agrarias participantes na xuntanza, caso de Unións Agrarias ou do Sindicato Labrego, ven as cousas de xeito distinto. Óscar Pose, de Unións Agrarias, calificou de “estéril” a reunión do grupo de traballo do plan de fortalecemento.

Desde a óptica das organizacións agrarias, o encontro, no que participou unha representación da Federación Nacional de Industrias Lácteas e das asociacións da distribución, non permitiu avanzar nas cuestións clave para os gandeiros, como os baixos prezos xeralizados do leite e a situación pola que pasan máis de medio milleiro de explotacións que están entregando o leite a prezos de ruina.

Queima de camións
En relación á queima de tres camións cisterna en Logística Alimentaria, a conselleira destacou que se trataba dunha acción que carecía de sentido e advertiu de que con ese tipo de actos non se vai conseguir nada.

Por parte da Plataforma, tampouco comparten a queima dos camións e sinalan nun comunicado que non lles parece o xeito de enfrontarse ós problemas do sector. “Desvinculámonos publicamente dos actos de sabotaxe a camións (…) O noso fin segue a ser a defensa dos miles de empregos vinculados directa ou indirectamente ás granxas, entre os que tamén se atopan os do transporte”.

De todos os xeitos, Óscar Pose, representante de Unións na Plataforma, tamén precisou á saída da reunión na Xunta que este tipo de actos son entendibles pola situación “dramática” que atravesan ás granxas, se ben tamén suliñou que non os compartía.

Decreto de cesións
O decreto de cesión de prezos do leite, que permitirá coñecer o prezo ó que lle entrega o leite a industria á distribución, continúa os seus trámites administrativos. Tanto o Ministerio como a Consellería como organizacións do sector, caso de Asaja, anunciaran nos últimos días que o decreto se aprobaría no Consello de Ministros este venres, pero finalmente non foi posible e haberá que agardar para ver se sae adiante co actual Goberno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información