Trinta gandeiros de vacún de carne viaxan a Irlanda para visitar granxas

O desprazamento está organizado polo colectivo Agrigga Carne, que creou en Galicia a primeira organización de produtores do sector

Trinta gandeiros de vacún de carne viaxan a Irlanda para visitar granxas

Delegación de socios de Agrigga Carne que se despraza a Irlanda.

Unha trintena de produtores de vacún de carne de Galicia asociados a Agrigga Carne viaxan esta semana a Irlanda para coñecer experiencias de éxito nas granxas irlandesas. Durante tres días, a delegación galega coñecerá o funcionamento de explotacions de nodrizas e de cebadeiros nos condados de Offaly, Longford, Louth e Monaghan.

Desde Agrigga Carne, a primeira organización de produtores do sector en Galicia, creada en maio do pasado ano, sinalan que o sector vacún de Irlanda ten unha gran tradición na gandería extensiva e en traballar con selos de calidade diferenciada. A viaxe ten o obxectivo de coñecer a xestión, manexo e estrutura comercial actual da gandería irlandesa, que opera principalmente con razas como Angus ou Hereford.

Agrigga está tamén interesada en coñecer o funcionamento das organizacións de produtores de vacún de carne en Irlanda, polo que manterá reunións con estes colectivos e con outras entidades ligadas ó mercado cárnico.

A viaxe conta coa financiación e apoio da Consellería do Medio Rural, no marco do programa de axudas a intercambios e visitas a explotacións agrícolas, segundo sinala Agrigga en nota de prensa. Tamén colabora o Centro Tecnolóxico da Carne.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información