
Propietarios de panadarías de toda Galicia e técnicos no cultivo de cereais participaron esta semana nunha xornada en Narón na que se presentaron os ensaios realizados con castes autóctonas e variedades comerciais de trigo, nun proxecto no que colaboraron a empresa Sementares, O Muíño de Cuíña e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), e na que o agricultor José Antonio Muíño cedeu as parcelas.
As castes de trigo obxecto de ensaio eran todas panificables, segundo explicou o enxeñeiro agrónomo de Sementares, Fernando Almeida. “Quixemos destacar a importancia do trigo autóctono de Galicia, a variedade Caaveiro, e dúas liñas melloradas, a HM 151 e a HM 153. O que se pretendía co Caaveiro era reducir a talla do cereal para evitar o encamado e, ao mesmo tempo, aumentar o rendemento.” Co traballo de mellora xenética clásica, logrouse reducir o tamaño do trigo autóctono nunha media de 35 centímetros.
E é que o encamado -que pode vir provocado pola acción do vento, por un crecemento excesivo ou por problemas na base das plantas- implica unha perda de calidade e de cantidade na colleita e un traballo moi dificultoso para poder recollelo unha vez que está tombado.
O que se fixo co trigo Caaveiro foi unha mellora xenética clásica, un proceso de cruces e retrocruces para melloralo mantendo a pureza xenética.
Pola súa parte, Luis Urquijo, doutor enxeñeiro agrónomo do CIAM sinalou que se conseguiu manter un 98,5% de xenética do trigo autóctono mediante técnicas clásicas de mellora xenética. Dese modo, o acurtamento da talla non afectou ao cereal e comprobouse que se manteñen as características de calidade panadeira e se melloran os índices produtivos, achegando a estas liñas unha resistencia máis que considerable ao encamado.
O proceso acometido consistiu en cruces e retrocruces. É dicir, se hibridou sucesivamente o Caaveiro ata chegar a un 50% de pureza e un 50% de hibridación. Nese momento, alcanzouse a talla desexada para evitar o encamado. Despois foron desfacendo os cruces ata recuperar ese porcentaxe case total de pureza e sen que a talla volvera a aumentar.

O principal logro do ensaio foi o de reducir a talla do trigo Caaveiro sen afectar o seu rendemento
E o que se fixo nas fincas de Narón foi comparar o rendemento no mesmo terreo de diferentes castes de trigo panificable. Algunhas delas eran liñas comerciais novas. O resultado foi que o trigo autóctono cruzado e retrocruzado está cada vez máis cerca de ofrecer os mesmos rendementos e características das variedades foráneas comerciais de máis éxito, mantendo ademais as súas vantaxes diferenciais.
Almeida sinalou que “estas novas variedades autóctonas melloradas están en proceso de rexistro. Resultan moi competitivas en canto a rendemento en quilos, sen perder as calidades, que as fan moi útiles para o sector panadeiro: extensibilidade, aroma e sabor.” Unha vez rexistradas e validadas oficialmente as novas sementes, poderán ser comercializadas nun prazo máximo de dúas campañas, é dicir, na de 2027.
Un dos obxectivos era comparar o rendemento -nos mesmos terreos e condicións- das castes autóctonas coas comerciais.
O enxeñeiro de Sementares indicou tamén que as castes ensaiadas “destacan pola súa rusticidade, adaptabilidade ao medio, tolerancia á asfixia radicular, á acidez do solo e á sequía. E, ao mesmo tempo, mantendo unha altura que lles permite competir coas malas herbas.”
Os especialistas sinalaron que as producións de trigo do tipo gran forza en Galicia saen moi beneficiadas pola fertilidade dos solos. Unha fertilidade que permite a estas variedades expresar todo o seu potencial. As castes melloradas achegan capacidade de retención de gas na fermentación, alveolado e unha importante absorción de auga no amasado, características clave nas diferentes receitas á hora de elaborar pan en Galicia.

O ensaio desenvolveuse exclusivamente con variedades panificables
Un dato a ter en conta é que a proporción maioritaria na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) do pan galego combina un 25% de variedades autóctonas cun 75% de castes comerciais, como as que se proban neste ensaio. Para reducir esa correlación, tamén se proxectan estudos con outras castes autóctonas galegas: Arzúa, Riotorto, Miño ou Callobre.
Un dos participantes na xornada foi Javier Castro, da panadaría Seivane en Bretoña (A Pastoriza). Resaltou que “as castes autóctonas sempre aportaron un plus de calidade ao pan, especialmente as variedades Callobre e Caaveiro, polo seu alto contido en proteína e a súa extensibilidade.
As sementes resultantes do proxecto estarán dispoñibles no mercado nun máximo de dúas campañas.
Desde a xerencia do Muíño de Cuíña (Lalín) -unha das entidades organizadoras da xornada- afirman que estas melloras “permiten aos agricultores obter cultivos máis rendibles e que hai unha crecente demanda de fariña galega, o que podería levar a un aumento da superficie de cultivo.” Destacan, ademais, a importancia de efectuar a moenda en pedra para conseguir fariñas máis saudables, ricas en nutrientes e sen aditivos.
O propietario das parcelas onde se desenvolveu o proxecto e agricultor profesional, José Antonio Muíño, asegura que as variedades tradicionais melloradas teñen moi boa adaptación ao terreo. E que non precisan de tantos tratamentos, ao tempo que permiten manter viva unha agricultura arraigada ao medio.
Finalmente, Beatriz Vázquez, delegada da casa de sementes RAGT, destacou a presenza no ensaio de variedades como RAGT Quiriko, de gran forza, con elevado peso específico e bo índice proteico. Unha casta de moita importancia porque achega forza panadeira ao pan galego.
Os resultados científicos dos ensaios veñen desenvolvidos na seguinte táboa:

Galego









Control OJD