Tres novos cursos sobre poda e plantacións de castiñeiros

O obxectivo destes cursos é planificar as plantacións en función das zonas e do destino final do produto, complementar a formación en materia de tratamentos para as árbores, as tendencias de mercado, as podas e os enxertos

Tres novos cursos sobre poda e plantacións de castiñeiros

Souto de castiñeiros para froito

A Consellería de Medio Rural vén de anunciar a estrea de tres novos cursos arredor da poda e manexo das plantacións de castiñeiro. Dous deles, desenvolvidos pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), terán lugar nos concellos pontevedreses de Cuntis e Covelo e se centrarán no control dos castiñeiros para froito. O outro, organizado polo Distrito Forestal IX Lugo-Sarria, impartirase no Polígono Industrial de As Gándaras, en Lugo, e versará sobre a poda de exemplares xuvenís de castiñeiro.

Cursos sobre plantacións de castiñeiros de froito en Cuntis e O Covelo

A Agacal desenvolverá os vindeiros días 27 e 30 de setembro dous cursos sobre a planificación e o deseño das plantacións de castiñeiro de froito nos concellos de Cuntis e O Covelo, respectivamente. Os cursos terán lugar no centro ocupacional A Ran, no caso de Cuntis, en horario de 16:00 a 20:00 horas; e no auditorio municipal do Covelo, en horario de 18:30 a 22:30.

As formacións teñen como obxectivo planificar as plantacións de castiñeiros en función das zonas e do destino final do produto, ademais de complementar a formación dos produtores de castaña sobre as novidades de investigación, os tratamentos das árbores, as tendencias técnicas e de mercado, as variedades e portaenxertos.

Os cursos están dirixidos en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Os interesados en participar nestes cursos deberán descargar as solicitudes de asistencia correspondentes que atoparán en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021. As solicitudes de asistencia deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal con indicación do curso de preferencia e pode solicitarse calquera información adicional chamando ao teléfono 881 997 279.

Curso de introdución á poda de exemplares xuvenís de castiñeiro

O Distrito Forestal IX Lugo-Sarria organiza unha acción formativa que será impartida no Polígono Industrial de As Gándaras, en Lugo, e versará sobre a poda de exemplares xuvenís de castiñeiro. O curso terá unha duración de catro horas e impartirase o 16 de outubro ás 16.00 horas. 

O obxectivo do curso é dotar dos coñecementos técnicos e prácticos para realizar unha poda adecuada de exemplares xuvenís de castiñeiro. Ao longo do programa, trataranse temas como a poda de formación de exemplares xuvenís; as épocas ideais de poda; as ferramentas; a poda de formación para aproveitamento de madeira e mixto; a poda de saneamento; ou a poda de rexuvenecemento.

Para inscribirse, os interesados terán que cumprimentar o (Formulario solicitude de asistentes Taller poda castiñeiros) e envialo a algún destes correos electrónicos: xbruna@xunta.gal ou pabloantonio.fraga@gmail.com. Neses mesmos emails ou nos teléfonos 654-142938/ 982-828622, os organizadores responderán dúbidas aos alumnos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información