A Fundación Roberto Rivas celebrou este martes en Silleda (Pontevedra) o acto final do seu programa Bicogal, co que buscan impulsar novos usos sostibles do monte e os bosques. O acto serviu tanto para avaliar as propostas finalistas e escoller á gañadora, como para coñecer iniciativas innovadoras que están xa en funcionamento e que son exemplo da revalorización de recursos dos montes.
O aproveitamento de biomasa para unha rede de calor coa que dotar de calefacción e auga quente sanitaria a edificios de Silleda foi unha das iniciativas que se deron a coñecer. “É un proxecto innovador en España impulsado polo anterior alcalde, Manuel Cuíña, que xurdiu tras coñecer nunha viaxe como outros países europeos estaban a optar por este sistema”, explicou Manuel Requeijo Rey, concelleiro da área de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Concello de Silleda.
Algúns dos edificios adheridos a esta rede de calor conseguiron un aforro do 60% do custo en enerxía
Na actualidade, están adheridos a esta rede de calor tanto edificios públicos como privados. En concreto, están a beneficiarse deste sistema a residencia de maiores, a escola infantil, un hotel ou o centro polideportivo, entre outros. Nalgúns casos, conseguiuse un importante aforro. “A rede de calor permite aforros de ata o 60% no custo da enerxía, utilizando un recurso totalmente local e sostible”, indica Requeijo.
Emprégase madeira de orixe local de distintas especies sen valor para outros usos
A rede de calor abastécese de astelas procedentes de serradoiros locais. “Utilízase madeira de desperdicios e de sacas no monte que non se estaba empregando para outros usos”, concreta Requeijo. Están a aproveitar ademais madeira de diferentes especies. “Empregamos diferentes madeiras e temos en conta o poder calorífico e se esta está seca ou verde para facer o axuste necesario para ofrecer a temperatura estipulada”, concreta.

Biomasa utilizada para abastecer a caldeira. // Imaxe cedida.
A rede de calor supuxo só na primeira fase un destacado investimento de 800.000 euros para o municipio e contemplouse para que poida ampliarse 10 veces o seu tamaño actual. De feito, neste momento contan con 2 caldeiras, aínda que só precisan ter unha acesa para cubrir a demanda actual e esta aínda se atopa á metade do seu rendemento. Para a súa posta en marcha tamén desenvolveron un sistema propio de carga da biomasa con plataformas para lograr un mellor funcionamento, xa que o sistema de sinfines utilizado noutras instalacións pode producir complicacións.
O elevado custo das canalizacións converteuse nun lastre para que se sumen novos edificios
Este proxecto atopouse cun importante lastre que está a frear a súa expansión: o elevado custo das canalizacións específicas que se precisan para a conexión. De feito, todos os edificios adheridos sitúanse na mesma zona e aínda que se prevé que tamén edificios residenciais póidanse sumar, polo momento aínda se atopan en plena fase de procura de financiamento.
Espérase que edificios residenciais se sumen á rede de calor de Silleda, pero o elevado custo das canalizacións dificulta polo de agora a ampliación
Tamén contemplan que esta rede de calor sexa unha oportunidade para contar cunha piscina climatizada no municipio, debido ao aforro de custos en enerxía que supoñería e que podería facela máis viable. “O estudo inicial apunta a que con este sistema de calefacción poderiamos reducir polo menos nun 50% o custo en enerxía que se precisa para quentar a auga da piscina, o que nun municipio do tamaño de Silleda, é moi interesante para que se poida afrontar”, apunta o concelleiro.
Ademais, esta rede de calor a base de biomasa permite unha compensación de 350 toneladas de carbono no primeiro ano, o que xera ademais un beneficio adicional co cobro do canon sostible.
Outro Concello da comunidade pioneiro na posta en marcha dunha rede municipal foi o de Ponteareas. No 2021 falaramos do proxecto co seu alcalde, xa falecido.
Valorización das landras
A valorización e o aproveitamento das landras realizado pola empresa portuguesa Landratech foi outro dos proxectos que participou na xornada. “Concibimos a valorización do monte como un proceso clave para frear o despoboamento, apoiando aos propietarios para rendibilizar os seus bosques de carballo”, explicou Pedro Babo, biólogo e fundador de Landratech.
Esta startup busca solucións para a valorización da landra, tomando algúns dos usos que xa se deron e que continúan ofrecendo tanto ás landras de carballo como de aciñeira. “Cando comezamos non había unha cadea de valor para as landras e só se estaban empregando sobre todo en Estremadura e algunhas zonas de Portugal para a alimentación do porco ibérico”, indica Babo.
As landras de carballo e aciñeira poden resultar de interese para elaborar fariñas, sucedáneos do café ou para as adegas e a industria téxtil
Un dos usos para os que se poden destinar as landras en alimentación humana é para a elaboración de fariñas, coas que elaborar pan, que ademais é unha fariña sen glute, o que a converte nunha alternativa máis para as persoas celíacas. Tamén se utiliza como sucedáneo do café.
Tal e como apunta Babo, é tamén importante diferenciar entre landras de carballo e aciñeira, xa que mentres que as de aciñeira teñen un sabor doce que propiciou que se consuman directamente tras un proceso simple de tostado, as de carballo teñen unha maior presenza de taninos, que lles proporcionan un sabor astrinxente.
Así, a presenza de taninos que teñen as landras de carballo convértenas nun produto de interese para as adegas, xa que adoitan incorporar taninos aos seus viños para a súa maduración. Ao mesmo tempo, esta presenza de taninos das landras tamén as fan interesantes para o sector téxtil, xa que pode empregarse para o tratamento de coiros.
Unha das dificultades aínda por superar para a valorización das landras é a rendibilidade para os produtores, xa que unha recollida manual das mesmas resulta moi pouco rendible. Aínda que xa están a estudar que se empreguen sistemas de aspiración, como os empregados nos montes portugueses para a castaña e que permitirían recoller entre 100 e 200 quilos a hora, o que permitiría que a súa recollida se sitúe nos 50 euros por hora.

Cristina González Salgado e Erea Viz Callejas impulsoras do proxecto premiado BenEstar.
BenEstar, proxecto gañador de Bicogal
A xornada serviu tamén para escoller a proposta gañadora nesta edición de Bicogal, que recibe unha axuda de 5.000 euros, así como o apoio técnico para materializar a súa idea e contribuír así no desenvolvemento sostible das comarcas centrais de Galicia.
O proxecto escollido foi BenEstar, impulsado pola cooperativa Amarelas, integrada por Cristina González Salgado e Erea Viz Callejas, que propón un programa turístico de benestar na natureza que combina a beleza paisaxística da comarca do Deza con experiencias que promovan o benestar físico e mental. As súas promotoras buscan impulsar experiencias de conexión coa natureza e arraigadas ao territorio e ao patrimonio, como os baños de bosque. Ademais, contarán con socios claves para levar a cabo esta iniciativa, as comunidades de montes, aínda que están pendentes de presentarlles o seu proxecto.
Outros finalistas
Xunto con BenEstar tamén competían outros tres proxectos de usos sostibles para levar a cabo desde o centro de Galicia. Pablo Villaverde López e David Rey Míguez presentaron Souto Life, unha consultoría e asesoría para a xestión integral e sostible das comunidades de montes, as pequenas parcelas e as alvarizas en desuso de Galicia, co obxectivo de maximizar o seu rendemento produtivo con produtos de proximidade e loitar contra o abandono destas terras, revitalizando as zonas rurais.
Claudia de Sas Trujillo presentou unha Xestión Ecosocial de Montes, un servizo de consultoría e xestión integral estratéxica ‘chave en man’, deseñado para impulsar un cambio sistémico nas comunidades de montes, facilitando a súa transición cara a modelos sostibles e multifuncionais no manexo dos seus terreos.
Pola súa banda, Marcos Estévez, Ángel Gil, María Sieiros, Ramón Gómez e Javier Gómez presentaron Amonte, unha empresa de servizos tecnolóxicos ambientais que pon en valor a experiencia, contactos e alianzas de profesionais seniors para colaborar con comunidades de montes, administracións locais, empresas e particulares no cumprimento da lexislación sobre incendios forestais e o regulamento europeo de deforestación mediante a certificación forestal FSC, a comercialización con primas ao prezo de madeira, froitos forestais, auga, carbono e biodiversidade.
Nesta edición, o comité avaliador estaba integrado por Beatriz Suárez (Fundación Juana de Vega), Francisco Álvarez (Agrupación industrial Biomasa Galicia), Fátima Cachafeiro (Avivae), Mercedes Rois (Axencia Galega de Industria Forestal), Eva López (Alumni USC) e Xavier Fontcuberta (Fundación Roberto Rivas).
Economía Circular baseada na natureza
Outra iniciativa de bioeconomía presentada no marco da xornada correu a cargo de Ana López Loureiro, directora do Centro de Innovación en Economía Circular do Concello de Madrid, que achegou a súa experiencia coas solucións de economía circular baseadas na natureza: “Axudamos a empresas de toda España a ir máis aló para circularizar os seus procesos, facéndoo desde a concepción mesma do modelo de negocio”, detalla.
O CIEC, cunha colaboración público-privada, permite que as empresas se acheguen a solucións de economía circular non só para tratar residuos senón para ir un paso máis aló e apostar polo ecodeseño.
A colaboración entre distintas starups permitiu desenvolver solucións para a reciclaxe de materiais como o plástico. En concreto, López Loureiro compartiu un proxecto aínda en fase de desenvolvemento no que se introduciu nun contedor salvado, avea e distintos tipos de insectos, unha combinación que permite romper as ligazóns do plástico e ao mesmo tempo obter quitina, un produto con alto valor no mercado, ademais dun fertilizante.