Tres aplicacións móbiles de Ternera Gallega para gandeiros, comerciais e consumidores

A Indicación Xeográfica Protexida difunde unha serie de vídeos elaborados co restaurador Javier Rodríguez Ponte, 'Taky', para divulgar recetas e consellos de preparación da carne

Tres aplicacións móbiles de Ternera Gallega para gandeiros, comerciais e consumidores

Acto de presentación das iniciativas na Escola Superior de Hostelería.

Ternera Gallega vén de lanzar tres aplicacións móbiles dirixidas a cubrir as necesidades de todas as partes que participan na cadea da carne, do gandeiro ó consumidor. Quérese así, por un lado, facilitar e simplificar as xestións dos produtores co Consello Regulador, e por outro, afondar no plan promocional do selo de calidade.

A aplicación (App) dirixida ós gandeiros permítelles comunicar de xeito sinxelo os avisos de marcaxe de xatos, coa posibilidade de indicar, nun apartado de observacións, cuestións como teléfono de contacto ou horario e días en que lles iría mellor a marcaxe. Os produtores tamén poderán coñecer directamente as características das canais dos animais que comercializan (peso, engraxamento e clasificación).

A aplicación para os produtores permite consultar os datos de peso e clasificación das canais, así como dar avisos para a marcaxe de animais

“Ata agora estes trámites implicaban chamar ó Consello Regulador. A partir de xa, os gandeiros poderán tramitar estas cuestións e acceder á información a través da aplicación”, explicou o presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP), Jesús González, no acto de presentación das App, que se desenvolveu na Escola Superior de Hostelería de Galicia, en Santiago.

Os produtores, que teñen que entrar na aplicación co seu código de explotación agraria e cun contrasinal, poderán comprobar no móbil todos os animais que teñen marcados e facer un seguemento dos mesmos. A App lembraralles cando están aptos para ir ó matadoiro ou cando están a punto de cambiar de categoría, ó superar os 10 meses. “Trátase dunha aplicación práctica e intuitiva que se centra nas cuestións que lle afectan ós gandeiros”, incidiu o director técnico da IXP, Luis Antonio Vázquez.

Comerciais e consumidores
A segunda das aplicacións vai dirixida a carniceiros, centrais de compra e á restauración, co obxectivo de informalos dos datos de contacto das distintas comerciais cárnicas que traballan coa IXP, así como da súa área de distribución (local, autonómica, estatal, etc.). Tamén se ofrece información adicional sobre as características da carne e consellos para o seu despece e presentación.

Por último, a terceira aplicación, dirixida ós consumidores, divulga recetas elaboradas con Ternera Gallega e facilita información sobre os puntos de venda da carne da IXP máis próximos ó consumidor.

Pódese acceder e descargar gratuítamente as tres aplicacións a través de Google Playstore e de IOS.

Escola de Cociña

Outra das accións promocionais de Ternera Gallega consiste na difusión de 12 vídeos nos que o restaurador Javier Rodríguez Ponte, ‘Taky’, membro do Grupo Nove, ofrece consellos, trucos e recetas para a elaboración de platos coa carne do selo de calidade. Os vídeos iranse difundindo de xeito progresivo nas canles dixitais da IXP (Youtube, web, redes sociais).

“Somos unha potencia na produción de carne de calidade e esa boa materia prima hai que optimizala” -valora ‘Taky’.- “En xeral, os nosos coñecementos culinarios non están á altura do produto”.

Os consellos que ofrece o restaurador céntranse na “cociña tradicional de toda a vida” e tratan de ir máis alá das pezas habituais de consumo (entrecot e solomillo). “Non pretendemos facer alta cociña, senón ofrecer unhas recetas que calquera poida elaborar na súa casa cunha tixola, unha cazola ou un forno”, explica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información