As treboadas rexistradas na tarde deste mércores na Limia (Ourense) deixaron importantes danos en plantacións tanto de pataca, como de horta e cereal. En pouco máis dunha hora recolléronse uns 45 litros de auga por metro cadrado, acompañado de pedrazo na zona da Lagoa e de Xunqueira de Ambía que causou danos nas plantas e deixou as parcelas anegadas.
“Hai plantacións de cebolas que se viron especialmente danadas, xa que a planta quedou case como se fose desbrozada”, indican produtores da zona. Nas leiras de patacas, aquelas que foron sementadas máis cedo tamén sufriron importantes defoliacións, mentres nas parcelas onde a pataca leva apenas uns 15 días sementadas o solo está anegado e impracticable, o que impide entrar á leira.
Tamén houbo parcelas de cereais de inverno, coma trigo e centeo, que se viron moi afectadas e onde o cereal quedou tirado.
“Como esta campaña as sementeiras se fixeron de xeito gradual e algunhas moi tarde, os danos tamén foron diferentes en función do estado vexetativo da plantación en concreto”, apunta Servando Álvarez, director técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde.
Consecuencias
Máis alá dos danos iniciais, estas treboadas incrementan o risco doutros danos na planta. “Naquelas plantacións que foron sementadas máis tarde e onde a pataca aínda non conta cun sistema radicular e continúa enganchada á pataca vella, hai risco de asfixia e pé negro polo asolamento da terra”, explica Álvarez. Así, a recomendación pasa por aportar aminoácidos que poidan favorecer o desenvolvemento da planta.
Mentres, nas plantacións de pataca onde as plantas estaban máis adiantadas existe un maior risco de mildio, polo que en canto sexa posible acceder ás parcelas dende o Inorde recomendan realizar tratamentos antimildio.
Risco de máis danos
As primeiras estimacións apuntan a que haxa unhas 2.000 hectáreas de plantacións afectadas, das cales unhas 400 hectáreas son de pataca. Porén, o risco mantense xa que a comarca continúa hoxe en alerta amarela ante a posibilidade de que se volvan producir tormentas ó longo da tarde.