Tratar os castiñeiros con dron, unha opción de futuro?

Produtores de castaña comprobaron nunha xornada de demostración a eficacia da aplicación de bioestimulantes mediante dron. A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos, que organizaba o evento, aspira a que os drones se poidan utilizar tamén para a aplicación de fitosanitarios nas árbores xa que, aseguran, poden ser máis efectivos que os métodos convencionais

DRONES SOUTOS IV

Un souto de Saúl Sánchez, castañicultor do lugar de Renche, en Samos, foi o lugar escollido pola Asociación Galega das Castañas e dos Soutos (AGCS) para realizar a demostración da efectividade do uso de drones na aplicación de tratamentos nas árbores. O produto empregado foi un bioestimulante, un dos poucos que polo de agora permite a lexislación en Galicia, xunto con algúns fertilizantes. O acto foi financiado pola Área de Medio Rural da Deputación Provincial de Lugo.

David Blanco, fundador de Beniu, explicou como se traballa cos drones no sector forestal. Un labor que consta de dous pasos: primeiro a teledeteción e despois a aplicación dos tratamentos. A teledetección -cun dron de pouco tamaño- permite recoller a información sobre o estado sanitario e de vigor do cultivo e os datos topográficos do terreo no que se atopa. Con esa información, decídese que tipo de tratamentos aplicar, en que datas, en que formato e en canta cantidade.

Blanco falou do “círculo da agricultura de precisión”, un procedemento no que os datos recollidos na teledetección son transmitidos ó dron que vai aplicar os tratamentos, para que os deposite o produto exactamente no lugar e cantidade en que son necesarios. “Dese xeito, evitamos utilizar máis cantidades das necesarias e en zonas que non as precisan. Optimizamos os recursos.”. dixo

Por outra banda, o dron tamén permite acceder a zonas con moita lama e facilita os traballos en terreos con excesiva pendente ou con abondosa maleza. “Os castiñeiros son unha das especies máis axeitadas para o traballo con drones. Pola súa morfoloxía, polas necesidades de nutrintes que pode ter e, cando a lei o permita, polas pragas que o afectan.”

Respecto dos formatos cos que se aplican os diferentes tratamentos en diversas zonas de España, poden ser líquidos, pulverizados, sólidos de pequeno tamaño ou mesturados con líquido, diluídos…tendo en conta que nalgunhas zonas onde xa se empregaban avionetas, a lexislación permite esparexer con drones os herbicidas ou pesticidas. Non é polo de agora o caso galego, onde só se poden aplicar bioestimulantes.

O dron utilizado en Samos esparexeu 20 litros de produto pero podería cargar ata case 40. A súa autonomía de voo está entre 8 e 10 minutos. O fundador de Beniu informou ademais do sistema UGV Agrícola, unha gama de vehículos terrestres teledirixidos que acceden ás zonas onde se aplican os tratamentos para recopilar información e completar os traballos que non se poidan facer dende o aire.

David Blanco e Manuel Pastor cargan o dron cos bioestimulantes

David Blanco e Manuel Pastor cargan o dron cos bioestimulantes

Alejo Soler, de Agrobío -unha empresa especializada en control de cultivos con sede en Almería- explicou que na pandemia comezaron a traballar cos macro e microorganismos causantes de pragas. No primeiro grupo estarían as chinches, ácaros ou parasitoides e no segundo as bacterias, nematodos e algúns fungos.

O que fan coñécese como “control biolóxico” e consiste en empregar uns organismos para frear outros que están a causar problemas. Un exemplo disto foi no seu día o uso do parásito ‘torymus sinensis’ para combater a praga da avispilla que chegou a afectar a boa parte dos castiñeiros galegos e que aínda non puido ser erradicada.

“Nos laboratorios analizamos que organismos son os máis útiles para cada situación de problemas sanitarios en cada territorio e desenvolvemos a súa cría ou cultivo. Posteriormente, o equipo técnico asesora a cada produtor sobre como deben aplicar os tratamentos. E, con esas experiencias, realizamos un labor divulgativo para que os produtores saiban que ferramentas biolóxicas están dispoñibles e como poden empregalas.”, dixo Soler.

Manuel Pastor, tamén técnico de Agrobío, explicou que os seus produtos e o manexo que se fai dos mesmos vai sempre orientado á utilización de elementos naturais que sexan o máis inofensivos posible para a biodiversidade. Porque, sinalou, a propia biodiversidade xa é un mecanismo de defensa e enriquecemento dos cultivos. Actualmente traballan con 40 especies de insectos para combater diferentes pragas.

Aplicacion de bioestimulantes
Xa centrados na actividade en Samos, dende Agrobío sinalaron que “o que facemos é volver ao de antes. Hoxe detéctase un enorme uso de produtos químicos que están convertendo os cultivos en fábricas. Coa aplicación dos bioestimulantes volvemos facer un aporte de materia orgánica como a que supoñía, por exemplo, o esterco. A diferencia é que agora podemos envasar e transportar eses organismos.”

“Coa aplicación de bioestimulantes, volvemos facer un aporte de materia orgánica como o que supuña o esterco”

O produto empregado en Samos foi un inóculo microbiano con rizobacterias do xénero bacillus  promotoras do crecemento vexetal (PGPR) e fungos micorrícicos que potencian a microbiota dos solos durante as primeiras fases de cultivo. Segundo explica Agrobío, os microorganismos presentes estimulan rapidamente os procesos metabólicos da rizosfera, mellorando a fertilidade do chan.

A AGCS reclama permitir o uso do dron para a aplicación de fitosanitarios

A AGCS reclama permitir o uso do dron para a aplicación de fitosanitarios

José Luis Liñares, presidente da AGCS, destacou que o traballo con drones sería de moita utilidade para mellorar o estado sanitario dos soutos e, sobre todo, para garantir que se manteña a actividade nun sector que esmorece pola falta de man de obra, pola dispersión dos castiñeiros e pola escasa mecanización que hai a día de hoxe.

De feito, nas vindeiras semanas van manter xuntanzas coa administración para solicitar que se establezan protocolos que permitan a aplicación de fitosanitarios mediante drones, algo que ata o de agora está prohibido pola lexislación autonómica galega, aínda que xa se está a levar adiante noutras zonas de España nas que se tiñan feito fumigacións con avionetas. Hoxe en Galicia só se poden aplicar con dron fertilizantes foliares e bioestimulantes.

“Este sistema é moito máis preciso que os que se veñen aplicando actualmente. Ao esparexer o produto dende arriba cara abaixo, a aplicación é moito máis efectiva porque escorre polas follas e pólas. Non se perde tanto produto como cando o damos dende abaixo que, ademais, forma “nubes” de tratamento que acaba levando o vento.”

Liñares destacou o exemplo de Beniu, que ten proxectos en Extremadura e Valencia, onde empregaron os drons para combater pragas e cuns resultados mellores que os que se obteñen con tratamentos dende a terra. No caso de Valencia foi contra a ‘ceratitis capitata’ ou mosca da froita, que afectaba as laranxeiras e en Extremadura contra a ‘nezara viridula’ ou pudenta, que dana os cultivos de arroz.

Na xornada tamén tivo unha intervención o funcionario de Extensión Agraria de Sarria, José Flores, que fixo un repaso pola historia recente do cultivo da castaña na comarca sarriá. A mediados dos anos 80 do pasado século, chegou a haber proxectos que implicaban a 2.000 agricultores para a mellora de 500 hectáreas de castaña.

Flores sinalou que na zona houbo tamén importantes cultivos de lúpulo e de tabaco e colleitas de millo de alta calidade. E tanto os castiñeiros como esoutros cultivos tiñan o denominador común de empregar bioestimulantes, sendo o principal deles de procedencia do esterco. Por eso, quixo destacar o avance que pode supoñer recuperar técnicas antigas aplicadas na tecnoloxía máis moderna como son os drones.

Reunión coa Xunta
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha reunión cos representantes da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos, encabezados polo seu presidente, José Antonio Liñares.

A xuntanza tivo como obxectivo avaliar e coñecer de preto as necesidades do sector da castaña en cuestións relacionadas coa promoción, as axudas, a formación, o fomento do consumo deste froito e a recuperación e posta en valor dos soutos tradicionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información