Tratamento e prevención da Trioza dos cítricos

Artigo de Antón Vázquez Caamaño, do servizo de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural, delegación de Pontevedra, sobre a Trioza erytreae ou psílido africano dos cítricos, unha praga foránea que está a afectar a limoeiros e laranxeiras

Publicidade
Tratamento e prevención da Trioza dos cítricos

Folla de limoeiro afectada pola Trioza

A Trioza erytreae (psílido africano dos cítricos) é un psílido de orixe africano. Introduciuse en Tenerife en 1999 e tamén en Madeira. No continente europeo detectouse por primeira vez en Pontevedra en 2014, sendo atopado simultaneamente en Portugal. Descoñecese a vía de entrada, se ben puidera ser a través do tráfico portuario, pois os nosos focos empezaron no entorno de Vilagarcía, e os de Portugal no de Oporto.

Os adultos son insectos de apenas de 2 mm, de cor verdosa primeiro e escurecendo co tempo, sendo fácil confundilos con formas aladas de pulgón. As formas ninfais vense nas follas vizosas, son fáciles de identificar debido ó flequillo ceroso e á vistosa cor laranxa que destaca sobre a vexetación. As femias poñen os ovos (ata 600) nos brotes en crecemento, fixándose no envés e producindo coas picaduras unha concavidade nas follas que aumentan de tamaño co crecemento da folla. Os gromos afectados quedan con unhas verrugas características e en casos de ataque forte poden producirse defoliacións.

Pode colonizar a maioría dos cítricos, pero tamén outras especies da familia das Rutáceas como a Ruda, Murraya, etc. En Pontevedra tamén a atopamos sobre Choysia ternata.O psílido non causa dano directo significativo na produción, podendo prexudicar máis ás árbores en crecemento.

Pero o principal problema deste insecto é que pode transmitir unha das máis graves enfermidades dos cítricos causada por unha bacteria denominada Candidatus liberibacter, coñecida como HuangLongBing (HLB), que causa unha elevada taxa de mortaldade nos cítricos das zonas afectadas. Esta bacteria coloniza o sistema vascular da árbore, provocando amarilleos irregulares nas follas, que dexenera en cloroses e seca de ramos, que remata coa seca total da planta.

Hai varias razas de Candidatus liberibacter, sendo a africanus a transmitida por Trioza erytreae nas zonas de África onde hai ambolosdous organismos nocivos; en Asia hai a raza asiaticus e en América a raza americanus pero o vector en ambos casos é outro psílido chamado Diaphorina citri que aquí non temos. De momento non se detectou HLB en ningún punto de Europa, pero a presenza do vector causa grande preocupación no sector citrícola español, debido ó tremendo impacto que a entrada da bacteria podería causarlle, visto o que está a suceder nos países onde está presente.

Normativa:

A Trioza é un organismo de corentena contemplado no Anexo II da Directiva 2000/29/UE, e á súa vez, o HLB figura no Anexo I.

A aparición do foco en Galicia fixo necesario publicar a Resolución de 10/2/2015 da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, na que se declara a praga, seguida da Resolución de 1/7/2015 de medidas de control e erradicación e establecemento de Zonas Demarcadas, modificada máis recentemente pola Resolución de 11/2/2016 que amplía as Zonas Demarcadas.

TRIOZA_LIMOEIRO_03_STANDAR

Como se ve no mapa, o organismo nocivo está estendido por toda a franxa litoral de Pontevedra, e vai subindo pola de A Coruña. A súa dispersión é moi rápida debido a que hai moita poboación de cítricos nestas zonas, ocupando novas zonas xa sea voando por sí sólo ou arrastrado polo vento.

Medidas obrigatorias de control e erradicación

A normativa indicada establece unha serie de medidas obrigatorias nas Zonas Demarcadas onde a praga está establecida:

-Obriga de comunicación á Consellería do Medio rural da afección.

´-Realización dos tratamentos fitosanitarios autorizados según as indicacións dos servizos oficiais, en canto se detecte a praga. Debido á normativa de utilización de fitosanitarios, na maioría de casos hai que usar formulados autorizados para usuarios non profesionais e para o ámbito da xardinería exterior doméstica, o que limita moito os produtos dispoñibles.

-As materias activas recomendadas son o Tiametoxán, o Imidacloprid, ou Clorpirifos, que están autorizadas para eses usos.

-Unha vez realizado o tratamento, nos días seguintes cortaranse os brotes e chupóns máis vizosos que son os ocupados polos psílidos, que serán queimados ou enterrados.

-Está prohibida a comercialización e movemento de cítricos e outras especies hospedantes (ruda, choysia, clausena, murraya, etc) tanto cara fóra da Zona Demarcada como dentro da mesma.

-Tamén está prohibida a comercialización de froitos cítricos con follas e pedúnculos.

Se ben a obriga de efectuar as medidas de erradicación é dos propietarios, en 2015 a Consellería do Medio Rural realizou tratamentos en algunhas zonas con elevada presenza da praga, nun intento de cortar a rápida dispersión da mesma; este ano volverán a realizarse tratamentos se ben será sólo en algunhas zonas limítrofes das Zonas Demarcadas e co mesmo obxectivo.

Outros organismos de corentena en Galicia

Hai máis organismos de corentena detectados en Galicia sobre os que se están a aplicar medidas oficiais de control, por exemplo o Fusarium circinatum en piñeiros, o cancro bacteriano do kiwi (Pseudomonas syringae pv. actinidiae), a Phytohthora ramorum en certas plantas de viveiro e xardín (como camelia, rododendro, e outras), o picudo vermello das palmeiras (Rhynchophorus ferrugineus), ou os nematodos Globodera rostrochiensis e G. pallida na pataca.

Asímesmo están a desenvolverse Plans de Prospección doutros ONC non atopados en Galicia pero que presentan un risco alto de aparición, como o lume bacteriano das froiteiras (Erwinia amylovora), as pudricións bacterianas da pataca (Clavibacter michiganensis sp. sepedonicus e Ralstonia solanacearum), ou máis recentemente a Xylella fastidiosa (que afecta a máis de 200 especies vexetais e que pode ser moi dañina en grandes cultivos como o viñedo, o olivar ou as froiteiras).

En xeral, a loita contra este tipo de organismos corentenarios ten por obxectivo a súa erradicación, pero isto resulta moi difícil, e na práctica hai que conformarse coa súa contención, e con todo non sempre se consegue.

A Lei 43/2002 de sanidade vexetal establece a obriga dos propietarios de adoptar e asumir os gastos das medidas de control ditadas pola autoridade fitosanitaria. En certos casos poden aprobarse axudas compensatorias para os afectados, pero por desgraza non é moi habitual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información