Nos últimos dous anos leváronse a cabo actuacións nun total de 2.465 hectáreas de monte da provincia de Lugo para frear o avance da incidencia dos fungos das bandas marrón (Lecanosticta acicola) e vermella (Dothistroma pini), que causan defoliación no piñeiro e rematan por debilitalo de xeito serio. O avance das pragas, que afecta especialmente ó piñeiro insigne (Pinus radiata), motivou que se autorizaran actuacións puntuais con tratamentos fitosanitarios. Tamén se executaron tratamentos con bioestimulantes e houbo axudas para traballos silvícolas cos que mellorar a ventilación das masas de piñeiros, o que contribúe a frear a expansión do patóxeno.
Os datos das actuacións realizadas fíxoos públicos o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, durante a súa comparecencia na Comisión de Agricultura do Parlamento, como anticipo do informe que o departamento ultima. Nestes dous últimos anos leváronse a cabo tratamentos en preto de 700 hectáreas de montes de xestión pública, cun custo de 270.000 euros, así como noutras 1.765 hectáreas en mans de distintos propietarios.
En concreto, aplicáronse tratamentos en 679 hectáreas de 121 particulares, así como en 763 hectáreas pertencentes a 21 comunidades de montes veciñais en mancomún e noutras 323 hectáreas xestionadas por 15 sociedades cooperativas. En total, actuouse en 22 concellos da provincia de Lugo, onde está centrado o plan de emerxencia, entre eles A Pastoriza, A Fonsagrada, Becerreá, Baralla, Lugo ou Ribeira de Piquín. “Houbo un maior número de solicitudes para tratamentos, pero algunhas delas non cumprían os requisitos para levarse a cabo por estar próximas a marxes fluviais ou ter outras limitacións”, concretaron dende Medio Rural.
Tal e como indicou Chan Rodríguez, para a xestión e organización dalgunhas das fases de control deste plan de continxencia contra a banda marrón contaron coa colaboración de persoal técnico das entidades que integran a Fundación Arume, tendo en conta que boa parte dos traballos se realizaron en época de risco de incendios na que o persoal dos distritos forestais tiña unha maior carga de traballo, segundo xustificou Chan.
Os traballos de aplicación dos tratamentos foron realizados por unha empresa galega cunha ampla traxectoria no tratamento destes fungos noutras zonas afectadas da cornixa cantábrica.
Están realizando ensaios con abonos foliares para mellorar o estado sanitario do piñeiro e conseguir unha maior resistencia á incidencia das bandas
No marco deste plan de actuacións fronte ós fungos das bandas dos piñeiros tamén se levaron a cabo analíticas para ter maior información sobre a situación sanitaria e a incidencia destes patóxenos. Estas analíticas amosaron que polo momento non hai presenza da banda marrón e o que atoparon foi un cóctel fúnxico principalmente de banda vermella, que é asidua do monte galego cando coinciden temperaturas temperás e humidade.
Xunto cos tratamentos, tamén están a levar a cabo outras accións para frear o avance dos danos das bandas. “Dende o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán están a traballar para incrementar a resilencia das masas de piñeiros tanto ás bandas como a outros retos derivados do cambio climático”, indicou Chan. Ademais, ante os ataques da banda vermella xa fixeron ensaios con abonos foliares que melloran a situación das árbores.
Axudas para a silvicultura
Unha das actuacións para combater a banda da marrón, tal e como recordou o José Luís Chan Rodríguez durante a súa comparecencia, son os tratamentos silvícolas. Neste senso, Chan incidiu nos 8 millóns de euros destinados a traballos de silvicultura este ano. Tamén anunciou que no 2022 prevén dedicar unha partida de 12 millóns de euros para accións silvícolas. “Mesmo o piñeiro radiata, se está nunha localización axeitada e se mantén cunha silvicultura axeitada, tamén pode ser bastante resistente fronte ás bandas”, explicou Chan.
Pola súa parte, durante a Comisión de Agricultura, o grupo socialista, quen solicitara información sobre a afección da banda marrón en Galicia, insistiu na necesidade de adaptar os modelos silvícolas para reducir a incidencia dos fungos, uns cambios que aínda non se consideraron precisos por parte da Consellería. Os socialistas tamén pediron que se elabore un mapa de danos por parte da Administración e unha maior implicación e xestión directa das actuacións para frear o avance das bandas, sen delegar a responsabilidade noutras entidades ou nas administracións locais.