Na parroquia dos Ánxeles, en Brión (A Coruña), un grupo veciños e veciñas parece resistir o ritmo frenético da globalización. Mentres a corrente da economía depende cada vez máis de mercados exteriores, a asociación Daquí Darredor vai camiño de facer dous anos dende que estreou a súa cociña colaborativa, orientada á transformación de produtos locais para a venda de proximidade.
Neste espazo, ubicado na sala máis alta do Centro Comercial Monte Balado e financiado pola Deputación da Coruña, a veciñanza organizada da comarca de Brión transforma en masas e conservas os excedentes das súas hortas que non teñen saída en fresco, cuns resultados artesáns profesionais e un rexistro sanitario escrupulosamente coidado.
O centro ‘Transformando en Brión” está dividido fundamentalmente entre a liña de conservas vexetais e a liña de masas, na cociña colaborativa deste concello coruñés fanse zumes, marmeladas, chutneys, chucruts, encurtidos, galletas, xeados, deshidratados, empanadas, pan e moito máis. Así ata chegar máis de sesenta tipos de produtos artesanais: “podemos facer case calquera cousa que nos plantexemos. O único límite que temos é a nosa propia produción. Intentamos traballar —sempre que podemos— con produtos agrícolas producidos na proximidade”, explica Carme Freire, unha das caras visibles da asociación que xestiona este espazo.
Daquí Darredor é unha sorte de oasis de cooperación veciñal onde máis de 70 persoas traballan en conxunto cos valores comúns da sustentabilidade e o aproveitamento máximo dos recursos da zona. Grazas á creación formal deste colectivo brionés, están comezando a comercializar os seus produtos en feiras e máis con hostaleiros que xa se interesaron polo proxecto.
Para poder contar ben de preto a historia desta iniciativa, fomos ata Brión a falar cos veciños e ver como traballan tanto na liña de produción de conservas vexetais, como na liña de masas e bolos.