A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Transfober, agricultura de precisión no manexo do xurro

A empresa de servizos galega, especializada na xestión e aplicación do xurro, aposta por aumentar a eficiencia no abonado orgánico, na liña na que xa se traballa no norte de Europa

Transfober, agricultura de precisión no manexo do xurro

O xurro é un recurso das granxas que compre optimizar para gañar en rendibilidade. Así o ven en Transfober, unha firma galega especializada na xestión do xurro que se distingue polo seu método de traballo. A empresa orientouse nos últimos anos a aumentar a eficiencia das aplicacións de xurro, de xeito que se iso se traduza en maior calidade de forraxe, maiores producións e aforro de abonos químicos para as granxas.

“Unha das claves está en acompasar a planificación de segas e sementeiras coas aplicacións de xurro. Sempre buscamos unha boa coordinación coas ganderías, xa que para nós o máis importante é cumprir cos tempos e dar un bo servizo”, explican na dirección da empresa.

O traballo en campo iníciase cunha análise a pé de foxa dos nutrintes do xurro, mediante un conductímetro. Eses datos permitirán coñecer os nutrintes que se aplican en cada parcela. “Sabendo as necesidades que ten o cultivo e os nutrintes que aporta o xurro, podes afinar máis no abono químico que precisas. Incluso temos experiencias de ganderías coas que traballamos que xa están abonando parte das pradeiras só con xurro, co conseguinte aforro de custos”, explica o director de Transfober, Marcos Mata.

Sistema
Para axilizar a xestión do xurro, Transfober traballa cun sistema de camións ríxidos que transportan o xurro da foxa ata as parcelas de aplicación. Na entrada da parcela, trasvásase o xurro á cisterna do tractor, que procederá á aplicación por medio dun inxector de patíns. Só nas fincas máis próximas á foxa, traballan directamente co tractor e a cisterna.

Carga da cisterna co inxector.

Carga da cisterna co inxector.

A precisión das aplicacións é un dos obxectivos de base de Transfober. Para elo, o tractor está dotado de GPS e a cisterna de caudalímetro, o que permite facer aplicacións de diferentes volumes de xurro en función do mapa de rendementos da parcela, no caso en que a gandería conte con eses datos.

Desde hai anos, Transfober fai xa todas as aplicacións de xurro cun inxector de 15 metros de ancho, un método que consideran que aporta melloras, con independencia de que haxa casos para os que non se axeite. “En tempo de aplicación, lévanos o mesmo tempo ou menos. En resultados, é un método que animaría a probar, para que cada un fale en base a súa experiencia”, valoran.

De cara ó futuro, Transfober proxecta incorporar un NIR na cisterna de aplicación, un sistema de análise do xurro que permitirá suministrarlle automaticamente ás granxas os datos exactos de nutrintes aplicados en cada parcela.

transfober - inxector posterior

Tamén valoran dotarse dun inxector de discos, unha tendencia, a do inxector de discos, que comprobaron que está dando bos resultados noutros países, non só a nivel agronómico, senón tamén na alimentación animal. “Hai estudos que indican que mellora a apetencia dos silos de herba para as vacas, co conseguinte aumento da inxesta de materia seca”, sinala Marcos.

“Temos moito contacto con empresas de servizos e fabricantes doutros países de Europa, como Alemania, e eles teñen dúas cousas moi claras. Primeiro, que o xurro é un recurso das granxas que hai que optimizar para gañar en rendibilidade. E segundo, que hai que empregalo dun xeito sostible ambiental e socialmente; facer as cousas ben e sen molestar a ninguén, en definitiva”, conclúe Marcos Mata.

Esa é a liña de traballo que está tamén a consolidar Transfober en Galicia. “Aí hai que destacar a implicación de todo o noso equipo humano, que traballa no día a día no campo. Temos un equipo con talento, mentalizado en facer as cousas ben e que participa na toma de decisións sobre as melloras a introducir”, resume Marcos.

Contacto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *