O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta que declara como proxecto de interese autonómico a ampliación das instalacións da sociedade Casa Grande de Xanceda, situada no concello coruñés de Mesía. A ampliación busca habilitar terreos para instalacións complementarias á actividade gandeira actual -planta de biogás e tratamento de xurros-, así como outras superficies para dar soporte ás súas actividades turísticas, culturais e de formación.
O ámbito da proposta afecta unha superficie total de 41.751 m², que forman parte dos terreos de arredor de 200 hectáreas propiedade de Casa Grande de Xanceda. Nesta superficie, a industria láctea xa conta con instalacións de 4.930 m², que pretenden ampliar coas do proxecto declarado de interese autonómico, no que se prevén outros 9.701 m2.
A previsión é que as novas instalacións se destinen a usos varios que complementarán a actividade gandeira actual, coma a nova planta de biogás, a ampliación da fábrica de iogures e a construción de novas oficinas, o que permitiría o redeseño das utilidades da casa agraria do século XVII existente. A maiores, estas novas edificacións albergarían unha sala multiusos para actividades turísticas e de formación, así como unha aula natura.
Xustificación da medida
Dende a Consellería de Medio Rural apuntan que esta declaración como proxecto de interese autonómico xustifícase en que as actividades desenvolvidas por Casa Grande de Xanceda son fundamentais para o sector agroalimentario ecolóxico galego. “É un modelo de desenvolvemento económico sostible no rural, por combinar un equilibrio entre a ecoindustria e o coidado do medio ambiente e benestar animal, promover a formación e a concienciación ambiental mediante visitas guiadas, ofertar programas de educación escolar continua en toda Galicia e realizar accións solidarias a nivel estatal”, recordan.
Casa Grande de Xanceda está operativa desde 1968 e conta con certificado ecolóxico desde 2004. Sitúase ademais no centro xeográfico dunha das comarcas con maior tradición leiteira da produción ecolóxica láctea galega, polo que os seus provedores de leite, produtos tecnolóxicos e loxísticos proceden en gran parte de toda a comunidade.
Estratexia de dinamización do lácteo
Esta declaración enmárcase na aplicación da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego (2020-2025), que configura este eido como estratéxico para o rural de Galicia, xa que achega o 1,5% do Produto Interior Bruto (PIB) da comunidade.
Un dos obxectivos desta planificación é conseguir que no 2025 o 75% do leite producido en Galicia se transforme na nosa comunidade. Nesa dirección, o último informe sectorial constata que se avanza nesa dirección e que no 2021 xa se transformou en Galicia máis do 63% do leite producido.