Traloagro, segundo premio estatal en Excelencia á Innovación no agro

A gandería de Friol, que produce vacún de carne e polos campeiros, ambos en ecolóxico, destaca nos últimos anos polas liñas de traballo para vender sen intermediarios a súa produción

Traloagro, segundo premio estatal en Excelencia á Innovación no agro

Isabel Gómez, de Traloagro, amosa produto final elaborado con carne da súa gandería ecolóxica.

O Ministerio de Agricultura vén de facer públicos os XII Premios de Excelencia a la Innovación para Mujeres Rurales, un galardón que este ano premiou un total de 12 iniciativas. Unha das premiadas é Traloagro, unha gandería de Friol que desenvolve dúas actividades en paralelo, a cría de vacún de carne en extensivo e a de polos campeiros, ambas producións certificadas en ecolóxico.

Traloagro, dirixida polos irmáns Isabel e Tito Gómez, enfocouse nos últimos anos a aumentar a liña de venda directa sen intermediarios, para o que abriu o seu propio centro de despece en Friol, ademais de contar con carnicería propia na praza de Abastos de Lugo e da venda directa que fan en Friol, nunha ecotenda que abriron especializada en produtos ecolóxicos.

O Ministerio outorgoulle a Traloagro o segundo premio en Excelencia á Innovación Agraria. O primeiro premio desa categoría foi para Agroforestal de Penyagolosa S.L. (Castellón), unha firma especializada na produción de árbores micorrizados con trufa negra e que tamén se adica ó cultivo agroecolóxico de hortalizas e trufas de secano en alta montaña.

O terceiro premio foi para GBlactics S.L, unha explotación de caprino, tamén da provincia de Castellón, que produce leite de cabra para venda directa, comercializa carne ecolóxica de cabrito e produce queixos baixo a súa propia marca, Cabritillo del Maestrazgo, ademais de esterco para o abonado de parcelas.

Outras categorías
Os premios do Ministerio para mulleres rurais contan ademais con outras tres categorías, unha orientada á pesca, outra a proxectos de comunicación e unha última de Excelencia á Innovación na Diversificación da Actividade Económica. Nesta categoría, premiouse en primeiro lugar á Asociación Cultural Grío (Codos, Zaragoza) por un proxecto orientado a crear emprego por medio de servizos sociais. As súas principais iniciativas foron un centro de menores, para nenos e mozos con necesidades especiais, e unha residencia de maiores.

Tamén recibiron premios na categoría de Diversificación a marca Spiga Negra, un obrador artesanal de pasta da comarca de Antequera (Málaga), de gran tradición cerealista, e L’Aresta Cooperativa (Tarragona), iniciativa que busca apoiar proxectos transformadores no rural.

Traloagro, unha volta ás orixes desde a emigración

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información