Traloagro erixiuse como gañador do XXV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, segundo deu a coñecer esta tarde, no Pazo de Montenegro de Lugo, o xurado encargado de emitir o ditame deste galardón convocado de maneira conxunta polo Grupo Aresa e a USC.
O xurado desta edición, na que se recibiron 13 candidaturas, estivo composto polo reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a presidenta de Aresa, Carlota López Pardo; o CEO de Torre de Núñez, José Manuel Núñez Torre, e o exreitor e catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, Senén Barro Ameneiro.
Traloagro, un proxecto empresarial en Friol que inclúe unha granxa de vacún, outra de polos -ambas en ecolóxico- e un centro de transformación cárnica, foi a elección final.
O reitor da USC iniciou a rolda de prensa repasando todas as propostas presentadas. Tras destacar que foran preseleccionadas tres delas como finalistas, Biogás-Frigoríficos Bandeira, Gandería Quintián e Traloagro, anunciou que Traloagro fora definitivamente a seleccionada “pola súa aposta polo desenvolvemento sostible, a busca de solucións diversas para poñer en valor o rural e polo seu impacto na sociedade como proxecto”.
Seguidamente, a presidenta de Aresa, Carlota López, expresou na súa intervención o agradecemento do grupo á Universidade, así como a José Manuel Núñez e a Senén Barro “por formar parte do xurado deste premio que, despois de vinte e cinco edicións, continuamos organizando con moita ilusión”.
Así mesmo, destacou que esta edición será especial para todo o grupo porque “o Premio celebra o seu vinte e cinco aniversario e tamén porque servirá de homenaxe ao meu tío, Álvaro Rodríguez Eiras, falecido este mes de xaneiro e verdadeiro impulsor desta iniciativa nuns tempos nos que o rural non era un foco mediático”. Lembrou que Álvaro Rodríguez quixo no seu día crear este galardón para “devolverlle ao agro parte do que o agro lle daba e lle segue dando á nosa empresa e para recoñecer aquelas iniciativas que apostan polo traballo e a vida no rural”.
Para rematar, o reitor da USC fixo tamén unha lembranza á figura de Álvaro e salientou que “desde a Universidade farase o posible para que a gala do Premio Aresa sexa recordada, precisamente na súa memoria”.
Entrega do premio
Ao remate do acto, anunciouse a data de entrega do galardón. O vindeiro venres 21 de febreiro a facultade de Veterinaria do Campus de Lugo acollerá a cerimonia.
O premio está dotado, como vén sendo habitual, con 10.000 euros e un diploma de mérito.
Candidaturas presentadas
Xunto con Traloagro, presentáronse como candidatos desta Chichalovers, Agrolistik, Aldealista, Asociación Fonte do Milagro, Asociación Mariñas Betanzos, Cátedra do Pan e do Cereal, Proxecto H2GZ Área Viveiro, Muvicla, Asociación Raíña Paraíso, Biogás-Frigoríficos Bandeira, Foro Emprendemento Rural e Gandería Quintián.