O proxecto de extracción de cobre que hai previsto nos concellos de Touro e O Pino, a cargo da multinacional Atalaya Mining, está a suscitar unha forte oposición veciñal. A dimensión prevista para o proxecto, que ocuparía nunha primeira fase 700 hectáreas de superficie, representa un problema tanto para os veciños como para as explotacións gandeiras, que perderían parte da súa base territorial e temen efectos secundarios da mina, como a contaminación das augas ou as consecuencias do po en suspensión que xerará a actividade mineira.
A plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non, que leva desde o outono desenvolvendo accións contra o proxecto, convocou para o domingo 25 de febreiro unha tractorada que sairá da antiga balsa mineira de Angumil e que rematará ante o Concello de Touro. Espérase a participación de boa parte das explotacións gandeiras da comarca, que xa teñen manifestado a súa oposición unánime á iniciativa mineira.
Desde o Sindicato Labrego, unha das organizacións que apoia a protesta, calculan que nos concellos de Touro e O Pino hai unhas 200 explotacións gandeiras con 5.000 reses. “A área afectada polo proxecto mineiro ameaza o emprego directo na gandería de arredor de 160 persoas”, calculan no Sindicato Labrego. A organización pon en cuestión os supostos beneficios que xeraría a mina pola creación de emprego e apunta aos negativos impactos que terá na actual económía local.
A organización agraria destaca casos coma o das parroquias de Bama ou Loxo, con granxas profesionalizadas, con xente nova e que acadaron unha certa dimensión nos últimos anos.