“A tracción animal moderna estase a converter nunha ferramenta para a agricultura de precisión”

Coñecemos da man de João Rodrigues, veterinario e presidente da Associação Portuguesa de Tracção Animal, distintas experiencias a nivel europeo de recuperación do uso de animais de tiro en traballos en viñedo, horta ou saca de madeira do monte

João Rodrigues, veterinario e presidente da Associação Portuguesa de Tracção Animal (Aptran), traballando cun burro

João Rodrigues, veterinario e presidente da Associação Portuguesa de Tracção Animal (Aptran), traballando cun burro

Coa chegada da mecanización agrícola a utilización de cabalos, burros, mulas ou vacas para tirar do carro ou do arado foi perdendo importancia até terse convertido en residual a día de hoxe na maioría de países desenvolvidos. Pero a recuperación da tracción animal está a rexurdir en Europa para traballos específicos nos ámbitos hortícola, vitivinícola ou forestal.

João Rodrigues preside a Associação Portuguesa de Tracção Animal (Aptran) e defendeu nunhas xornadas celebradas no Muvicla a utilidade dos animais para a realización de determinadas tarefas agrícolas e mesmo outras labores no ámbito urbano, como a recollida do lixo dentro dos cascos históricos. En determinados contextos, defendeu, o uso de animais é máis eficiente que a utilización de vehículos a motor.  

Agricultura respectuosa co solo e o medio ambiente

A tracción animal chegou aos nosos días relegada  en moitos casos a traballos a pequena escala no ámbito da agricultura de autoconsumo familiar ou en zonas de difícil acceso e mecanización, como áreas de montaña ou parcelas de pequeno tamaño.

Pero a tracción animal está a recuperarse a día de hoxe como unha ferramenta de agricultura de precisión en sectores profesionais como o da horta, explicou João, sobre todo en traballos intermedios (eliminación de herbas, aterrado, etc) que é necesario realizar entre o momento de labrar e o de recoller.

Esta tracción animal moderna leva aparellado o desenvolvemento de nova maquinaria específica e adaptada aos traballos a realizar nunha fusión entre nova tecnoloxía nos aperos e sistema de tiro tradicional. En EEUU, por exemplo, onde a comunidade amish segue a empregar exclusivamente tracción animal, adaptaron maquinaria actual como rotoempacadoras ou sementadoras para que funcionen con tracción animal.

Valor engadido no mundo do viño

En viñedos de zonas como Priorato, Penedés ou Ribera de Duero hai adegas que traballan con animais. Foto APTRAN

En viñedos de zonas como Priorato, Penedés ou Ribera de Duero hai adegas que traballan con animais. Foto: APTRAN

En Europa a reintrodución da tracción animal está a avanzar sobre todo no mundo do viñedo, pero tamén na xestión forestal ou noutros ámbitos relacionados co medio ambiente. “Cando hoxe falamos da importancia de conservar a paisaxe en lugares como Portugal ou Galicia, estamos falando dunha configuración agrícola creada pola tracción animal”, evidencia.

“Na viticultura está a reintroducirse a tracción animal porque se comezou a dar unha importancia vital ao solo. En Francia xa se deron conta de que traballando o solo con tracción animal mellora”, asegura João. En España, en zonas de Ribera de Duero ou de Cataluña, tamén hai adegas que están a realizar traballos con animais nos viñedos.  

Adegas de Francia, Ribera de Duero ou Cataluña realizan traballos con cabalos nos viñedos

É un xeito de vender unha produción máis natural e sostible, apreciada e demandada polo consumidor, e de poder trasladar este feito diferencial ao prezo dos viños, pero tamén un xeito de evitar problemas de compactación do solo, o que favorece o desenvolvemento da microbiota, algo que acaba sendo beneficioso para as vides.

Traballos dentro das masas forestais

trabalhos florestais (bosque) no âmbito do Laboratório Rural, na Paisagem Protegida do Corno de Bico, em Paredes de Coura (créditos: João Pedro Marnoto / APTRAN).

Traballos forestais na paisaxe protegida do Corno de Bico, en Paredes de Coura. Foto: João Pedro Marnoto/APTRAN

En países de Centroeuropa está estendido o uso de cabalos de tiro para a realización de traballos nos montes, sobre todo tarefas de xestión forestal intermedia como podas e clareos onde é difícil poder entrar con outro tipo de maquinaria forestal convencional.

“En Bélxica úsase a tracción animal dentro da mancha forestal para retirar a madeira do monte en podas e entresacas até zonas de carga a onde poden chegar os camións a cargar. É un traballo combinado de cabalos para a retirada con maquinaria forestal para o transporte posterior desde a zona exterior do monte”, explica João.

Luxemburgo ten unha lexislación que fomenta que no interior dos montes se empregue tracción animal

Ademais da versatilidade que aportan os animais no monte, neste tipo de actuacións búscase a coherencia. “Non tería lóxica que os traballos de conservación en determinados bosques con valores naturais se fixesen con maquinaria contaminante”, considera.

Por iso, a utilización de tracción animal está a gañar terreo nos traballos de recuperación ambiental, como aconteceu na retirada de piñeiros en zonas de turbeira da Serra do Xistral dentro do proxecto Life In Comon Land, nas que se empregaron cabalos para evitar a entrada de maquinaria pesada ao monte.

Dificultade para conseguir bos animais para traballar

Pero o descenso producido nas últimas décadas en lugares como Galicia no uso de burros, mulas ou cabalos no eido agrícola fai que sexa difícil atopar animais adaptados. “Hoxe é difícil conseguir animais con boas aptitudes para o traballo, porque se tirou por liñas xenéticas de produción de carne e perdeuse gran parte do acervo xenético que había”, recoñece João. “As razas de tiro grandes están en Europa. Alí nunca houbo unha quebra como existiu aquí, por iso somos moi dependentes hoxe da chegada de animais de Europa”, afirma.

Hoxe é difícil conseguir animais con boas aptitudes para o traballo, porque se tirou por liñas xenéticas de produción de carne e perdeuse gran parte do acervo xenético que había

Á hora de introducir animais de tiro nunha explotación, o presidente da Associação Portuguesa de Tracção Animal recomenda analizar primeiro que potencia necesitamos en función do traballo a realizar e adaptar deste xeito o tipo de gando a esas necesidades. Por exemplo, burros para traballo na horta, mulas para traballar en viñedo ou cabalos para arrastre de madeira no monte.

É necesario fomentar ao mesmo tempo o coñecemento do manexo do solo e dos animais. “Francia ten unha escola nacional de burros horticultores para formar a novos agricultores”, exemplifica.

A tracción animal ábrese paso na axenda europea

“Pouco a pouco os équidos de traballo están a entrar na axenda europea. Hai un interese renovado polas opcións tradicionais e vai gañando terreo o recoñecemento do papel dos pequenos agricultores na soberanía alimentaria”, considera João.

Pero ao mesmo tempo que mellora a consideración social cara aos produtores, as opinións animalistas máis radicais, procedentes na maior parte dos casos de entornos urbanos, están en contra do uso de burros, cabalos ou mulas para a tracción agrícola, o que exerce un certo contrapeso e un papel de freo a nivel dos avances na lexislación comunitaria.

Hai un interese renovado polas opcións tradicionais e gaña terreo o recoñecemento dos pequenos agricultores, pero as opcións animalistas radicais opóñense ao uso de animais na agricultura

Fóra dos ámbitos agrícolas, a tracción animal estase a recuperar para a promoción do turismo (paseos), así como tamén para determinadas labores en entornos urbanos singulares. “En vilas e cidades europeas a recollida do lixo en cascos históricos patrimoniais faise con animais, ao igual que a rega de maceteiros, para o que é máis eficiente un cabalo que parar e arrincar un vehículo a motor cada 20 metros”, razoa o veterinario da Aptran, que asesora tamén a agricultores en España na recuperación da tracción animal.

“Perdeuse moito coñecemento sobre o solo e as técnicas agrícolas a medida que foi aumentando a potencia dos tractores”

Tracción Animal burro agricultura de montaña Foto APTRAN

Tracción animal con burro nunha zona de agricultura de montaña. Foto: APTRAN

A tracción animal perdeu importancia en Europa e en EEUU sobre todo despois da Segunda Guerra Mundial. “Pero fóra da nosa burbulla do mundo occidental a tracción animal segue a ser fundamental para a alimentación da poboación”, lembra João. Segundo os cálculos da FAO, hai 115 millóns de équidos de traballo no mundo, a maior parte deles en países en vías de desenvolvemento.

Fóra da nosa burbulla do mundo occidental, a tracción animal segue a ser fundamental para a alimentación da poboación mundial

“Estamos nunha situación enerxética moi complicada porque partimos duns combustibles fósiles que van escasear nun futuro a curto prazo. Se non houbera guerra de Ucraína teriamos o mesmo problema, pero o conflito acelérao todo. Imos ter que facer cambios en todos os sectores, tamén no agrícola”, defende.

A tracción animal é unha enerxía limpa e renovable pero non encaixa no modelo económico actual, porque non se produce, almacena e distribúe

“As máquinas invadírono todo no campo e hoxe hai unha grande animadversión ao traballo manual que fai que teñamos unha esaxeración da maquinaria, porque a xente que quedou no campo ve niso un símbolo do seu status social. Pero perdeuse moito coñecemento sobre o solo a medida que se aumentou a potencia das máquinas e os agricultores de hoxe son en moitos casos unicamente tractoristas”, argumenta.  

Temos unha esaxeración da maquinaria porque a xente que quedou no campo ve niso un símbolo do seu status social

Este sobredimensionamento do parque de maquinaria é notable en lugares como Galicia, onde a media resultante entre o número de tractores e a SAU é duns 10 cabalos de potencia por hectárea de terra traballada, cando en países como Francia esta cifra sitúase en 3,5 cabalos por hectárea, case tres veces menos que en Galicia.

Una idea sobre ““A tracción animal moderna estase a converter nunha ferramenta para a agricultura de precisión”

  1. Xan

    Magnífica e interesante información. Este é o modelo que debemos implementar pra evitar barbaries coma as que se practican hoxendía na silvicultura, especialmente na ribeira, coa realización de bancais onde se altera de xeito moi grave a natureza do solo, mermando as cualidades produtivas deste e provocando unha forte erosión e perda de materia orgánica.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información