A Consellería de Medio Rural realizou obras preventivas nos concellos de Vimianzo e Camariñas, pertencentes ao distrito forestal V Fisterra. As accións levadas a cabo consistiron principalmente en melloras de masas e pistas forestais, por un investimento de 120.000€. Estes traballos enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais, o cal, no ano 2021, actuou nunhas 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000km de pistas e vías de comunicación.
No concello de Vimianzo realizáronse actuacións de mellora de pistas forestais no monte Coto de Gándara, para que os medios do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais teñan un mellor acceso ao monte. As obras consistiron en movementos de terra e baleirados, así como desmontes, execución de gabias e foxos, reparación de camiños con maquinaria; a inversión foi de case 17.500 euros. Nos montes de Montecelo e Piñeu realizáronse rozas manuais e mecanizadas de matogueira, clareos, podas e trituración de restos nunha superficie de 42 hectáreas, por valor de case 52.500 euros.
En Camariñas, os traballos interviñeron nos montes da Ínsua, Curbeiro e Cusiñadoiro, todos eles en zonas de alto risco de incendios. As obras consistiron na limpeza dos montes e na realización de labores silvícolas, tales como roza mecanizada, podas, recollida e apiado dos restos e a súa posterior eliminación nunha zona de 60 hectáreas. O custo destas actuacións foi duns 48.000 euros.