Traballos na horta en maio

Maio é un mes de gran actividade no que se concentra a plantación dos cultivos de verán e empezan a aparecer os primeiros problemas de mildeu e oídio.

Publicidade
Traballos na horta en maio

O mes de maio é un mes de máis luz e calor que, combinadas coa humidade das últimas choivas, fará que os nosos cultivos medren con forza. Tamén medrarán abundantemente as herbas polo que as sachas e aporcados ou aconchegados serán frecuentes.

Labores máis frecuentes:  

-É o momento de transplantar no exterior os grandes cultivos no verán: tomateiras, pementos, berenxenas, leitugas, acelgas…., tanto se o facemos con cepellón ou a raíz núa. As noites frías destes días aconsellan aprazar a plantación ata a semana que ven e mesmo para mediados de mes, sobre todo para tomates, pementos e berenxenas, en caso de que as plantemos no exterior. Se o facemos nun invernadoiro, non teremos este problema e poderemos plantar dende xa.

-Tamén estamos no mes idóneo para plantar directamente de semente tanto cenouras como xudías e todo tipo de cucurbitáceas: cabaciña, cogombro, cabaza, melóns, sandías…etc. O frío e o exceso de humidade poden facer podrecer as sementes, polo que se aconsella agardar uns días a que as temperaturas nocturnas suban un pouco.

-Poderemos seguir plantando cebola e porros.

-Maio é tamén o mes máis axeitado Galicia para a sementeira do millo. A plantación de millo doce para autoconsumo é unha alternativa interesante, máxime cando se trata dun cultivo que se da moi ben no noso país e non precisa de poucos coidados.

-Á hora de plantar non debemos esquecer que o abono debe estar maduro -non é recomendable aplicar esterco fresco- e nunca debe estar en contacto directo coa raíz.

-É o momento de realizar os semilleiros para os cultivos que queiramos transplantar no verán, como repolos, leitugas ou remolacha de mesa. Regarémolos cando sexa preciso xa que son moi sensibles á deshidratación nos días de calor.

-Polo demais, empezaremos a colleitar os cultivos de primavera: chícharos, fabas lobas, cebolas tenras e patacas novas.

-A calor e a humidade farán que empecen a proliferar fungos como o mildeu, sobre todo cando suban as temperaturas nocturnas. Para combatelo é recomendable facer tratamentos con caldo bordelés –cobre- cada dez días. Patacas e vide son os cultivos máis sensibles a este fungo, e polo tanto debemos estar vixiantes e facer os tratamentos periódicos para frealo.

-Outro fungo, o oídio, tamén se propagará coas condicións favorables que vai ter (humidade e calor). Un tratamento a base de xofre é o máis recomendable para combatelo, sobre todo en cultivos como o allo ou a cebola.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información