Recomendacións para o cultivo da horta en maio

Maio é un mes de gran actividade no que se concentra a plantación dos cultivos de verán e empezan a aparecer os primeiros problemas de mildeu e oídio.

Publicidade
Recomendacións para o cultivo da horta en maio

Maio é un dos meses de maior actividade nas hortas familiares, xa que nel se concentra a plantación de boa parte dos cultivos de verán (tomates, pementos, xudías, cebolas, patacas de tarde..etc). Velaquí uns consellos: .

Labores recomendadas na horta:

-É o momento de transplantar no exterior os grandes cultivos no verán: tomateiras, pementos, berenxenas, leitugas, acelgas, remolacha de mesa…., tanto se o facemos con terrón ou a raíz núa. No caso das berenxenas, máis sensibles ao frío, aconséllase agardar ata mediados de mes para plantalas en exterior. Se o facemos nun invernadoiro, non teremos este problema e poderemos plantar dende xa.

-Tamén estamos no mes idóneo para plantar directamente de semente tanto cenouras como xudías e todo tipo de cucurbitáceas: cabaciña, cogombro, cabaza, melóns, sandías…etc.

-Poderemos seguir plantando cebola e porros.

-Maio é tamén un mes axeitado Galicia para a sementeira do millo. A plantación de millo doce para autoconsumo é unha alternativa interesante, máxime cando se trata dun cultivo que se dá moi ben no noso país e precisa de poucos coidados.

-Á hora de plantar non debemos esquecer que o abono debe estar maduro -non é recomendable aplicar esterco fresco- e nunca debe estar en contacto directo coa raíz.

-É o momento de realizar os semilleiros para os cultivos que queiramos transplantar no verán, como repolos, leitugas ou remolacha de mesa. Regarémolos cando sexa preciso xa que son moi sensibles á deshidratación nos días de calor. Temos que valorar se nos compensa mellor comprar directamente a planta en cepellón ou a raíz núa, especialmente cando imos plantar pouca cantidade para autoconsumo.

-Polo demais, empezaremos a colleitar os cultivos de primavera: chícharos, fabas lobas ou cebolas tenras.

-A calor e a humidade farán que empecen a proliferar fungos como o mildeu, sobre todo cando suban as temperaturas. Para combatelo é recomendable facer tratamentos con sulfato de cobre cada dez días . Patacas e vide son os cultivos máis sensibles a este fungo, e polo tanto debemos estar vixiantes e facer os tratamentos periódicos para frealo.

-Outro fungo, o oídio, tamén se propagará coas condicións favorables que xa hai (humidade e calor). Un tratamento a base de xofre é o máis recomendable para combatelo, sobre todo en cultivos como o allo ou a cebola.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información