O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) está a traballar, en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), no desenvolvemento dun sistema avanzado de valoración nutricional dos alimentos co fin de determinar con precisión o valor enerxético e de nitroxenados das forraxes consumidas nas explotacións de vacún de leite.
Búscase ter información precisa sobre o valor nutricional das forraxes máis utilizadas nas explotacións de leite galegas para realizar un racionamento máis eficiente, reducir custos e gañar competitividade, entre outros aspectos, entre os que estarían tamén os medioambientais, grazas á redución de emisións producidas.
Trátase dun proxecto de investigación cooperativa que persegue incrementar a capacidade analítica do Ligal mediante a creación e mantemento de aplicacións NIRS innovadoras, que permitan a predición directa da composición química, dixestibilidade e degradabilidade ruminal da proteína en forraxes frescas e ensiladas (pradeira e millo forraxeiro), proporcionando os parámetros de enerxía e proteína requiridos polos modernos programas de racionamento para vacas de leite.
A mellora na eficiencia das racións podería supoñer un aforro para as explotacións de entre un 5 e un 10% dos custos de alimentación
A través desta tecnoloxía NIRS, relaciónase a información espectral dos alimentos cos datos de valor nutricional mediante técnicas estatísticas avanzadas, o que permite mellorar o manexo da alimentación animal para garantir a viabilidade económica e ambiental do sector produtor leiteiro galego, segundo destaca en nota de prensa a Consellería do Medio Rural. Neste senso, é preciso incrementar o uso de forraxes de calidade e a súa eficiencia de utilización no racionamento das vacas de leite para que o propio sector poida ser cada vez máis competitivo.
Así, un incremento de precisión na valoración nutricional das forraxes poderíase traducir nunha redución estimada de ata un 5-10% do custo da ración nas granxas leiteiras. Polo tanto, para un gasto estimado en alimentación anual das granxas leiteiras galegas de aproximadamente 400 millóns de euros, a aplicación xeneralizada das novas tecnoloxías podería achegar un beneficio de ata 20-40 millóns de euros cada ano para o conxunto do sector respecto da situación precedente.