A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Toxo, unha nova biofábrica galega que combate o gurgullo do eucalipto

A empresa coruñesa de servizos agroforestais e medioambientais Toxo comeza a comercializar esta tempada os parasitos contra o Gonipterus do eucalipto. Coñecemos como traballan

Toxo, unha nova biofábrica galega que combate o gurgullo do eucalipto

Javier Carnota, un dos socios da firma Toxo Servizos Agroforestais e Medioambientais. // Adolfo Enríquez.

A firma Toxo Servizos Agroforestais e Medioambientais leva dende o 2012 centrada en ofrecer todo tipo de servizos relacionados co ámbito agrario e forestal e dende este mesmo ano está tamén a ser unha das poucas biofábricas de Anaphes nitens, o parasito co que se combate o gurgullo do eucalipto, o Gonipterus platensis, unha das principais pragas para as plantacións galegas, que afecta especialmente á variedade Glóbulus.

A maior parte dos traballos de Toxo céntranse en servizos de enxeñaría e desenvolvemento de proxectos, así como consultaría para particulares, pero dan resposta a unha gran variedade de necesidades agroforestais. “Dende un principio decidimos non establecer limitacións sempre e cando se trate de propostas centradas no sector agrario e forestal”, explica Francisco Gómez, enxeñeiro técnico agrícola e responsable técnico na empresa, ademais dun dos 3 socios fundadores da entidade.

“Para nós é fundamental o coñecemento do territorio e da realidade galega”

Coa súa oficina en Compostela, abranguen toda a comunidade galega e céntranse tanto nas demandas de propietarios particulares como de peticións de Administracións ou entidades como comunidades de montes. “Para nós é fundamental o coñecemento do territorio e da realidade galega, por iso decidimos traballar en Galicia e non atender a demanda doutras zonas limítrofes como Castela, cunhas características moi diferentes”, detallan dende a firma.

Coñecer o rural galego

Precisamente, ese coñecemento do mundo rural galego e a súa capacidade técnica, posto que tanto os socios como o persoal que contratan contan con formación especializada, foi un dos motivos polos que se decidiron a comezar coa biofábrica. “Ó traballar día a día coa xente e no terreo vimos as dificultades que estaban tendo as plantacións pola presencia do gurgullo e a necesidade de contar con máis produción de parasitos para facer soltas”, explica Gómez. Tamén detectaron unha importante demanda por parte de particulares e comunidades de montes para levar a cabo estes tratamentos.

“A loita biolóxica é un campo en expansión, posto que cada vez se opta por tratamentos máis respectuosos co medio ambiente”

Decidiron apostar pola produción de Anaphes nitens posto que valoran que os tratamentos biolóxicos son un método cunha eficacia probada ó longo dos anos e máis respectuoso co medio ambiente que outras solucións como os fitosanitarios. “É un campo en expansión, posto que cada vez se está optando por alternativas que provoquen menos danos no medio e a loita biolóxica está nesa liña”, concreta Gómez.

Gonipterus-platensis---biofabrica-Toxo-Servizos-Ambientais-

Un exemplar de gurgullo que crían na biofábrica para obter ootecas, que logo parasitarán con Anaphes nitens. //  Adolfo Enríquez.

Dende a firma de servizos agroforestais inciden en que os tratamentos biolóxicos serán unha ferramenta máis no coidado das plantacións de eucalipto de cara a obter unha maior produtividade e rendibilidade. “A proliferación sen control de plantacións de eucalipto provocou que hoxe en día haxa cada vez máis restricións para continuar coas plantacións, redúcese a superficie dispoñible para esta fin e, polo tanto, é máis importante facer tratamentos axeitados para garantir a produtividade das plantacións”, detalla o enxeñeiro técnico.

“As plantacións forestais, sobre todo no caso do eucalipto, vanse parecer cada vez máis ós cultivos de forraxes, posto que precisan de coidados de silvicultura para ser rendibles, e que durante moitos anos se descoidaron”, concretan dende Toxo.

Instalacions-da-biofabrica-de-anaphes-contra-o-gorgullo-de-Toxo-Servizos-Agroforestais-

A biofábrica conta con dous traballadores encargados do coidado e supervisión dos insectos. // Adolfo Enríquez.

Unha biofábrica no rural

O proxecto da biofábrica xurdiu a comezos do 2018 e xa no 2019 foi tomando forma. Esta primavera é a primeira campaña para a que contan con produción. “A cría de Anaphes é un proceso lento, pero agora xa contamos cunha produción para cubrir unhas 30 hectáreas á semana, con perspectivas de seguir incrementando a produción”, detalla Francisco.

Contan cunha produción de Anaphes nitens para cubrir unhas 30 hectáreas de eucalipto á semana

A biofábrica está situada nunha pequena aldea de A Baña (A Coruña). “Podiamos ter optado por calquera ubicación para este tipo de producións, pero decidímonos por apostar polo rural para contribuír tamén a darlle vida”, explican dende Toxo. Recoñecen que esta decisión lles supuxo facer fronte a atrancos como a falta de servizos que noutras ubicacións terían máis dispoñibles, tales como a conexión a internet, unha problemática que, como lle aseguran, ten difícil solución a curto prazo.

Nestas instalacións, que atenden durante todo o ano 2 traballadores, dispoñen tanto de Anaphes nitens, como de Gonipterus platensis, posto que tamén precisan das postas de Gonipterus, as ootecas, para preparar as soltas do parasito. Así, baixo condicións de humidade e temperatura determinada, nunha sala crían os Gonipterus, mentres que noutra levan a cabo a parasitación cos Anaphes, que deixan listos para as soltas. “Pese a que estas instalacións teñen un funcionamento semellante ó de calquera outra granxa, posto que tamén criamos e atendemos animais, as características desta produción fan que se asemelle máis a un laboratorio que a unha granxa convencional”, recoñece Gómez.

Javier-Carnota-socio-de-Toxo-Servizos-Agroforestais-con-gurgullo-de-eucalipto-na-biofabrica_--

Javier Carnota, un dos socios da firma, amosa exemplares de gurgullo en ramas de eucalipto. // Adolfo Enríquez.

As soltas recomendan facelas tanto na primavera como no outono, unha vez que se detectan danos nas plantacións. “Este ano as condicións meteorolóxicas de choiva e temperaturas suaves están favorecendo o crecemento dos brotes novos e pode darse unha incidencia importante de gurgullo, polo que cómpre manter vixiadas as plantacións”, recomendan dende Toxo.

Insisten en que as soltas se deben realizar cando se detectan os primeiros danos, para evitar que a incidencia da praga sexa moi alta e poida perigar a súa supervivencia. “Aínda que as soltas son unha inversión importante ó longo do ano, se non se trata o gurgullo as perdas de produción estímanse que poden ascender a 1.400 euros por hectárea”, concreta o experto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información