Os produtos fitosanitarios son químicos con propiedades toxicolóxicas que poden ter repercusión de diversa gravidade na saúde das persoas. Polo tanto, hai que estar sempre alerta na manipulación e aplicación destes produtos, respectar as doses indicadas polo fabricante e aplicar as medidas de seguridade da etiqueta e das fichas de seguridade, para minimizar os riscos e traballar en condicións máis seguras.
Danos derivados de produtos fitosanitarios
Como axentes químicos perigosos, os produtos fitosanitarios poden causar danos no organismo. Os efectos para a saúde son moi variados en canto á sua sintomatoloxía e intensidade; poderíamos resumilos nos seguintes:
– Reaccións alérxicas.
– Efectos sobre o sistema nervioso central e periférico.
– Reaccións inflamatorias da pel e dos ollos.
– Algunhos praguicidas producen lesións nas zonas da pel e mucosas por onde penetran no organismo con efectos como: irritación, deterioro da visión, queimaduras, conxuntivite, rinite, larinxite, bronquite, esofaxite ou gastrite.
– Toxicidade sistémica específica en órganos como fígado e riles.
– Alteracións xenéticas e do sistema endocrino, efectos canceríxenos efectos sobre a reprodución e mesmo a morte.
Vías de entrada ao organismo
Debemos ter en conta que os produtos fitosanitarios poden penetrar no organismo por diferentes vías:
– Dérmica: a través de salpicaduras, derrames ou contactos coa roupa contaminada.
– Respiratoria: inhalación de substancias suspendidas na atmosfera.
– Oral: inxira accidental do produto ou de comida e bebida contaminada
– Parenteral: a través de danos na pel, feridas desprotexidas…

Etiquetas e fichas de datos de seguridade
A composición das formulacións comerciais dos produtos fitosanitarios é complexa, polo tanto, para coñecer os danos á saúde específicos de cada produto, é necesario consultar a súa etiqueta e fichas de datos de seguridade.
Na etiqueta temos información sobre o produto e a súa perigos, os riscos que supón a súa manipulación ou uso e as medidas preventivas que se deben adoitar. Tamén recolle os pictogramas de perigo, frases de risco (frases R ou frases H) e consellos de prudencia (frases S), as medidas que se deben tomar en caso de intoxicación e a xestión dos envases.
A información da etiqueta compleméntase nas Fichas de Datos de Seguridade (FDS), que son documentos que recollen de maneira detallada a información relevante sobre o produto: as súas propiedades físicas e químicas, os requirimentos de seguridade asociados ao seu transporte, manipulación uso ou almacenamento, así como os posíbeis riscos tanto para a saúde coma para o medio ambiente, recomendacións sobre primeiros auxilios e mesmo como actuar en caso de derrame accidental. Estas fichas deben estar á disposición das persoas que traballan cos produtos e son imprescindíbeis para realizar a avaliación de riscos.
Avaliación de riscos
O risco por exposición laboral a produtos fitosanitarios depende da toxicidade do preparado e do tempo de exposición.
Mediante a avaliación de riscos coñeceremos a gravidade dos mesmos e a probabilidade de que estes se materialicen nun dano, de maneira que se poidan aplicar medidas preventivas, así como o tipo e a orde de prioridade das mesmas. No caso dos produtos fitosanitarios, a gravidade dos riscos avalíase en base á información toxicolóxica do produto e a probabilidade de que ocorra un dano en relación coa exposición ao mesmo. A maior toxicidade do produto, maior gravidade do risco; e a maior tempo de exposición, maior probabilidade de que o risco se materialice en dano.
Unha vez coñecido o nivel de risco, estableceranse as medidas de prevención e protección que se deben aplicar, e a planificación das mesmas, actuando de xeito máis inmediato a maior risco, e podendo, en casos extremos e de risco grave e inminente, deter a actividade.
As medidas preventivas deben adoitarse atendendo á seguinte orde de prioridade:
– Eliminación do risco: Evitar o uso de produtos fitosanitarios sempre que sexa posíbel, empregando métodos alternativos de control de pragas ou substituíndo o praguicida por outro menos tóxico.
– Redución ou control do risco: coa aplicación de medidas técnicas (pulverizadores apantallados, boquillas de baixa deriva, cabinas pechadas nos tractores…) e boas prácticas de traballo: ter en conta a dirección do vento, minimizar o número de operacións, uso de envases de tamaño axeitado que faciliten a súa manipulación en condicións de seguridade, etc.
– Protección das persoas traballadoras : Equipos de protección individual que sexan de carácter persoal e intransferíbel: roupa e luvas de protección, equipo de protección respiratoria, lentes, pantallas faciais, gorras, botas, mandís, etc.
Principios xerais de prevención na aplicación de fitosanitarios
Deben aplicarse sempre que se traballe con produtos fitosanitarios, independentemente da magnitude da exposición.
– Aterse ás concentracións e ás doses da etiqueta e realizar a mestura ao aire libre ou en lugares ben ventilados.
– Os utensilios empregados serán de uso exclusivo para este fin, evitando derramos, salpicaduras e o contacto directo co produto. Evitarase o transvase de fitosanitarios, tratando sempre de mantelos no seu envase orixinal.
– Entregar os envases baleiros non puntos designados por Sigfito.
– Comprobarase o correcto funcionamento do equipo de aplicación e someteranse ás inspeccións establecidas normativamente.
– Evitar a aplicación en días de vento, choiva ou excesivamente calorosos. Avanzar sempre en sentido contrario á nube de pulverización.
– Afastar da zona aquel persoal alleo á aplicación.
– Non permanecer na zona de aplicación máis tempo do necesario.
– Sinalizar a zona e respectar os prazos de seguridade.
– Cambiarse de roupa, lavala separadamente e ducharse.
– Limpeza e mantemento de todos os equipos usados.
– Non introducir nunca elementos contaminados na boca, non comer, beber ou fumar durante todo o proceso.
– Reducir ao mínimo o número de persoas expostas, e garantir que o persoal aplicador se atopa cualificado debidamente e está en posesión do carné de manipulador de fitosanitarios.
Equipos de protección individual (EPIS)
Teñen como obxectivo protexer as vías de entrada dos fitosanitarios no organismo, polo que incluirán equipos de protección individual da cara e dos ollos, do corpo, das mans e dos pes e das vías respiratorias. Os EPIS deberán ir provistos da marcación CE de conformidade e acompañados dun folleto informativo que conterá, entre outras, indicacións sobre o tipo de protección que ofrecen, data de caducidade ou xeito de mantelo, limpalo e almacenalo.
Á hora de seleccionar as características dos equipos de protección individual, teranse en conta os resultados da avaliación de riscos e, concretamente, a información das Fichas de Datos de Seguridades ( “Controis da exposición. Protección individual”) e da etiqueta do produto.
Elaborado por Iria Deibe Suárez, Técnica Superior de Prevención de Riscos Profesionais.
Fontes:
Issga, Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral: Folla de prevención nº 3 e Atende Agro.
INSST: Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo: Documentos Técnicos: Prevención de Riesgos durante el uso de productos Fitosanitarios. Situaciones de Trabajo Peligrosas Basequim 014ª.
ISTAS, Instituto Sindical de Trabajo, Ambiente y Salud: Guía de información y sensibilización: prevención de riesgos asociados a plaguicidas.
Galego









Control OJD