Tostado do Ribeiro: o rei dos viños galegos

O tostado é o viño máis valioso e escaso de Galicia. Este viño doce natural elabórase en producións moi limitadas no Ribeiro, seguindo unha tradición que se remonta a varios séculos atrás. O seu prezo supera os 80 euros o litro.

Publicidade
Tostado do Ribeiro: o rei dos viños galegos

Tostado do Ribeiro

O “Tostado do Ribeiro” é un viño doce elaborado de forma tradicional nesta rexión vinícola galega. Os entendidos cualifícano como un viño “caprichoso”, pois non todas as colleitas valen para elaboralo, complexo de elaborar e escaso.

Do mesmo xeito que o Tokay, o seu parente húngaro, o Tostado do Ribeiro é un viño naturalmente doce por sobremaduración da uva. E mentres que o Tokay foi considerado como “Viño de Reis, Rei dos Viños”, o Tostado do Ribeiro foi o viño nobre dos pazos e da fidalguía do val do Ribeiro. As súas referencias documentadas remóntanse ao século XVII, aínda que é probable que xa se elaborase con anterioridade. A praga da filoxera, que arrasou os viñedos galegos e o esmorecemento da pequena burguesía e nobreza do Ribeiro a finais do século XIX estiveron a piques de facer que se perdese a súa elaboración, que se mantivo nas casas dos viticultores ricos como un signo de prestixio social.

Argimiro Levoso, xerente da Cooperativa Viña Costeira impulsou a súa recuperación e desde o ano 2005 o Consello Regulador da Denominación de Orixe ampara o “Tostado do Ribeiro” como un viño doce. Actualmente son dous as adegas que o comercializan: o grupo Reboreda-Morgadío, coa súa Alma de Reboreda, e a Cooperativa Viña Costeira coa súa Ribeiro Tostado de Costeira Treixadura.

Precisamente, o enólogo da cooperativa, Manuel Castro González, participou o pasado 28 de abril nunha xornada organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) sobre “Viños doces: innovación en procesos e tecnoloxías” para explicar a elaboración do Tostado do Ribeiro.

Non todas as vendimas valen para elaborar Tostado

“O primeiro que hai que dicir -advirte- é que é un viño caprichoso, pois só valen para elaboralo as boas vendimas de anos como o 2015, con tempo seco e asollado no mes de setembro, pois o acio é preciso vendimalo no punto óptimo de maduración”. A variedade preferida é a tradicional Treixadura, debido a que presenta maior capacidade de deshidratación sen romper o pelexo da uva.

Unha vez seleccionados coidadosamente os mellores acios, cólganse nun cuarto escuro onde pasarán entre 3 e 6 meses deshidratándose nunha atmosfera natural, xa que a normativa do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro prohibe expresamente a utilización de estufas ou ventiladores para o seu secado.

“O que se produce nesta sobremaduración é unha perda de auga, cunha redución de peso do acio de ata o 50%, e unha concentración dos azucres e do resto de compoñentes sólidos da uva que multiplica por dúas os valores iniciais”, explica Manuel Castro.

“De 100 quilos de uva elabóranse 20 litros de Tostado”

Alcanzado o punto óptimo de pasificación, as uvas esprémense nunha prensa tradicional, un proceso laborioso pola alta densidade do mosto. De alí pasa a unhas barricas de carballo onde fermentará de forma natural entre mes e medio e dous meses.

O enólogo da cooperativa Viña Costeira destaca que “a fermentación é lenta e complexa, polo alto contido en azucres, e acábase de forma natural cando se esgotan os fermentos”. Un proceso natural que contrapón ao dos viños licorosos, (Xerez, Oporto…etc), nos que a fermentación do viño se “apaga” engadindo alcol.

A diferenza dos viños licorosos, a fermentación do Tostado do Ribeiro é natural

“Isto fai que o Tostado do Ribeiro sexa un viño doce e moi ben ensamblado, cun grao alcohólico de entre 14 e 15 graos, e moi agradable de beber”, destaca Manuel Castro. Ademais, lembra que “ao ser pasificado nun lugar escuro, o Tostado mantén a acidez natural da uva Treixadura, polo que no padal ten un dulzor acedo, cun bo equilibrio entre alcol e acidez”.

Pero a elaboración do Tostado do Ribeiro é longa e delicada. Despois da fermentación aínda falta a súa maduración en barrica un mínimo de 6 meses, e un último paso: o seu repouso en botella un mínimo de 3 meses.

As súas producións no mercado son limitadas: entre 1.500 e 2000 botellas de 0,5 litros por ano. “Nestes momentos estamos a vender a botella en adega a uns 40 euros”, asegura Manuel Castro. Un prezo caro? Depende. “Con 100 quilos de uva elabóranse uns 70 litros de viño, pero se é tostado só se elaboran 20 litros coa mesma cantidade”, explica o enólogo da Coooperativa Viña Costeira. “Máis que que caro, diría que é un viño valioso e custoso”, conclúe.

O viño que daba a benvida e o adeus á vida

Manuel Castro explica que o uso do Tostado do Ribeiro estaba tradicionalmente vinculado aos momentos máis importantes da vida. “Era un viño moi cerimonial, que se utilizaba para darlle de beber aos moribundos, para que levasen un recordo doce da vida; tamén se utilizaba para realizar as pedidas de man dos noivos e para as mulleres parturentas, xa que polo seu alto contido en potasio e en fructuosa parecer ser que provoca un efecto analxésico”, explica. Hoxe en día as tradicións cambiaron pero o consumo do Tostado do Ribeiro segue vinculado aos momentos especiais da vida.

 

Selección dos acios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información